A MICE e o Galician Film Forum proxectan NEGRO PÚRPURA no King´s College de Londres

A MICE e o Galician Film Forum proxectan Negro púrpura no King´s College de Londres

●       A estrea no Reino Unido do documental de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva será este venres, 1 de abril, no King´s College London

●       Completará o programa a curta Stockroom de Sol Mussa, autora tamén do clip promocional deste ano da MICE

●       A cita será este venres 1 de abril, a partir das 19 horas, no King´s College London

O Galician Film Forum (GFF) retoma a súa actividade presencial en Londres coa estrea no Reino Unido do documental Negro púrpura de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. A proxección será no King´s College London e vai ser posible grazas á colaboración entre o GFF e a MICE do Museo do Pobo Galego que se está a desenvolver estes días en Santiago de Compostela. O programa do evento tamén inclúe a proxección da curta Stockroom da directora Sol Mussa, autora do clip promocional desta 17 edición da MICE.

A actividade terá lugar este venres, un de abril, e logo das proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio por videoconferencia coas directoras de Negro púrpura no que tamén vai participar de xeito presencial Sol Mussa.

Como é habitual, todos os filmes proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e galego. A entrada do evento é gratuíta pero cómpre reservala con antelación nesta ligazón. Esta nova edición do GFF conta, ademais da colaboración da MICE, co apoio do King´s College London.

O documental Negro púrpura retrata a Galiza do século XX a través do Cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que agocha historia tan descoñecida como importante no devir da cultura e da economía galega dunha época. Coñecido por nomes como caruncho, cornecelo, dentón, cornello ou grao de corvo, por citar algúns, o Cláviceps purpúrea é o vínculo inesperado entre as historias da casa, as multinacionais farmacéuticas, a CIA, as pragas medievais, a medicina popular e o LSD.

Pola súa banda, Stockroom é unha curtametraxe de xénero documental dirixida por Sol Mussa que mestura imaxes dun almacén de traballo con exteriores de Londres. Retrátanse as dificultades da cidade a través dos traballadores do almacén, os propios pensamentos de alguén que está vivindo o cambio ao novo lugar ou do Brexit. As imaxes están tratadas de forma experimental e permiten falar da memoria e dos cambios.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

·         Entradas: https://gff-mice.eventbrite.co.uk

·         Negro púrpura: https://negropurpura.gal/ | Tráiler: https://youtu.be/1-WYTzo4JRY

·         MICE: http://mice.museodopobo.gal/

ENTRAR AOS VILARES, finalista da 12 MICE

ENTRAR AOS VILARES, finalista da 12 MICE

O documentário Entrar aos Vilares, de Cibrán Tenreiro, proxectarase o 2 de xuño as 21:30 no Salón Teatro de Compostela a concurso dentro da 12 MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Compostela nos apartedos de mellor filme, mellor filme galego e prémio do público.

Producido polo proxecto Os Vilares, lareira de soños e dirixido por Cibrán Tenreiro coa colaboración de Toni González e Xacobe González, o filme de 55′ de duración está a ter unha grande acollida en.numerosas localidades de Galicia onde se está a proxectar. O feito de estar entre as 15 finalistas da Moostra e as tres mellores galegas, xa representa un éxito para esta modesta producción sobre a parroquia do poeta Díaz Castro.

As proximas proxeccións serán o 27 de maio en Muxía, o 2 de xuño na 12 MICE en Compostela e tamén en Vigo e o dia 3 de xuño en Ponteareas…

Os realizadores traballan xa nos subtítulos do filme para proxectalo tamén fóra de Galicia. O filme será editado en DVD conxuntamente co libro que está rematando Pastora Veres, promotora do proxecto da parroquia chairega dos Vilares.

Para visualizar ou descargar o tríptico con toda a información clicar aquí.

 

*Máis info no facebook e web do Museo do Pobo Galego

Lareira de soños
dosvilares@gmail.com
www.facebook.com/osvilares
@osvilares1
http://dosvilares.com
Youtube Os Vilares, Lareira de Soños