No FIOT33 o espectáculo ‘Moby Dick’ para toda a familia, triple sesión de Rúa dos Contos e grandes mulleres: ‘#MQVS’ e ‘Olvido Flores’

Esta fin de semana, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, inaugura o seu Programa de Sala coa estrea absoluta de ‘Mulleres que viven soas #MQVS’, o sábado 5 de outubro, ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.

Neste 2024, o FIOT establece unha alianza con Berrobambán, unha das compañías máis consolidadas do panorama galego, para esta estrea na que se integran dous dos eixos constantes do noso festival, a narración oral e a temática feminina. A autora da obra é Paula Carballeira, Xograresa de Outono do FIOT, que recentemente sumou aos seus numerosos galardóns o Premio Nacional de Literatura Dramática.

As mulleres que viven soas sempre foron sospeitosas. Tres mulleres son as protagonistas, as tres bruxas de Macbeth na peza de Shakespeare. Tres bruxas que encarnan os males deste mundo e que nos serven de referencia para rirnos da diferenza entre como nos ven (ou nos contan) e como nos sentimos nós dentro das nosas casas. Xa se sabe, as bruxas, coa súa teima de liberdade e de coñecemento, asustan.

A orixe deste proxecto é unha sesión de contos de Paula Carballeira que, posteriormente, medraría cunha serie de podcast que recollen experiencias e retratos íntimos de mulleres Agora convértese nunha comedia híbrida entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino interpretado por Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo, tres das contadoras de historias máis relevantes do país, que darán voz e corpo a historias reais e personaxes femininas de ficción.

Antes, o mesmo sábado 5, contra ás 13.00h, terá lugar a primeira sesión deste 2024 de Onda FIOT, Escola do Espectador nas Ondas. Deste xeito, regresan as conversas escénicas e culturais cos equipos artísticos dos espectáculos programados no FIOT. Cada sesión, arredor dun café ou vermú, ten entrada libre e estará guiada por un xornalista especializado. As entrevistas son gravadas en vivo para ser logo escoitadas á carta en ww.fiot.gal, en formato podcast, sempre que o público o desexe. A primeira sesión xirará ao redor de Mulleres que viven soas #MQVS  e narración oral, coa participación de Paula Carballeira, María da Pontragha, Vero Rilo, Avelino González e Cándido Pazó. Moderan os xornalistas Dani Galindo e Raúl Losánez. Será no Pazo da Cultura de Carballo (andar 0, Salón Social), con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Ademais, a Praza do Concello de Carballo será testemuña a tarde deste venres, 4 de outubro, da función para toda a familia da compañía Pedras de Cartón ‘Moby Dick’. Ismael, un mozo que embarca nunha baleeira para enfrontarse a perigosas aventuras, atoparase cunha balea, un enorme cachalote de tres metros. ‘Moby Dick’ é unha adaptación libre e esteticamente espectacular da obra clásica de Herman Melville. Montado sobre un triciclo autónomo, a figura deste animal mariño moverá o seu corpo, abrirá e pechará os ollos, e incluso expulsará auga, creando un xogo dinámico e interactivo co público. Pedras de Cartón presenta o seu novo espectáculo de rúa, sen apenas palabras, onde a comedia e unha posta en escena impresionante capturan a esencia dunha historia que atrapa a toda a familia. A compañía é recoñecida pola adaptación de clásicos da literatura ás novas linguaxes e estéticas, para achegar o teatro clásico aos máis novos, polo que obtiveron a Mención Especial no Festival de Almagro e varios nomeamentos aos Premios María Casares.

Pola súa banda, a Rúa dos Contos regresa aos bares de Carballo este mesmo venres, cunha dobre sesión: 

‘Contos entre cordas’ (ás 21.00h no Casino 1889): Como reunir nun palco a unha narradora galega e a unha arpista francesa? Cal é a relación entre Claude Debussy e San Andrés de Teixido? O vínculo entre as rosquillas e a música romántica, entre a tradición oral galega e o repertorio da arpa clásica, entre os contos e as cordas. Percorreremos un mesmo camiño na busca dun lugar común entre as nosas dúas formas de expresión. Entre a palabra de María da Pontragha, antropóloga e contadora de historias que sempre pon o acento na cultura das xentes de aldea como parte do realismo máxico da Pontragha, e a música de Bleuenn Le Friec, recoñecida arpista bretoa e galega de adopción.

