O FIOT comeza hoxe xoves, 28 de setembro, a súa andaina nas rúas e espazos de encontro de Carballo con figuras como Pepe Viyuela, Soledad Felloza, Bea Campos, Xan Veiga ou Víctor Fábregas, entre outras

O Teatro de Rúa para todos os públicos fai tamén a súa primeira aparición neste #FIOT32 con ‘Glamping’, de SU.MA, que terá lugar ás 19.30 horas na Praza do Concello, a golpe de teatro xestual, música, acrobacias aréreas, danza e swing en clave de clown

A 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro, o #FIOT32, bota a andar este xoves, 28 de setembro. Faino, como é habitual, con enerxía e troula grazas á Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que espallará o humor polos bares e espazos de encontro de Carballo ao longo de todo o festival. Esta primeira fin de semana, Pepe Viyuela, Soledad Felloza, Bea Campos, Víctor Fábregas, Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Xan Veiga, Antón Coucheiro e Dani Blanco provocarán risas a esgalla cos seus monólogos. 

A XXIV Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral pioneiro en Galicia, comezará hoxe, ás 18.00 horas. A artista bergantiñá Natalia Outeiro, ‘Pajarito’, levará con A vida tola o seu universo particular, ateigado de sorpresas e xogos, ao público da Residencia de Maiores de Carballo, na Praza de Vigo. Xa pola noite, o popular Víctor Fábregas, quen saltou á fama polo dúo televisivo Os Tonechos, transformarase en ‘Josentonio’, un home con séculos de experiencia que nos contará as vantaxes e inconvenientes de vivir para sempre no espectáculo O inmortal. A cita será ás 21.00 horas no Mesón do Pulpo. 

Mañá, venres, a actividade da Rúa dos Contos chegará ao Cassino 1889, ás 21.00 horas, da man de Bea Campos e o seu monólogo Marcho, que teño que marchar; unha proposta divertida e teatral que convidará ás asistentes a reflexionar sobre os roles establecidos, a igualdade e a perspectiva de xénero.  Xa ás 22.30 horas, n’A Estación, terá lugar a estrea absoluta de Sonchistorias, o novo espectáculo co que Xan Veiga festexa tirnta anos sobre as táboas e platós de televisión. 

De cara ao sábado 30, ás 21.00 horas, o Valle Inclán Café será o escenario no que Antón Coucheiro e Dani Blanco presenten Arestoria, o país das historias, unha sesión na que os contos nacerán no momento, a través das achegas do público e da improvisación. O broche dourado de setembro chegará ás 23.00 horas con O comezo do mundo, de Soledad Felloza, narradora que percorreu o pais escoitando ás mulleres e subindo as súas voces á escena; a través das historias recollidas durante a preparación de exposicións. 

A fin de semana da rúa dos Contos finalizará cun dos pratos fortes deste #FIOT32. O actor, director e mestre do humor xestual Pepe Viyuela chegará ao Mercado municipal de Carballo para presentar Encerrona, un clásico da escena que se representa con grande éxito desde hai 30 anos. E dos bares á rúa, a actividade do FIOT non cesa e queda nela para festexar o circo e as iniciativas para todos os públicos. É o Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na praza do Concello e dará comezo ás 19.30 horas do venres 29 co espectáculo Glamping, de SU.MA. Teatro xestual, música, acrobacias aréreas, danza e swing en clave de clown son os ingredientes principais dun espectáculo que aborda as relacións humanas e que propón facer uso da creatividade para resolver os momentos de máxima tensión. 

