Despois da súa deliberación decidiron conceder os seguintes premios:
Categoría 1ª (menores de 18 anos)
Primeiro Premio: OUTUBRO EN DOUS ACTOS, de Paula Domínguez Barreiro, polo excelente traballo cunha riqueza lingüÍstica e acertado uso de recursos estilísticos. A calidade reflíctese nese coidado trato dos fonemas para ir ganduxando versos dun intimismo e unha sensibilidade extrema.
Segundo Premio; DERRADEIRO ADEUS, de Marina Montenegro Jamardo, un poemario con versos sinxelos, tratándose dunha poesía realista, mais cunha carga emocional que esperta as emocións e a empatía cara á persoa autora. Hai tema presente en todos os versos que son a dor e a tristura que provoca un adeus. Cando amamos de verdade, ninguén está vacinado nin hai a apócema para unha despedida.
Categoría 2ª (de 18 anos en diante)
Primeiro Premio: HERDAR A FALA, de Patricia Torrado Queiruga, un poemario de matiz intimista, que reflicte a dor e identifica un herdo culturalmente definido. Ao tempo que amosa de xeito ambigüo unha ferinte ausencia do fillo. Coa composición de estrofas brutais ante unha realidadedesacougante.
Segundo Premio: UNHA TEORÍA PARA OS ESPECTROS, de Abraham Pérez, porque expresa un posthumanismo, nun xogo de figuras humanas que designan correntes de pensamento. Xuízo á nosa cultura, onde convida a non xustificar os mortos da historia nunha revolución social e política, transformación da pobreza agochada e de identidade humana.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado 19 de decembro, a partir das 18h, no local social de Pino (Cospeito).
O venres 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputacíon de Lugo, celebrarase un acto poético musical, no que as voces de Xosé Otero Canto, Adela Figueroa, Ana Mar Fraga Rábade, Ana Gamallo, Fernando García, Ánxela Gracián, Chelo Gayoso, Paco Ledo, Dulce María López, Emilia Martínez Fuentes, Martiño Maseda, Adolfina Mesa, Toño Núñez, Conchita Paz, Luisa Paz, Xosé Pedreira, Ana Rey, Isabel Rodríguez, Xosé Carlos Ulloa e Branca Villar porán corpo poético aos versos de “Follas Novas”, “Cantares Galegos” e demais obras da escritora homenaxeada, ou aos de propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía de Castro. A cantautora Paloma Suanzes acompañará o acto con varias pezas musicais. O evento estará conducido por Montse González Álvarez.
Este xoves día 24 de outubro na Librería Biblos Lugo ás 20:15h acontecerá a presentación do libro “Manchas de frío”, de Sonia Arias López. Na presentación, a mencionada autora estará acompañada por: José Carlos Ulloa, escritor e profesor. Montserrat González Álvarez, coordinadora normalización lingüistica. Sonsoles López Izquierdo, ex deputada provincial e nacional.
Mondoñedo é poesía chega á súa 6ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) aos amantes da poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual. Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 478 anos).
Nesta edición homenaxeamos a Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego” (Mondoñedo, 1899-1964), o músico-barbeiro que recuperou canda Cunqueiro, xunto a outros ilustres mindonienses como B. Vidarte ou X. Díaz Jácome, a tradición dos maios nos anos da Segunda República.
O cartel oficial da edición é da autoría do artista mindoniense, J. Pedro Gómez.
TENDAL DE POESÍA
Exposición na recepción do Auditorio Pascual Veiga. Montaxe foto-poética con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo inspirados en obras de artistas mindonienses e mariñaos.
RECITAL na RÚA
17:00h.-Saída da carroza do Maio da Finca da Loura (a carón da casa natal do Pallarego no Barrio dos Muíños de Arriba)
17:30h.-Praza Jaime Cabot (Alcántara)
Memoria dos Maios. Homenaxe á Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego”.
Acto de homenaxe a un dos personaxes máis destacados da cultura popular mindoniense do s. XX: músico, mecenas e activista cultural.Interveñen: Remedios Ledo Vizoso, alumnado dos centros educativos e da Escola de Música Municipal.
Recital poético
Recitan: Alexandre Fernández Peón (2º premio Díaz Jácome 2018), Laura López (3º premio Díaz Jácome 2018) e Esperanza Pérez
RECITAL no AUDITORIO ‘PASCUAL VEIGA’
18:30h.-No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Martiño Maseda (1º premio Leiras Pulpeiro 2018), Alberte Momán (2º premio Leiras Pulpeiro 2018), Olga Novo e Antón Reixa
A música corre a cargo de Lino Rico (con Juan Carlos, Fajardo e David) e A Banda da Loba.
