LOIS PÉREZ, contador de historias e escritor, estará este sábado, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María, para nos deleitar cun espectáculo especial para este día Entresoños chairegos, cabana e trasmundo.
A sinopse da narración que nos vai presentar este sábado é a seguinte: “O caos é a orde natural do mundo: teno pensado algún cando lle barreron os dentes. O contador de historias Lois Pérez procura conservar os seus e atraca co seu discurso terrachaísta este sábado na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. Malia a carencia de recursos que sempre o aflixe, pousará a mirada do humor nun feixe de historias de fasquía informe: sucedidos chairegos, novos episodios familiares, vagas influencias literarias, contos da xente -a urbana e a rural-, aventuras na emigración, un romance e un encontro -que non romance- co presidente da Deputación de Ourense e outros seres igualmente brutais da mitoloxía galega. Lois Pérez é, coma seu pai, da casa do Havanero, en Momán, Cospeito, Terra Cha, cha, cha”.
Lois Pérez mestre, poeta, dramaturgo e contador de historias, ten como centro da súa actividade artística a narración oral e a escrita, e vén recentemente de participar como guionista e narrador, baixo a dirección artística da música Uxía Senlle, en Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra. O billete para asistir a este espectáculo é de 5 euros. Cómpre reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.