O tema, publicado hoxe mércores 14, é o segundo adianto do novo álbum da banda muradá, nomeado La máquina del buen rollo, e que verá a luz o vindeiro mes de marzo

Rue Franklin, o novo tema da banda muradá The Rapants, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. Trátase do segundo avance do LP La máquina del buen rollo, álbum que se publicará nas vindeiras semanas e para cuxa festa de presentación -unha dobre celebración que terá lugar os días 23 e 24 de marzo na Sala Capitol de Santiago- xa non quedan entradas dispoñibles. 

Rue Franklin -cuxo nome rende homenaxe a unha vía de Bruxelas coñecida pola banda- é un tema de esencia disco, dando así continuidade á liña marcada por Blaster W4u, o primeiro sinxelo do LP, aínda que nesta ocasión a creación é máis rockeira e enérxica; algo que tamén acontece con outros temas dun álbum cuxa variedade estilística poderá escoitar o público a partir do mes de marzo.

O novo adianto de La máquina del buen rollo tamén conta cun videoclip, dirixido nesta ocasión por Manu Seoane. “Vivimos mil anos en un” canta The Rapants no tema, unha idea que serve como punto de partida para que tanto os catro membros do grupo coma a parella protagonista -interpretada por Eva Ramudo e José Santamaría- viaxen desde o salvaxe oeste até os anos 80. Rodado en localizacións como a Discoteca La Luna de Pontevedra, ou na Hípica e Granxa Escola Bergando de Negreira, a peza audiovisual pódese ver a través de Youtube

20240214-Rue-Franklin-e-o-novo-sinxelo-de-The-Rapants