A ‘Escola do espectador nas ondas’ propón esta fin de semana dúas conversas abertas ao público con Titzina Teatro e Leo Bassi
O Salón social do Pazo da Cultura acollerá as conversas o sábado 15 e o domingo 16, guiadas polo xornalista Daniel Galindo, cos intérpretes e creadores destes dous espectáculos, cuxa estrea en Galicia terá lugar no marco do FIOT31
A Escola do espectador nas ondas, de acceso libre, terá continuidade dúas fins de semana máis, e contará con Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Pont Flotant (sábado 22) e Pablo Messiez, Rebeca Hernando e José Juan Rodríguez (sábado 29).
As estreas galegas de ‘Conferencia espectacular’, ‘Búho’ e ’70 años: Leo Bassi’ marcan a programación dunha fin de semana na que dá comezo o VI Certame Metro Cadrado
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebrará esta fin de semana dúas sesións da nova Escola do espectador nas ondas, os encontros promovidos polo FIOT entre público, artistas e xornalistas especializadas en artes escénicas para promover a comprensión e o análise dos espectáculos que conforman a programación do festival. A primeira sesión, na que participaron Mofa e Befa (‘Pirolíticos), Tito Asorey e Xosé A. Touriñán (‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, e que conduciu o xornalista e crítico teatral Camilo Franco, xa se pode escoitar desde o web https://fiot.gal/ondafiot/.
Así, o Salón social do Pazo da Cultura de Carballo acollerá este sábado 15, ás 13.00 horas, a primeira das dúas sesións desta fin de semana. O xornalista Daniel Galindo (presentador de La Sala, programa especializado en artes escénicas de RNE) conversará cos intérpretes e creadores de Titzina Teatro co gallo da estrea en Galicia de ‘Búho’ (sábado 15, ás 20.30 horas, no Auditorio, no marco do Programa de Sala do FIOT31). Precisamente o recinto carballés será o primeiro escenario que o espectáculo visite en xira logo da súa estrea absoluta esta mesma semana. O encontro, aberto ao público,contará con petiscos e grolos para as e os asistentes.
Ao día seguinte, o domingo 16 a partir das 18.00 horas, terá lugar a segunda sesión da Escola do espectador das ondas desta semana e será con Leo Bassi. O clown e axistador de emocións regresa a Carballo 25 anos despois da súa primeira visita a Galicia e ao FIOT para estrear, no país, o seu último espectáculo: ’70 años: Leo Bassi’. Antes desta función, Galindo falará co bufón italiano sobre a súa traxectoria escénica e esta nova creación, na que esixe, a través da memoria e do humor, que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumulados.
De cara á semana seguinte, o sábado 22, celebrarase a seguinte sesión da Escola, que desta quenda dirixirá a xornalista Machús Osinaga (La Mandrágora, Atención Obras ou Cine de Barrio). A cita, que comezará ás 13.00 horas, contará con Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, de Chévere -Premio Nacional de Teatro 2014-, e Pont Flotant. No primeiro caso, Patricia de Lorenzo (Xograresa de Outono 2019), presentará o venres 28, no marco do ciclo OTNI, a súa conferencia performativa ‘Pequenas mentiras para contar grandes verdades’, na que aborda o proceso de creación dalgúns dos personaxes que interpretou con Chévere. Pola súa banda, a veterana compañía valenciana Pont Flotant estreará o sábado 22 de outubro en Galicia, no marco do FIOT31, a súa nova creación: ‘Eclipse total’, peza que se enreda nos fíos da memoria para reflexionar sobre a morte, o legado e o misterio desde o característico universo artístico do colectivo. O encontro, aberto ao público, porá en relación o traballo das compañías e dos seus procesos de investigación e documentación.
Esta nova Escola do espectador nas ondas pecharase o sábado 29 de outubro co protagonismo absoluto de ‘La voluntad de creer’, a nova creación de Pablo Messiez, unha das propostas máis recoñecidas da tempada escénica e que, ao igual que Titzina, fará a primeira parada da súa xira no FIOT. O encontro, que conducirá Paloma Cortina (Dramedias, de RNE) terá lugar o 29 de outubro, a partir das 14.00 horas, no Salón social do Pazo da Cultura e contará coa participación cds intérpretes Rebeca Hernando, José Juan Rodríguez e do propio Messiez, neste último caso a través de videochamada. Axenda da fin de semana
Este venres dá comezo a terceira fin de semana de programación do FIOT, que conta con tres estreas en Galicia (‘Conferencia espectacular’, ‘Búho’ e ’70 años: Leo Bassi’) e as primeiras funcións do VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo
Ás 19.30, horas, na praza do Concello, Fran Boza presentará ‘Malabarabilidades’, unha proposta ateigada de humor, malabares e mazas, ante o público carballés. De seguido, ás 21.00 horas, haberá unha nova función do XII Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), na que terá lugar a estrea en Galicia de ‘Conferencia espectacular’, do recoñecido David Espinosa, un singular parladoiro -no que combina a palabra con obxectos, maquetas e sombras- sobre o xurdimento doas novas escenas ou dos formatos teatrais máis innovadores, e na que non faltarán referencia a creacións de Peter Brook, Fura dels Baus, Mal Pelo, Needcompany ou Els Joglars, entre outras voces singulares.
