Sinsal Primavera celebrarase o 19 e 20 de maio en Vigo

Sinsal Primavera celebrarase o 19 e 20 de maio no MARCO e na Sala Radar de Vigo

Seis artistas e grupos de mulleres de España, Portugal, Suíza e Turquía conforman o cartel do evento, vinculado á creación contemporánea e á vangarda, e que conta co apoio do Concello de Vigo

Angélica Salvi, Ece Canli, Ivankovà e Superorganismus -proxecto creado por Tramontana e Luz González- actuarán no MARCO; mentres que Ana Lúa Caiano inaugurará o primeiro concerto do evento na Sala Radar

As entradas xa están dispoñibles no web www.enterticket.es; e as persoas con billete para as sesións do MARCO poderán acceder, de balde, ao concerto da sala Radar 


O primeiro evento de Sinsalaudio deste ano en Vigo celebrarase no mes de maio: Sinsal Primavera terá lugar na fin de semana do venres 19 e sábado 20. O evento, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, ademais do apoio do MARCO, do Instituto Camões e da Sala Radar, contará este ano cunha programación conformada por cinco proxectos de vangarda, de e liderados por mulleres, chegadas de distintos puntos da Península Ibérica, Suíza e Turquía.

Sinsal Primavera
propón visualizar propostas singulares e únicas, vinculadas á experimentación e á creación contemporánea, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais na programación dirixida ao público xeral. Así, Angélica Salvi, Ece Canli, Superorganismus -proxecto musical de Tramontana e Luz González-, Ivankovà e Ana Lúa Caiano conforman o cartel desta edición, que se celebrará os días 19 e 20 de maio no MARCO de Vigo. Como novidade, ademais, este ano a programación extenderase a unha das principais recintos de música ao vivo da cidade, a Sala Radar, que acollerá o concerto da portuguesa Ana Lúa Caiano na noite do sábado 20. 

As entradas do Sinsal Primavera 2023 están á venda, desde hoxe mesmo, na plataforma web www.enterticket.es  e desde a páxina web  https://festival.sins.al/gl. O prezo da entrada anticipada para cada xornada no MARCO é de 15 euros (agás no caso dos billetes para as e os menores de 10 anos, cuxo acceso será gratuíto). No caso das persoas que posúan unha entrada para os concertos do MARCO, poderán asistir de balde ao concerto da Sala Radar na noite do sábado 20 (as entradas para este directo tamén están dispoñibles en Enterticket por 8 euros anticipada e 10 euros na billeteira).

O Sinsal Primavera é a primeira cita do ano de Sinsalaudio, que suma á xa anunciada nova edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que se celebrará na illa de San Simón do 21 ao 23 de xullo. As entradas para o festival sairán á venda proximamente. 


PROGRAMACIÓN SINSAL PRIMAVERA 2023


ANGÉLICA SALVI (España) | MARCO. Venres 19, 20:30 horas 
Angélica Salvi é unha arpista española que reside en Porto (Portugal) desde o 2011. Dedícase á improvisación dentro da música contemporánea e da electroacústica, explorando varias técnicas de preparación e amplificación do instrumento na procura de novos timbres e sonoridades. A arpista convida ao público a mergullarse nas súas vivencias emocionais e espirituais, empregando as mesmas para escribir o guión dun soño.

ECE CANLI (Turquía) | MARCO. Venres 19, 21:30 horas
Ece Canli é artista, música e investigadora. Naceu en Turquia e reside en Porto (Portugal). Na súa práctica artística e vocal explora o estado liminal dos corpos agonizantes e demonizados, a desvinculación corporal e mental, e as expresións extralingüísticas por medio de técnicas vocais extendidas. Colaborou con varios artistas, músicos e coreógrafos a nivel internacional e creou bandas sonoras para performances ou exposicións. 

SUPERORGANISMUS (Suiza) | MARCO. Sábado 20, 20:30 horas
Tramontana e Luz González crean Superorganismus, unha peza electroacústica para flauta, viola, arpa e electrónica ao vivo. A proposta agroma coa intención de xerar música de forma cooperativa e horizontal. Aínda que as catro músicas sexan independentes, a electrónica de Luz González pode modificar o son de Tramontana, mais os instrumentos acústicos son a raíz sonora dun superorganismo que o público percibirá coma un todo. 

IVANKOVÀ (España) | MARCO. Sábado 20, 21:30 horas
Ivankovà é o proxecto en solitario da artista e compositora madrileña Irene de la Cueva. As súas creacións agroman a través de estruturas repetitivas que se converten en mantras deseñados para xerar atmósferas determinadas e convidar así ao público a transitar por paisaxes nas que os sintetizadores, a voz e os sons electrónicos xerados a partir da transformación de sons orgánicos son protagonistas. 