‘Instruccións para tomar café’ (ás 23.00h, no Cafe Colón): Retratos debuxados con humor e retranca onde a bondade e a mesquindade, o éxito e o fracaso, o real e o imaxinado conviven en perfecta desharmonía. Esta escolma de historias que falan de nós, os humanos imperfectos que somos, está inspirada nos relatos de Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala. O contador de historias Carlos Rebolo, que leva anos arrincando sorrisos e reflexionando desde o escenario, estrea na nosa Rúa dos Contos o seu novo espectáculo, disposto a facernos rir de nós mesmos e reflexionar sobre a vida ou, polo menos, sobre como tomar café.

A terceira cita da fin de semana coa Rúa dos Contos será mañá, sábado 5, cun concerto de Carta de Axuste, onde tocarán a xeito de parodia O mellor e peor dos 80 e 90 (ás 23.00h, na Taberna O Patacón).

Finalmente, da man de Camiño Escena Norte, o FIOT33 acollerá, o domingo 6 de outubro, ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, a función de Estefanía de Paz Asín ‘Olvido Flores’, dentro do OTNI (Obxecto Teatral non Identificado), coas últimas entradas dispoñibles a través da plataforma Atquilla: 

https://entradas.ataquilla.com/es/ventaentradas/default_category/537-salon-de-actos-do-pazo-da-cultura/x3agfrfg-33-fiot-carballo-otni-estefania-de-paz-asin-olvido-flores

En xullo de 1936 o Circo Anastasini chega a Lodosa, en Navarra, e os seus membros desaparecen sen deixar rastro. Din que algúns foron fusilados e que o resto se viron obrigados a entreter á tropa. ‘Olvido Flores’ conta unha historia de amarga beleza, poesía, circo e guerra; unha homenaxe á memoria e ao recordo. Estefanía de Paz rescata relatos que cobran vida a través de obxectos convertidos en personaxes que contan o que pasou naquela escura noite, iluminando a súa historia, a nosa historia. A intérprete e creadora é unha artista multidisciplinar que combina o seu traballo con outras compañías coas súas creacións propias.

Os bonos do Programa de Sala estarán dispoñibles ata este venres 4 ás 23.59 h.

O sábado 5 ás 12.00 h poñeranse á venda en Ataquilla as localidades que quedaran sen adquirir para as 8 funcións de sala. 

A Rúa dos Contos inaugura a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo

O ciclo de narración oral pioneiro en Galicia celebra as súas vodas de prata este 2024, con 25 anos de traxectoria ás súas costas, e chega esta fin de semana ao Mercado Municipal e aos bares de Carballo da man das hilarantes propostas de Evaristo Calvo, Miki Dkai, Walter Velázquez, Federico Pérez, Jazmín Abuín e Leti da Taberna

O Teatro de Rúa fará tamén a súa aparición no #FIOT33 na tarde deste venres, 27 de setembro, na Praza do Concello de Carballo, coas pezas para todos os públicos Cabicivai, de Pablísimo, a golpe de contos cheos de imaxinación, risas e sorpresas; e Lullaby, de Proyecto Kavauri, un espectáculo acrobático, con moito humor, saltos frenéticos e agarres

Hoxe, ás 20.30h, no Pazo da Cultura, tivo lugar a inauguración da exposición Zoom FIOT 2023, da man dos/as fotógrafos/as que forman parte da mostra: de José L. Castro, José Manuel Pérez, Fernando Nieto, Kiko Rojo, Cris Becerra, Andrea Sánchez, Luz Vilas e Marcos Rodríguez; na inauguración participará, tamén, a Aula Municipal de Teatro de Carballo

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, deu o pistoletazo de saída da súa 33ª edición a tarde deste xoves, 26 de setembro, coa inauguración da súa xa clásica Rúa dos Contos, que neste 2024 celebra as súas vodas de prata tras 25 anos de traxectoria ás súas costas. Así, o ciclo de narración oral pioneiro en Galicia chega esta fin de semana ao Mercado Municipal e aos bares de Carballo da man das hilarantes propostas de Evaristo Calvo, Miki Dkai, Walter Velázquez, Federico Pérez, Jazmín Abuín e Leti da Taberna. 

O Teatro de Rúa fará tamén a súa aparición no #FIOT33 na tarde deste venres, 27 de setembro, na Praza do Concello de Carballo, coas pezas para todos os públicos Cabicivai, de Pablísimo, a golpe de contos cheos de imaxinación, risas e sorpresas; e Lullaby, de Proyecto Kavauri, un espectáculo acrobático, con moito humor, saltos frenéticos e agarres. 

