Mondra publica este venres 1, con AIDA, ‘RUANDO’, un novo avance de ARDĒN

O tema, unha peza que enlaza os coidados e o amor propio, chega ás 00.00 horas ás principais plataformas dixitais acompañada dun videoclip, o segundo capítulo das Crónicas d’ ARDĒN, cuxo teaser xa está dispoñible en Youtube

RUANDO, o novo sinxelo de Mondra con AIDA, verá a luz este venres, 1 de setembro, ás 00.00 horas, nas principais plataformas dixitais. O tema, creado polo propio Mondra con Berto, é un tema moi íntimo, ateigado de tenrura, que enlaza os coidados e o amor propio.

RUANDO é o último avance que se fará público antes do lanzamento de ARDĒN, o álbum debut de Mondra, o vindeiro mércores 20 de setembro. “Pensamos este tema como un cantar de berce. Cantámosllo a esa persoa que precisa descansar. Que precisa un espazo para aceptarse e convivir consigo mesma. Remata dun xeito moi alegre, moi arriba, celebrando a autoaceptación”, explica Mondra, quen salienta a colaboración de Aida Tarrío (Tanxugueiras), “unha das mellores vocalistas do país”, e con quen comparte amizade desde o seu traballo conxunto no espectáculo Demente, (2020) de Fran Sieira Compañía de Danza.

O novo sinxelo de Mondra acompáñase dun videoclip, dirixido por Xaime Miranda, que supón o segundo capítulo das Crónicas d’ARDĒN, continuando a serie iniciada o pasado mes de marzo con PUNHETA. Nesta creación, vese á resistencia ARDENTE, cuxo símbolo apareceu esta semana nas rúas de Santiago de Compostela, coma protagonista. Unha resistencia (encarnada por artistas coma Sabela Domínguez, Julia Laport, Maruxa Montero, Loaira Lázare ou Diana Kurich, entre outras) que loita contra a opresión exercida, neste vídeo, por intérpretes como Paula Cereixo, Monti Castiñeiras e Julio Cores. Así, a peza audiovisual encarna unha das máximas do manifesto escrito por Mondra: “EN ARDĒN, hónranos o resistir na terra. Hónrannos o orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario”.

ARDĒN, o álbum debut de Mondra, é un traballo conceptual no que o cantareiro abre a porta a unha terra diversa. Así, ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade. É na FOLĪA onde xorde a máxima expresión das súas músicas. E este mesmo espazo libertario, esta FOLĪA das ARDENTES, é a que chegará o 29 de setembro á Sala Capitol de Santiago na presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. Unha experiencia musical, visual e performativa na que, sobre o escenario, estará acompañado de convidadas especiais, todas e cada unha das ARDENTES partícipes no primeiro álbum de Mondra. As entradas están dispoñibles en www.salacapitol.com.


MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico. Producido por Berto, ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva, que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa. Os primeiros cortes que xa se coñecen de ARDĒN son SACOdePULGAS, Beijos de LK, PUNHETA! (con Fillas de Cassandra) e RUMBAMBĀ.

20230831-NP-Mondra-publica-RUANDO