A MICE e o Galician Film Forum proxectan Negro púrpura no King´s College de Londres

●       A estrea no Reino Unido do documental de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva será este venres, 1 de abril, no King´s College London

●       Completará o programa a curta Stockroom de Sol Mussa, autora tamén do clip promocional deste ano da MICE

●       A cita será este venres 1 de abril, a partir das 19 horas, no King´s College London

O Galician Film Forum (GFF) retoma a súa actividade presencial en Londres coa estrea no Reino Unido do documental Negro púrpura de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. A proxección será no King´s College London e vai ser posible grazas á colaboración entre o GFF e a MICE do Museo do Pobo Galego que se está a desenvolver estes días en Santiago de Compostela. O programa do evento tamén inclúe a proxección da curta Stockroom da directora Sol Mussa, autora do clip promocional desta 17 edición da MICE.

A actividade terá lugar este venres, un de abril, e logo das proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio por videoconferencia coas directoras de Negro púrpura no que tamén vai participar de xeito presencial Sol Mussa.

Como é habitual, todos os filmes proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e galego. A entrada do evento é gratuíta pero cómpre reservala con antelación nesta ligazón. Esta nova edición do GFF conta, ademais da colaboración da MICE, co apoio do King´s College London.

O documental Negro púrpura retrata a Galiza do século XX a través do Cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que agocha historia tan descoñecida como importante no devir da cultura e da economía galega dunha época. Coñecido por nomes como caruncho, cornecelo, dentón, cornello ou grao de corvo, por citar algúns, o Cláviceps purpúrea é o vínculo inesperado entre as historias da casa, as multinacionais farmacéuticas, a CIA, as pragas medievais, a medicina popular e o LSD.

Pola súa banda, Stockroom é unha curtametraxe de xénero documental dirixida por Sol Mussa que mestura imaxes dun almacén de traballo con exteriores de Londres. Retrátanse as dificultades da cidade a través dos traballadores do almacén, os propios pensamentos de alguén que está vivindo o cambio ao novo lugar ou do Brexit. As imaxes están tratadas de forma experimental e permiten falar da memoria e dos cambios.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

·         Entradas: https://gff-mice.eventbrite.co.uk

·         Negro púrpura: https://negropurpura.gal/ | Tráiler: https://youtu.be/1-WYTzo4JRY

·         MICE: http://mice.museodopobo.gal/