Hoxe, ás 20.30h, no Pazo da Cultura, tivo lugar a inauguración da exposición Zoom FIOT 2023, da man dos/as fotógrafos/as que forman parte da mostra: de José L. Castro, José Manuel Pérez, Fernando Nieto, Kiko Rojo, Cris Becerra, Andrea Sánchez, Luz Vilas e Marcos Rodríguez; na inauguración participará, tamén, a Aula Municipal de Teatro de Carballo.

AXENDA DO #FIOT33 DO 26 AO 29 DE SETEMBRO

XOVES 26 DE SETEMBRO

Rescate emotivo, de Walter Velázquez (18.30h, Residencia de Maiores de Carballo) I RÚA DOS CONTOS

Animación de rúa, conWalter Velázquez (20.00h, rúas de Carballo) I TEATRO DE RÚA

Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), de Federico Pérez (21.00h, Mesón do Pulpo) I RÚA DOS CONTOS

Inauguración da exposición ZoomFIOT, cos fotógrafos participantes en 2023 (20.30h) I Pazo da Cultura

VENRES 27 DE SETEMBRO

Cabicivai, de Pablísimo (18.30h, Praza do Concello) I TEATRO DE RÚA

Lullaby, de Proyecto Kavauri (19.30h, Praza do Concello) I TEATRO DE RÚA

Cagadas, de Cándido Pazó (21.00h, Valle Inclán Café) I RÚA DOS CONTOS

A ver que pasa, de Evaristo Calvo (23.00h, Logradouro) I RÚA DOS CONTOS 

SÁBADO 28 DE SETEMBRO

Riquiña, de Jazmín Abuín (21.00h, Casino 1889) I RÚA DOS CONTOS

Enredada, de Leti da Taberna (23.00h, A Estación) I RÚA DOS CONTOS

DOMINGO 29 DE SETEMBRO

Sois maravillosos D.O. Cádiz, de Miki Dkai (20.00h, Mercado Municipal) I RÚA DOS CONTOS

UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33

Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.

Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

Da man do #FIOT33, este outono desfilarán por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.

UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO

O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.

O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) seguen a conformar a identidade do FIOT nesta 33ª edición. 

Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival contará, de novo, coas liñas habituais que conforman cada ano o seu cartel: ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos.

Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc.

Fiel á súa vontade de ser, de novo, “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións o o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González.

A través da plataforma online Ataquilla.com, o público poderá facerse coas súas entradas para as diferentes seccións do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos e FIOT en Ruta. Na páxina web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar a información completa desta 33ª edición do FIOT.

O #FIOT33 abre a súa convocatoria de voluntarios e activa a venda de entradas da Rúa dos Contos

FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballoabre a convocatoria de voluntarios para a súa 33ª edición, que se celebrará do 26 de setembro ao 31 de outubro de 2024:

Queres formar parte do voluntariado do FIOT? Verás espectáculos de teatro e huir, descubrirás como funciona un festival por dentro, coñecerás xente e… pasaralo moi ven! Adaptámonos á túa dispoñibilidade.

O prazo desta convocatoria de voluntarios do #FIOT33 está aberto ata o vindeiro 20 de setembro.

Para coñecer todos os detalles e poder apuntarse:

Pazo da Cultura de Carballo

981 704 300 I fiot@fiot.gal 

www.fiot.gal

#procuramosousados

Por outra banda, desde mañá, luns, 16 de setembro, ás 10.00h, o público poderá adquirir -a través da plataforma en liña Ataquilla– os bonos e entradas para a Rúa dos Contos, que neste 2024 celebra as súas vodas de prata ao cumprir 25 edicións.Vés celebralas con moito humor?