O FIOT LOITA CONTRA A INTRANSIXENCIA NA SÚA 32ª EDICIÓN

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, o certame escénico de referencia da Costa da Morte e do outono en Galicia, festexa a súa 32ª edición entre os días 28 de setembro e 31 de outubro, cun programa rico e diverso que se extenderá ao longo dun mes de funcións e actividades de mediación para todos os públicos, da man de grandes figuras ou compañías da escena actual como Vicky Luengo, Suzie Miller, Ariadna Gil, Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Andrés Lima, Pepón Nieto, Paco Bezerra, Pepe Viyuela, Jean Philippe Kikolas, Alberto Conejero, Xavier Bobés, Kulunka Teatro, Telmo Irureta, Anna Maria Ricart, Guillem Albà, Wilbur, Fernando Soto, Maribel Salas, Aitziber Garmendia…; mais tamén nomes clave da escena galega: Cándido Pazó, Contraproduccións, Redrum Teatro, Diego Anido, Quico Cadaval, Roi Borallas, Antón Coucheiro, Soledad Felloza, Caxoto, etc.

O FIOT preséntase un ano máis como unha cita escénica que leva a singularidade no seu ADN, facendo gala da súa vontade de crecemento e de continúa evolución e mellora, en consonancia coa atención e o coidado dos seus públicos diversos. A cita consolídase como un proxecto con proxección e de futuro, que aposta pola calidade escénica e que, ano tras ano,conta coa complicidade do público, con máis de 10.000 espectadores e espectadoras na súa pasada edición. O FIOT é unha cita pioneira que este 2023 cumpre 32 anos tras ser recoñecido pola Fundación Contemporánea como a iniciativa cultural máis destacada de Galicia en 2022.

O leitmotiv do FIOT este 2023 será a loita contra a intransixencia. Ese ‘INTRANSIXENTES’ plasmado no cartel do festival asinado pola ilustradora carballesa Laura Tova- fala da identidade do FIOT, da súa inquietude, transixencia, transformación, xenerosidade, cambio, respecto, afectos, coidados, empatía, tolerancia, diálogo, inclusión e defensa da diversidade persoal e cultural. Un abrazo colectivo protagoniza este cartel do #FIOT32 como mostra de afecto, apoio, felicidade, unidade, colaboración, solidariedade e superación, con xentes diversas en conexión, coidándose e arroupándose nun xesto de respecto e amor.  

O programa desta 32ª edición do FIOT da boa conta da identidade do festival: a súa aposta polas voces singulares e únicas; o seu gusto pola autenticidade e o compromiso social; a apertura a propostas de xéneros e linguaxes diversas teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos…-; a busca da calidade; e a vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional. O FIOT quere ser, ante todo, un lugar de encontro, que avoga polas artes escénicas inclusivas e sustentables; por un teatro vital, comprometido e conectado coa realidade e as xentes. O seu rograma conta un ano máis con todas as liñas habituais que conforman o festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de actividades paralelas como exposicións, as gravacións de OndaFIOT, a celebración de xornadas profesionais, etc.


O #FIOT32 en cifras

  • 38 espectáculos.
  • 10 estreas absolutas e 8 estreas en Galicia.
  • 1 coprodución do FIOT
  • 6 comunidades autónomas (Galicia, País Vasco, Comunidade de Madrid, Cataluña, Castilla e León e Andalucía)


As estreas absolutas desta edición son: 

  • Apaga o candil, de Contraproducións e FIOT, dirixida por Cándido Pazó.
  • O pequeno ponide Redrum Teatro.
  • Sonchistorias, de Xan Veiga. 
  • Tres vellas na romaría, de Quico Cadaval, Celso Sanmartín e Guti.
  • É meu amigo!, de A Trastenda dos Contos.
  • Cinco pezas do Metro Cadrado, que se representarán en espazos no convencionais do municipio nos sábados de outubro. 

As estreas en Galicia desta edición son: 

  • Forever, de Kulunka Teatro.
  • La maja y la mona (y viceversa), de Maribel Salas e Susana Sotelo.
  • Ma solitud, de Guillem Albà.
  • Prima Facie, de Suzie Miller, con Vicky Luengo.
  • El testamento, de Zum-Zum Teatre.
  • Duelo, de Jean Philippe Kikolas.
  • Hay alguien en el bosque, con Ariadna Gil.
  • Piensa en Wilbur, de Wilbur.

2023.09.28.NP-primera-semana-32FIOT