Presenta: Montserrat González Álvarez (Magadán).
**
Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo e escola Municipal de Música ‘O Pallarego’
Patrocinan: Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.
O vindeiro venres 22 de marzo, a partir das 20:30 horas no Centro Recreativo e Cultural de Chantada, terá lugar a presentación do último libro do poeta chantadés Anxo Boán Rodríguez que leva por título Déixame a lúa acesa.
A súa infancia na aldea, no mundo rural, marcará toda a súa obra literaria. Estudou no instituto chantadino Lama das Quendas e licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Exerce a avogacía en Chantada.
Colaborou coa revista Xistral e o xornal lugués El Progreso. Comparte habitualmente as súas creacións poéticas nas redes sociais[.
O seu primeiro libro de poemas é As árbores das idades (2004). “As Árbores das Idades” é o primeiro poemario publicado polo autor e debe o título a un dos poemas dedicados a todos aqueles que emigraron a ultramar a mediados do século pasado e que xa non retornaron ou cando o fixeron todo era diferente. En cada unha das árbores que bebían na beira do rigueiro era unha etapa na vida que se ía esfumando no emigrante protagonista do poema
Continuou con Poemas para unha alma ferida (2016), con Limiar de Xosé Lois García Fernández: “Poemas para unha alma ferida” conta con limiar e comentarios do prestixioso poeta e historiador Xosé Lois García, e o eixe fundamental da obra contén un heptapoemario de laio e doer de Marian que acaba de perder ao seu fillo traxicamente. Son poemas de musicalidade redactados de maneira sinxela e concisa que levan mensaxes e esperanza a Marian e a todos aqueles que soportan a pesada carga da traxedia e da ausencia
En 2017 publicou Corenta sonetos de amor e conforto, con Epílogo de Xulio López Valcárcel. Non abonda ao poeta coller un papel, e escribir frases ben compasadas, sexan frases libres ou ben rimadas, cando a musa non quere estar con el.
“Ser poeta é ser a pedra e o cicel,
un escultor das musas inspiradas,
un trobador para almas apaixoadas,
e un azoute para o corazón cruel”
Estamos ante un poemario que é un soporte de fidelidade á nosa lingua, de dignidade ao noso país e de aprendizaxe nos bos desexos e vontades dun amor lúcido e transparente. A persoalísima riqueza de obedecer aos desexos do amor soñado, desexado ou conquistado, maniféstase neste libro dunha maneira moi contundente (Xosé Lois García.
En 2018 publicou o poemario Déixame a lúa acesa. Segundo a editora: “O lector axiña identificará a musa do poeta coa súa propia namorada ou namorado, pretendida ou pretendido”. Xosé M. Eyré sinala no limiar: “Entréganos así un poemario de expresividade limpa, clásica nos días que corren, que recupera a métrica e a rima e, sobre todo, o fulgor do sentimento como motor da vida”.
Tamén escribiu narrativa, As cousas do Fuco (2016), con limiar de Pablo Rubén Eyré: O autor retrátanos a vida dun neno que tiña que axudar nos traballos agrícolas dos seus pais como realidade social no mundo rural da Galicia profunda a finais dos anos 1970. O neno protagonista deste relato, chamado Fuco, escribe nun caderno íntimo e persoal as súas vivencias narradas en primeira persoa. Faino coas expresións populares propias do xeito de falar do rural da vila chantadina, onde naceu o autor, quen, á súa vez, ao longo deste relato, mantén conversas co neno protagonista da obra, que acaba entregándolle o caderno escrito de forma tan natural como sinxela
Para Xosé Lois García: Por tanto, Sandiás é o epicentro dunha cultura nutrida entre a ribeira e as valgadas altas de Vilauxe. Un espazo transversal e poliédrico que transmite as esencias mais puras para que unha sensibilidade tan adherida a seu medio manifeste neste libro oito capítulos ou secuencias sobre as andanzas de Fuco, que non deixa de ser unha autobiografía -supoño- como acontece neste tipo de literatura infantil que, na maioría dos casos non deixa de ser allea aos adultos.
Segundo Alfredo Pardo: Anxo Boán puntualiza unha narrativa tendencialmente realista, contribuíndo notablemente e de forma crítica sobre a marxinación de certas palabras, usos e costumes lingüísticas.