Achégase o 1 de maio e a cuarta edición de Mondoñedo é poesía. Quen o podería sequera imaxinar o 1 de maio de 2014 cando comezaba esta aventura! Mondoñedo é poesía continúa adiante fundamentalmente por tres motivos. O primeiro, porque hai bos e boas poetas neste noso país. O segundo, porque a poesía gusta; non hai máis ca ver a alta asistencia de público a este e outros recitais poéticos. E a terceira, e non o digo só por chauvinismo, é que en Mondoñedo houbo e hai un sentir particular para idear, dicir e escoitar o verso.
Creo que foi Voltaire quen dixo que a poesía tiña o mérito de dicir máis que a prosa con menos palabras. Aínda que só fose por iso, xa saberíamos para que serve. Mais aínda hai moita xente que non entende para que pode ser útil a poesía se é que o é, dito isto desde unha concepción pragmática, a que máis abunda, da existencia humana.
Para min é útil e necesaria, dáme algunha das respostas que procuro. Pero tamén sei que estas respostas poden non ser convincentes nin concluíntes, que ten que haber outras, se cadra diferentes para cada persoa. O que importa é que cadaquén faga a pregunta e busque unha resposta.
Pero agora non vou falar eu senón poñerlle voz a Cunqueiro, que nisto, ninguén ousará discutilo, é autoridade incontestable.
Describe Cunqueiro nun artigo delicioso de hai uns 50 anos como el e outros poetas e xente de letras foron convidados a comer na casa de Barcelona dun galego orixinario de Ourense chamado Patricio Sánchez” e alcumado “El Divino Hojalatero”.
Este Patricio viviu en Lugo varios anos pois era funcionario do Estado e nesta cidade destacou, e así figura en El Progreso da época, pola habilidade que tiña para elaborar esculturas con folla de lata. Reciclaba latas de maneira que dunha de sardiñas acabadas de papar facía un paxaro ou unha bolboreta.
Pois ben, este home residía en Barcelona polos comezos da década dos 60 do século XX e ofreceu un banquete verdadeiramente pantagruélico ao que asistiron, ademais de Álvaro Cunqueiro, Manuel Casado Nieto e pode que tamén, non o teño confirmado, Vicente Risco.
Serviuse porco bravo da Serra dos Ancares, corzo en celo dos Alpes, faisáns do Languedoc, viños de Borgoña e do Ribeiro, queixos Camembert … Cunqueiro entretense en describir preparacións, presentación e a abundancia de cada prato, de maneira, di, que un que había alí abasteceu o corpo para toda unha coresma. Pero hoxe o que nos importa e o que afecta aos do gremio do verso cando asegura que nunca houbo outros poetas galegos tan ben alimentados para engadir que se sentían compensados pola fame que pasaran os trobadores medievais.
A poesía ao que parece, aínda que sexa de milenio en milenio, serve para que coman os que a crean. E tamén serve para algo máis. A aquela memorable lupanda asistía unha dama que a Cunqueiro lle debeu parecer inspiradora pois o noso Divino Vate confesa que aquel día foi quen de ver naquel preciso instante, e así poder anunciar aos comensais alí presentes, que pola claridade dos ollos daquela dama puido ver como subía a marea no Atlántico mar, a máis de mil quilómetros de distancia.
Que para que serve a poesía! Pois …
©Antonio Reigosa
Grande banquete poético o voso! Mondoñedo dá moito de si; e no asunto das letras… Cousa á parte. Un home de prosa (que non prosaico) falando tan ben dos versos levanta o espíritu… Polo menos, aos que bebemos na fonte da Poesía con degoiro… Para que serve a poesía? …? A resposta, o 1º de maio en Mondoñedo.
Tomo nota da túa resposta, amigo Toño, e aprópiome dela para dicila alí diante da xente.