🔸26 de setembro: ‘Rescate emotivo’ de @waltervelazquezcalostro (gratuíto para a Residencia de Maiores)
🔸26 de setembro: ‘Animación de rúa’ con Walter Velázquez (gratuíto)
🔸26 de setembro: ‘Xa que o sabes, voucho contar (e cantar)’, de @fedeperez79
🔸27 de setembro: ‘Cagadas’, de Cándido Pazó
🔸27 de setembro: ‘A ver que pasa’, de Evaristo Calvo
🔸28 de setembro: ‘Riquiña’, de @jazminabuin
🔸28 de setembro: ‘Enredada’, de @letidataberna
🔸29 de setembro: ‘Sois maravillosos. D.O. Cádiz’, de @miki_dkai
🔸4 de outubro: ‘Contos entre cordas’, de @mariadapontragha e Bleuenn Le Friec
🔸4 de outubro: ‘Instrucións para tomar café’, de @carlosrebolo_charly
🔸5 de outubro: ‘O mellor e o peor dos 2000’, de Carta de Axuste
🔸11 de outubro: ‘Os diarios de Adán e Eva. Boleros no paraíso’, de @paraisoteatro.cia

🎟 Haberá un número limitado de bonos para todas as funcións da Rúa dos Contos (40 euros). 

Máis información sobre a venda de entradas en: 

https://fiot.gal/entradas/

A Rúa dos Contos, con Pepe Viyuela e Bea Campos, inaugura a 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo esta fin de semana

O FIOT comeza hoxe xoves, 28 de setembro, a súa andaina nas rúas e espazos de encontro de Carballo con figuras como Pepe Viyuela, Soledad Felloza, Bea Campos, Xan Veiga ou Víctor Fábregas, entre outras

O Teatro de Rúa para todos os públicos fai tamén a súa primeira aparición neste #FIOT32 con ‘Glamping’, de SU.MA, que terá lugar ás 19.30 horas na Praza do Concello, a golpe de teatro xestual, música, acrobacias aréreas, danza e swing en clave de clown

A 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro, o #FIOT32, bota a andar este xoves, 28 de setembro. Faino, como é habitual, con enerxía e troula grazas á Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que espallará o humor polos bares e espazos de encontro de Carballo ao longo de todo o festival. Esta primeira fin de semana, Pepe Viyuela, Soledad Felloza, Bea Campos, Víctor Fábregas, Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Xan Veiga, Antón Coucheiro e Dani Blanco provocarán risas a esgalla cos seus monólogos. 

A XXIV Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral pioneiro en Galicia, comezará hoxe, ás 18.00 horas. A artista bergantiñá Natalia Outeiro, ‘Pajarito’, levará con A vida tola o seu universo particular, ateigado de sorpresas e xogos, ao público da Residencia de Maiores de Carballo, na Praza de Vigo. Xa pola noite, o popular Víctor Fábregas, quen saltou á fama polo dúo televisivo Os Tonechos, transformarase en ‘Josentonio’, un home con séculos de experiencia que nos contará as vantaxes e inconvenientes de vivir para sempre no espectáculo O inmortal. A cita será ás 21.00 horas no Mesón do Pulpo. 

Mañá, venres, a actividade da Rúa dos Contos chegará ao Cassino 1889, ás 21.00 horas, da man de Bea Campos e o seu monólogo Marcho, que teño que marchar; unha proposta divertida e teatral que convidará ás asistentes a reflexionar sobre os roles establecidos, a igualdade e a perspectiva de xénero.  Xa ás 22.30 horas, n’A Estación, terá lugar a estrea absoluta de Sonchistorias, o novo espectáculo co que Xan Veiga festexa tirnta anos sobre as táboas e platós de televisión. 

De cara ao sábado 30, ás 21.00 horas, o Valle Inclán Café será o escenario no que Antón Coucheiro e Dani Blanco presenten Arestoria, o país das historias, unha sesión na que os contos nacerán no momento, a través das achegas do público e da improvisación. O broche dourado de setembro chegará ás 23.00 horas con O comezo do mundo, de Soledad Felloza, narradora que percorreu o pais escoitando ás mulleres e subindo as súas voces á escena; a través das historias recollidas durante a preparación de exposicións. 

A fin de semana da rúa dos Contos finalizará cun dos pratos fortes deste #FIOT32. O actor, director e mestre do humor xestual Pepe Viyuela chegará ao Mercado municipal de Carballo para presentar Encerrona, un clásico da escena que se representa con grande éxito desde hai 30 anos. E dos bares á rúa, a actividade do FIOT non cesa e queda nela para festexar o circo e as iniciativas para todos os públicos. É o Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na praza do Concello e dará comezo ás 19.30 horas do venres 29 co espectáculo Glamping, de SU.MA. Teatro xestual, música, acrobacias aréreas, danza e swing en clave de clown son os ingredientes principais dun espectáculo que aborda as relacións humanas e que propón facer uso da creatividade para resolver os momentos de máxima tensión. 

