OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo, Chimamanda Ngozi Adichie

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo

Autora: Chimamanda Ngozi Adichie

Editorial: Literatura Random House

Ano de publicación: 2017

Quince consellos coma quince pétalos que conforman a flor da igualdade. Así se nos presenta este breve ensaio da autora nixeriana, que xa ten constatado en libros anteriores o moito que nos queda por facer, aínda, na loita feminista. Quizais sexa neste volume onde Chimamanda pon o foco, ex professo, na educación das novas xeracións. E é que non podemos pasar por alto o papel fundamental que exerce a formación nos primeiros anos de vida.

Agora que estamos inmersxs na “volta ao cole”, igual é un bo momento para reparar nas reflexións que aquí se recollen: desde rexeitar estereotipos e prexuízos sexistas, pasando pola importancia do traballo en equipo ou a lectura coma actividade ligada ao pensamento até reforzar a autoestima na infancia. Todo isto contado de maneira clara e concisa, achegando múltiples exemplos cos que nos atopamos no día a día, pois nada hai de inverosímil no relato desta escritora.

Con todo, xa se nos advirte nas primeiras páxinas, que estes quince consellos poden non dar os resultados esperados (lembremos que a educación das crianzas non é exclusividade dxs proxenitorxs, toda a tribo educa). Mais o importante é non desistir e intentalo. Algo lograremos no proceso, non hai dúbida. Porque se non vivimos como pensamos, corremos o risco de acabar pensando como vivimos.