Lois Pérez gaña o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade coa obra A GRUTA DA TORRE

O xurado do V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por Iria Misa Peralba, Manuel Bragado Rodríguez e Xosé Lastra Muruais acordou por unanimidade, outorgar o V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á obra titulada A GRUTA DA TORRE presentada baixo o lema ou seudónimo de UN PESO SEMPRE SE GASTOU. Unha vez aberta a plica, resultou ser o seu autor LOIS PÉREZ DÍAZ.
O xurado salienta da obra gañadora o interese da trama que se desenvolve no verán de 1990 en Ribadeo en espazos recoñecibles así como polo seu carácter como historia de formación protagonizada por un grupo diverso de rapaces e rapazas que emprenden unha viaxe de descuberta seguindo o fío das viaxes nos libros e na memoria. Escrita con mestría, empregando diversos recursos e rexistros, a novela mantén un pulso narrativo que non decae.

Velaquí a acta do xurado.

*Fotografía do Lois Pérez tomado do Centro de Documentación da AELG

*Autoría da fotografía: Distrito Xermar (2017)

ENTRESOÑOS CHAIREGOS, CABANA E TRASMUNDO, espectáculo de narración oral de Lois Pérez, este sábado na Casa-Museo Manuel María

LOIS PÉREZ, contador de historias e escritor, estará este sábado, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María, para nos deleitar cun espectáculo especial para este día Entresoños chairegos, cabana e trasmundo.

A sinopse da narración que nos vai presentar este sábado é a seguinte: “O caos é a orde natural do mundo: teno pensado algún cando lle barreron os dentes. O contador de historias Lois Pérez procura conservar os seus e atraca co seu discurso terrachaísta este sábado na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. Malia a carencia de recursos que sempre o aflixe, pousará a mirada do humor nun feixe de historias de fasquía informe: sucedidos chairegos, novos episodios familiares, vagas influencias literarias, contos da xente -a urbana e a rural-, aventuras na emigración, un romance e un encontro -que non romance- co presidente da Deputación de Ourense e outros seres igualmente brutais da mitoloxía galega. Lois Pérez é, coma seu pai, da casa do Havanero, en Momán, Cospeito, Terra Cha, cha, cha”.

Lois Pérez mestre, poeta, dramaturgo e contador de historias, ten como centro da súa actividade artística a narración oral e a escrita, e vén recentemente de participar como guionista e narrador, baixo a dirección artística da música Uxía Senlle, en Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra. O billete para asistir a este espectáculo é de 5 euros. Cómpre reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whataspp 698177621

A AELG no San Froilán: LETRA DAS FESTAS 2017

A AELG no San Froilán: LETRA DAS FESTAS 2017

Historias e anécdotas do pulpo -tamén chamado polbo-

 

Co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a colaboración do Centro Cultural Vello Cárcere (rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34) a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebra a sétima edición de Letra das Festas, revista oral que ten lugar polo San Froilán. Será no salón de actos do Centro Cultural Vello Cárcere, o martes, 10 de outubro, ás 18:00 horas, con entrada gratuíta até completar aforo.

Contan:

  • Fernando Arribas
  • Xosefa Anllo Fernández
  • Aida Soengas
  • Aurora do Carballiño
  • Amador Porta Alfonsín

Ambientación musical:

Coordinan e presentan

 

*Información facilitada pola AELG