ANA LÚA CAIANO (Portugal) | Sala Radar. Sábado, 23:00 horas.
Cantante, compositora e artista multidisciplinar. Ana Lúa Caiano converte constantemente a experiencia en creatividade e explora a fusión do folclore portugués co música electrónica e sons cotiáns. Nos seus director, parte de bases sinxelas para construír marcos rítmicos usando beatbox, palmas, tambores e maracas, nas que superón texturas de teclado, sons ambientais e a propia súa voz. 

20230413-NP-Sinsal-Primavera

Sinsal Outono 2022 celebrarase os días 16 e 17 de setembro no MARCO de Vigo

Sinsal Outono celebrará o 16 e 17 de setembro a súa nova edición, que terá lugar no MARCO e na que participarán El Hijo, Luís Fernandes, Otro e Dullmea

O ciclo de concertos vinculados á experimentación sonora, á vangarda e á creación contemporánea, 
cuxas entradas están á venda desde hoxe na plataforma 
www.enterticket.es, conta co apoio do Concello de Vigo

Os días 16 e 17 de setembro Vigo ten unha cita coa música e artes visuais de vangarda: regresa Sinsal Outono, o ciclo de concertos intrinsecamente vinculados á experimentación sonora, á vangarda e á creación contemporánea nas súas múltiples expresións.

Sinsal Outono, proxecto cultural que impulsa a promotora local Sinsalaudio, conta un ano máis coa colaboración principal do Concello de Vigo, coa intención de visualizar propostas singulares e únicas, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais na programación dirixida ao público xeral. Neste 2022 desenvolverase nun dos espazos de referencia do universo da investigación, creación, innovación e produción contemporánea no ámbito local, comarcal e galego, e que acompañou o desenvolvemento e proxección da propia Sinsalaudio ao longo destas dúas últimas décadas: o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO)

Sinsal Outono 2022 ofrecerá dúas noites ateigadas de experimentación e de visualización de propostas musicais contemporáneas con bandas e artistas chegadas de distintos puntos Madrid, Valencia e Portugal, grazas tamén á colaboración do Instituto Camoes. Dullmea, El Hijo, Luís Fernandes e Otro conformarán o cartel desta nova edición do ciclo, cuxas entradas están á venda, desde hoxe mesmo, na plataforma Enterticket e tamén desde a páxina web https://festival.sins.al/gl. O prezo da entrada anticipada é de 10 euros, e os menores de 9 anos accederán gratuítamente. 

ARTISTAS SINSAL OUTONO 2022
El Hijo | 16 DE SETEMBRO
Proxecto musical do compositor e produtor Abel Hernández (Migala, Emak Bakia). Desde o ano 2005 publica os seus primeiros traballos, producidos por Raül Refree, nos que se aproxima á canción de autor, con sonoridades acústicas e poesía de ton surreal. Nos primeiros anos da seguinte década achégase incialmente cara ao rock, mais vira o seu rumbo para investigar sobre as posibilidades da composición e produción propias da electrónica contemporánea, que dan pé ao seu son actual. Ben sexa a través do uso do autotune ou de recursos sonoros imposibles, El Hijo desafía os límites da produción dixital no panorama estatal.

Luís Fernandes | 16 DE SETEMBRO
A actividade artística de Luís Fernandes está marcada pola multiplicidade de enfoques e formatos, divididos en proxectos colectivos, colaboracións puntuais e traballos individuais; pola actividade performativa, compositiva e expositiva; e polo establecemento de relacións con diferentes disciplinas. Fundador da banda peixe:aviao e membro do colectivo La La La Ressonance, ten colaborado con artistas como Lloyd Cole, Rodrigo Leao ou Black Bombain. No seu novo disco, ‘A guide to gettin lost’, explora as posibilidades da electrónica como punto de partida para múltiples composicións. 
Otro | 17 DE SETEMBRO
Músico e produtor afincado en Valencia e autor dun dos discos máis brillantes de 2021: Portuaria. O seu proxecto musical abrangue un importante abano de estilos e sons, na procura do diálogo entre a experimentación e a convención, converténdoo nunha das figuras a ter en conta na escena emerxente da música electrónica. As súas incursións no rap e no pop, así como o deseño de son comercial, abren espazos para xerar unha tensión espontáneamente desenfreada que se converten no sinal de identidade de Otro. 

Dullmea | 17 DE SETEMBRO
Desde Portugal chega unha artista especializada en explorar as múltiples posibilidades que se abren para a voz a través da música electrónica. Graduada como violinista pola Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo, Sofía Fernandes conta con tres discos publicados desde 2016 cos que ten xirado por países como Holanda, Alemania, Dinamarca ou Reino Unido. Nos seus directos propón unha suxerente inmersión no seu universo sonoro, minimalista e experimental, nos que improvisa sobre temas compostos por ela mesma. No Sinsal Outono presenta ‘Orduak’, o seu último traballo.

NP-Sinsal-Outono-2022-