MONDOÑEDO é POESÍA 2019

MONDOÑEDO é POESÍA 2019

1 de maio de 2019

6ª EDICIÓN

Mondoñedo é poesía chega á súa 6ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) aos amantes da poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual. Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 478 anos).

Nesta edición homenaxeamos a Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego” (Mondoñedo, 1899-1964), o músico-barbeiro que recuperou canda Cunqueiro, xunto a outros ilustres mindonienses como B. Vidarte ou X. Díaz Jácome, a tradición dos maios nos anos da Segunda República.

O cartel oficial da edición é da autoría do artista mindoniense, J. Pedro Gómez.

TENDAL DE POESÍA

Exposición na recepción do Auditorio Pascual Veiga. Montaxe foto-poética con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo inspirados en obras de artistas mindonienses e mariñaos.

RECITAL na RÚA

17:00h.-Saída da carroza do Maio da Finca da Loura (a carón da casa natal do Pallarego no Barrio dos Muíños de Arriba)

17:30h.-Praza Jaime Cabot (Alcántara)

Memoria dos Maios. Homenaxe á Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego”.

Acto de homenaxe a un dos personaxes máis destacados da cultura popular mindoniense do s. XX: músico, mecenas e activista cultural.Interveñen: Remedios Ledo Vizoso, alumnado dos centros educativos e da Escola de Música Municipal.

Recital poético

Recitan: Alexandre Fernández Peón (2º premio Díaz Jácome 2018), Laura López (3º premio Díaz Jácome 2018) e Esperanza Pérez

RECITAL no AUDITORIO ‘PASCUAL VEIGA’

18:30h.-No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Martiño Maseda (1º premio Leiras Pulpeiro 2018), Alberte Momán (2º premio Leiras Pulpeiro 2018), Olga Novo e Antón Reixa

A música corre a cargo de Lino Rico (con Juan Carlos, Fajardo e David) e A Banda da Loba.

Presenta: Montserrat González Álvarez (Magadán).

**

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …

Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo e escola Municipal de Música ‘O Pallarego’

Patrocinan: Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.

Redes

Facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks

Para que serve a poesía?

Achégase o 1 de maio e a cuarta edición de Mondoñedo é poesía. Quen o podería sequera imaxinar o 1 de maio de 2014 cando comezaba esta aventura! Mondoñedo é poesía continúa adiante fundamentalmente por tres motivos. O primeiro, porque hai bos e boas poetas neste noso país. O segundo, porque a poesía gusta; non hai máis ca ver a alta asistencia  de público a este e outros recitais poéticos. E a terceira, e non o digo só por chauvinismo, é que en Mondoñedo houbo e hai un sentir particular para idear, dicir e escoitar o verso.

Creo que foi Voltaire quen dixo que a poesía tiña o mérito de dicir máis que a prosa con menos palabras. Aínda que só fose por iso, xa saberíamos para que serve. Mais aínda hai moita xente que non entende para que pode ser útil a poesía se é que o é, dito isto desde unha concepción pragmática, a que máis abunda, da existencia humana.

Para min é útil e necesaria, dáme algunha das respostas que procuro. Pero tamén sei que estas respostas poden non ser convincentes nin concluíntes, que ten que haber outras, se cadra diferentes para cada persoa. O que importa é que cadaquén faga a pregunta e busque unha resposta.

Pero agora non vou falar eu senón poñerlle voz a Cunqueiro, que nisto, ninguén ousará discutilo, é autoridade incontestable.

Describe Cunqueiro nun artigo delicioso de hai uns 50 anos como el e outros poetas e xente de letras foron convidados a comer na casa de Barcelona dun galego orixinario de Ourense chamado Patricio Sánchez” e alcumado “El Divino Hojalatero”.

Este Patricio viviu en Lugo varios anos pois era funcionario do Estado e nesta cidade destacou, e así figura en El Progreso da época, pola habilidade que tiña para elaborar esculturas  con folla de lata. Reciclaba latas de maneira que dunha de sardiñas acabadas de papar facía un paxaro ou unha bolboreta.

Pois ben, este home residía en Barcelona polos comezos da década dos 60 do século XX e ofreceu un banquete verdadeiramente pantagruélico ao que asistiron, ademais de Álvaro Cunqueiro, Manuel Casado Nieto e pode que tamén, non o teño confirmado, Vicente Risco.

Serviuse porco bravo da Serra dos Ancares, corzo en celo dos Alpes, faisáns do Languedoc, viños de Borgoña e do Ribeiro, queixos Camembert … Cunqueiro entretense en describir preparacións, presentación e a abundancia de cada prato, de maneira, di, que un que había alí abasteceu o corpo para toda unha coresma.  Pero hoxe o que nos importa e o que afecta aos do gremio do verso cando asegura que nunca houbo outros poetas galegos tan ben alimentados para engadir que se sentían compensados pola fame que pasaran os trobadores medievais.

A poesía ao que parece, aínda que sexa de milenio en milenio, serve para que coman os que a crean. E tamén serve para algo máis. A aquela memorable lupanda asistía unha dama que a Cunqueiro lle debeu parecer inspiradora pois o noso Divino Vate confesa que aquel día foi quen de ver naquel preciso instante, e así poder anunciar aos comensais alí presentes,  que pola claridade dos ollos daquela dama puido ver como subía a marea no Atlántico mar, a máis de mil quilómetros de distancia.

Que para que serve a poesía! Pois …

©Antonio Reigosa