O FIOT LOITA CONTRA A INTRANSIXENCIA NA SÚA 32ª EDICIÓN

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, o certame escénico de referencia da Costa da Morte e do outono en Galicia, festexa a súa 32ª edición entre os días 28 de setembro e 31 de outubro, cun programa rico e diverso que se extenderá ao longo dun mes de funcións e actividades de mediación para todos os públicos, da man de grandes figuras ou compañías da escena actual como Vicky Luengo, Suzie Miller, Ariadna Gil, Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Andrés Lima, Pepón Nieto, Paco Bezerra, Pepe Viyuela, Jean Philippe Kikolas, Alberto Conejero, Xavier Bobés, Kulunka Teatro, Telmo Irureta, Anna Maria Ricart, Guillem Albà, Wilbur, Fernando Soto, Maribel Salas, Aitziber Garmendia…; mais tamén nomes clave da escena galega: Cándido Pazó, Contraproduccións, Redrum Teatro, Diego Anido, Quico Cadaval, Roi Borallas, Antón Coucheiro, Soledad Felloza, Caxoto, etc.

O FIOT preséntase un ano máis como unha cita escénica que leva a singularidade no seu ADN, facendo gala da súa vontade de crecemento e de continúa evolución e mellora, en consonancia coa atención e o coidado dos seus públicos diversos. A cita consolídase como un proxecto con proxección e de futuro, que aposta pola calidade escénica e que, ano tras ano,conta coa complicidade do público, con máis de 10.000 espectadores e espectadoras na súa pasada edición. O FIOT é unha cita pioneira que este 2023 cumpre 32 anos tras ser recoñecido pola Fundación Contemporánea como a iniciativa cultural máis destacada de Galicia en 2022.

O leitmotiv do FIOT este 2023 será a loita contra a intransixencia. Ese ‘INTRANSIXENTES’ plasmado no cartel do festival asinado pola ilustradora carballesa Laura Tova- fala da identidade do FIOT, da súa inquietude, transixencia, transformación, xenerosidade, cambio, respecto, afectos, coidados, empatía, tolerancia, diálogo, inclusión e defensa da diversidade persoal e cultural. Un abrazo colectivo protagoniza este cartel do #FIOT32 como mostra de afecto, apoio, felicidade, unidade, colaboración, solidariedade e superación, con xentes diversas en conexión, coidándose e arroupándose nun xesto de respecto e amor.  

O programa desta 32ª edición do FIOT da boa conta da identidade do festival: a súa aposta polas voces singulares e únicas; o seu gusto pola autenticidade e o compromiso social; a apertura a propostas de xéneros e linguaxes diversas teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos…-; a busca da calidade; e a vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional. O FIOT quere ser, ante todo, un lugar de encontro, que avoga polas artes escénicas inclusivas e sustentables; por un teatro vital, comprometido e conectado coa realidade e as xentes. O seu rograma conta un ano máis con todas as liñas habituais que conforman o festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de actividades paralelas como exposicións, as gravacións de OndaFIOT, a celebración de xornadas profesionais, etc.


O #FIOT32 en cifras

  • 38 espectáculos.
  • 10 estreas absolutas e 8 estreas en Galicia.
  • 1 coprodución do FIOT
  • 6 comunidades autónomas (Galicia, País Vasco, Comunidade de Madrid, Cataluña, Castilla e León e Andalucía)


As estreas absolutas desta edición son: 

  • Apaga o candil, de Contraproducións e FIOT, dirixida por Cándido Pazó.
  • O pequeno ponide Redrum Teatro.
  • Sonchistorias, de Xan Veiga. 
  • Tres vellas na romaría, de Quico Cadaval, Celso Sanmartín e Guti.
  • É meu amigo!, de A Trastenda dos Contos.
  • Cinco pezas do Metro Cadrado, que se representarán en espazos no convencionais do municipio nos sábados de outubro. 

As estreas en Galicia desta edición son: 

  • Forever, de Kulunka Teatro.
  • La maja y la mona (y viceversa), de Maribel Salas e Susana Sotelo.
  • Ma solitud, de Guillem Albà.
  • Prima Facie, de Suzie Miller, con Vicky Luengo.
  • El testamento, de Zum-Zum Teatre.
  • Duelo, de Jean Philippe Kikolas.
  • Hay alguien en el bosque, con Ariadna Gil.
  • Piensa en Wilbur, de Wilbur.

2023.09.28.NP-primera-semana-32FIOT