The Rapants publicará o 14 de marzo o seu novo álbum, LA MÁQUINA DEL BUEN ROLLO

O terceiro LP da banda muradá, o máis “cañeiro” ata o momento, consta de nove temas, entre os que se inclúen os sinxelos Blaster W4U e Rue Franklin


Comeza a conta atrás para a posta en marcha de La máquina del buen rollo. O terceiro e agardado novo LP de The Rapants, a banda que despunta no marco do panorama musical galego, xa ten data de lanzamento e as súas novas creacións verán a luz o xoves 14 de marzo. O disco, “máis tranqui pero máis cañeiro que os anteriores”, e do que o grupo salienta a produción e o seu son, “moi próximo ao que o público pode escoitar en directo”, estará dispoñible tanto nas principais plataformas dixitais coma en formato físico. 
La máquina del buen rollo é a nova creación de Matías, Samu, Xanma e Xaquín, o cuarteto muradán que asina algúns dos temas máis bailados do pasado verán, como La favorita ou O Avión. Este mes de marzo publica o seu novo traballo discográfico, do que xa se coñecen os dous primeiros avances: Blaster W4u, e Rue Franklin. Agora, en tan só quince días, poderanse escoitar as outras sete cancións que completan o álbum, un traballo no que conviven as letras e os estribillos “de estilo rapante”, e que destaca pola variedade estilística ao servizo da música disco, do baile e, como reza o propio nome do álbum, ao cabo, “do bo rollo”.
Así, se con Blaster W4u -o primeiro sinxelo do LP- The Rapants sorprendía ao público cun tema animado, que deixaba entrever o ambiente disco e bailable do álbum -que semellaba un punto de inflexión respecto a O corasón como un after-, coas guitarras de Rue Franklin amosaba que o rock máis enérxico e característico do grupo, recoñecido pola forte conexión que establece co público nos seus directos, estaría moi presente en La máquina del buen rollo. Precisamente esta era a intención da nova produción, gravada por Paco Loco nos seus estudios de Puerto de Santa María o pasado mes de outubro: conseguir plasmar a enerxía que The Rapants desprende sobre o escenario e que é o seu sinal de identidade.

La máquina del buen rollo’, ao vivo
Algúns dos temas do novo disco de The Rapants soarán, como avances, o 9 de marzo en Bruxelas, durante a celebración do festival EmigraSon, mais non será até o 23 de marzo cando teña lugar a festa de presentación oficial do disco, cuxas entradas “voaron” a mañá na que se puxeron á venda: os billetes para a Sala Capitol esgotáronse aos 15 minutos. A resposta do público provocou que a banda reservara, inmediatamente, unha segunda data no recinto o domingo 24 de marzo. As entradas para esta nova cita vendéronse, na súa totalidade, en menos de dúas horas.
A banda muradá afronta o 2024 cunha chea de concertos xa confirmados, como a súa participación no Ourensound, Surfing The Lérez, Portamérica, SonRías Baixas ou Osa do Mar, entre outros. Ademais, é finalista nos Premios Mestre Mateo do audiovisual polo videoclip de Fai tempo, e é candidata aos Premios MIN da Música Independiente en sete categorías: Mellor artista emerxente, Mellor videoclip, Mellor directo, Mellor álbum de pop, Mellor álbum en galego, Mellor produción musical e Mellor letra orixinal. 

Tracklist ‘La máquina del buen rollo’

1. Meu Cariño
2. Tuenti

3. Blaster W4u4. A Lus
5. Rue Franklin
6. Chusma Riders
7. Novio Imaginario
8. Country Asesino
9. Cando Pensa En Min 
Autoría e produción: The Rapants.
Gravado e misturado en Paco Loco Recording Studios (Puerto de Santa María, Cádiz).

Enlace pre-save: https://links.altafonte.com/2kvmq9w

20240229-La-Maquina-del-buen-rollo-

‘Rue Franklin’, o novo sinxelo de The Rapants, xa está dispoñible

O tema, publicado hoxe mércores 14, é o segundo adianto do novo álbum da banda muradá, nomeado La máquina del buen rollo, e que verá a luz o vindeiro mes de marzo

Rue Franklin, o novo tema da banda muradá The Rapants, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. Trátase do segundo avance do LP La máquina del buen rollo, álbum que se publicará nas vindeiras semanas e para cuxa festa de presentación -unha dobre celebración que terá lugar os días 23 e 24 de marzo na Sala Capitol de Santiago- xa non quedan entradas dispoñibles. 

Rue Franklin -cuxo nome rende homenaxe a unha vía de Bruxelas coñecida pola banda- é un tema de esencia disco, dando así continuidade á liña marcada por Blaster W4u, o primeiro sinxelo do LP, aínda que nesta ocasión a creación é máis rockeira e enérxica; algo que tamén acontece con outros temas dun álbum cuxa variedade estilística poderá escoitar o público a partir do mes de marzo.

O novo adianto de La máquina del buen rollo tamén conta cun videoclip, dirixido nesta ocasión por Manu Seoane. “Vivimos mil anos en un” canta The Rapants no tema, unha idea que serve como punto de partida para que tanto os catro membros do grupo coma a parella protagonista -interpretada por Eva Ramudo e José Santamaría- viaxen desde o salvaxe oeste até os anos 80. Rodado en localizacións como a Discoteca La Luna de Pontevedra, ou na Hípica e Granxa Escola Bergando de Negreira, a peza audiovisual pódese ver a través de Youtube

20240214-Rue-Franklin-e-o-novo-sinxelo-de-The-Rapants