OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado
Título do libro: O sentido do abraio
Autora: Rachel Carson
Tradutora: Patricia Buxán Outeiro
Editorial: Catro Ventos
Ano de publicación: 2018
Rachel Carson (1907-1964) é unha das tantas autoras, esquecidas ou non tratadas co rigor que merece á súa obra, á que unha ten a sensación de chegar tarde. Así a todo, cómpre agradecer que unha editorial coma Catro Ventos, baixo a magnífica tradución de Patricia Buxán Outeiro, nos achegue na nosa lingua este ensaio, que se publicou por primeira vez, de maneira póstuma, en 1965.
O sentido do abraio toma como contexto o condado de Lincoln do estado de Maine, na zona de Southport, onde a bióloga construíu a súa cabana, preto do mar, nunha especie de refuxio para observar a natureza e escribir.
A priori, poderiamos considerar que o libro vai dirixido a familias e crianzas, xa que a propia Carson, impulsora do ecoloxismo moderno, sérvese da experiencia de aprendizaxe que realizou co seu sobriño Roger, fomentando a percepción, a observación e o gozo pola contorna natural. Porén, ao meu xuízo, diría que ninguén está excluído desta lectura, xa que se hai algo que podemos cultivar durante toda a vida é, precisamente, a curiosidade que nos vai encamiñando cara o sentido do abraio. En palabras da autora:
“O mundo dun pequeno é fresco, novo, fermoso, está cheo de sorpresa e entusiasmo. É unha desgraza que, na maioría de nós, esa visión lúcida, ese instinto natural que temos polo que é fermoso e impresionante, se debilite ou mesmo se perda antes de chegarmos á idade adulta. Se tivese cuña coa fada que supostamente está encargada de abeizoar todas as crianzas, pediríalle que escollese de agasallo para cada unha delas un sentido do abraio tan indestrutible que lles durase toda a vida, como un antídoto infalible contra o aborrecemento e o desencanto que han vir cos anos, contra a preocupación estéril por cousas que son artificiais, contra a alienación das orixes da nosa fortaleza”.
Nestas páxinas, Rachel Carson pon o foco, moi acertadamente, na importancia de acompañar e manter unha relación entre iguais coas nenas e nenos, despoxada de prexuízos, sen termos medo a evidenciar a nosa ignorancia e deixando fluír de xeito espontáneo a conversa –e o silencio-. Sen dúbida, escoller a inocencia entre as infinitas artimañas deste mundo fainos algomellores.
Lean, pois, e non deixen de abraiarse e celebrar a natureza.