O sábado 15 dará comezo a sexta edición do Metro Cadrado. En horario de mañá e tarde, poderanse ver ata catro funcións de dous espectáculos de breve duración: ‘Menú-do día’, do Colectivo #ChamizoBelloVila, que pon o foco nas violencias continuadas que vive o colectivo LGTBQI+; e ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili, un proxecto de recuperación e exhibición de películas de cinema doméstico en formato 8mm, Super8 e 16mm. O acceso será libre e gratuíto ata completar o número de prazas e recoméndase facer reserva previa a través de fiot.microteatroentrada@gmail.com, indicando o nome do espectáculo, horario no que se queira asistir, nome e apelidos das ou dos asistentes e teléfono de contacto.
Pola tarde, no marco do Programa de Sala, chegará a estrea en Galicia de ‘Búho’, da catalá Titzina,un espectáculo visualmente suxerente, onírico e cunha linguaxe trepidante que combina diversas artes escénicas. A través da música, da interpretación e da escenografía, ‘Búho’ constrúe un relato dirixido a todo tipo de públicos que se mergulla na busca interior da memoria do protagonista á fin de recuperar os seus recordos e a súa identidade logo de sufrir un ictus que lle provoca amnesia severa. Xa pola noite, a partir das 23.30 horas, será a quenda do humor máis novo e viral con Pablo Meixe e Adrián do Regenco. Ambos presentarán na Rúa dos Contos os seus espectáculos ‘Quen aguanta isto?’ e ‘Así son’ no Mercado municipal.
Como peche da fin de semana, e tamén no marco do Programa de Sala, o domingo 16 ás 20.30 horas terá lugar a estrea galega de ’70 años: Leo Bassi’, peza na que o bufón italiano fai balance sobre os seus máis de 60 anos sobre as táboas. As últimas entradas dispoñibles para este espectáculo están á venda no web www.ataquilla.com.
Ademais da programación escénica, o Pazo da Cultura acolle dúas exhibicións que o público pode visitar no horario de apertura habitual do recinto: Zoom FIOT 2021 (situada no andar 0) e ‘Trinta anos de Mofa e Befa’ (situada na sala de exhibicións do andar -1, fronte ao auditorio). Toda a programación do FIOT31 pódese consultar a través do espazo web www.fiot.gal.
As estreas en Galicia dos novos espectáculos de Leo Bassi, Titzina Teatro e David Espinosa, e o arranque da nova edición do Certame Metro Cadrado, pratos fortes no ecuador do FIOT31
O auditorio do Pazo da Cultura acolle esta fin de semana, no marco do Programa de Sala, as primeiras funcións en teatros galegos de ‘Búho’ (sábado 15) e ’70 años: Leo Bassi’ (domingo 16); ambas compañías participarán na ‘Escola do espectador nas ondas’, que guiará Daniel Galindo.
Comeza a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado con catro funcións, en horario de mañá e tarde, das creacións ‘Menú-do día’, do Colectivo #ChamizoBelloVila, e ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’ de Sr. Lili.
O Teatro de Rúa despídese este venres 14 coas ‘Malabarabilidades’ con, Fran Boza; mentres que o ciclo OTNI acolle a estrea en Galicia de ‘Conferencia espectacular,’ de David Espinosa.
Unha ‘regueifa’ entre creadores dixitais que se unen por vez primeira nun escenario será a cita nocturna desta fin de semana da Rúa dos Contos: o coñecido Pablo Meixe e o bergantiñán Adrián do Regenco actuarán no Mercado municipal o sábado 15 a partir das 23.00 horas.
O FIOT en ruta pecha o seu programa o mércores 12 con ‘Esas cousas marabillosas’, a adaptación da obra de Duncan Macmillan que presentará Empatía Teatro no Centro Social de Ardaña.
O Festival Internacional Outono de Teatro prepara a súa terceira fin de semana de programación ateigada de humor, creación emerxente e ‘VocesFIOT’ de marcado carácter. As estreas en Galicia de ‘Búho’, de Titzina Teatro, e ’70 años: Leo Bassi’, do mítico clown italiano, centran a programación do Programa de Sala e da Escola do espectador nas ondas; mais non serán os únicos pratos fortes da fin de semana: este sábado 15 comeza a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Ademais, os humoristas Pablo Meixe e Adrián do Regenco serán protagonistas dunha noite da Rúa dos Contos no Mercado municipal. O programa completarase coa última función do Teatro de Rúa na praza do Concello da man do malabarista Fran Boza e unha segunda cita co ciclo OTNI, que acollerá a estrea galega de ‘Conferencia espectacular’, de David Espinosa.
As VocesFIOT falarán alto e claro esta fin de semana en Carballo. No ecuador do certame chega aestrea en Galicia de ‘Búho’, da compañía catalá Titzina, unha das máis destacadas do teatro contemporáneo en España grazas as súas propostas afinadas, fondas e poéticas. Titzina Teatro crea as súas obras a partir dun longo traballo de investigación antropolóxica, de entrevistas e convivencias, explorando con gran sensibilidade as relacións e os conflitos cotiáns, que elevan a unha dimensión cómica e tráxica. Desta quenda presenta en primicia en Galicia un espectáculo visualmente suxerente, onírico e cunha linguaxe trepidante que combina diversas artes escénicas. A través da música, da interpretación e da escenografía, ‘Búho’ constrúe un relato dirixido a todo tipo de públicos que se mergulla na busca interior da memoria do protagonista á fin de recuperar os seus recordos e a súa identidade logo de sufrir un ictus que lle provoca amnesia severa.
Outra das VocesFIOT será a de Leo Bassi, quen regresa a Carballo 25 anos despois da súa primeira actuación en Galicia e que, precisamente, tivo lugar no FIOT. Pallaso, bufón e axitador de emocións, Bassi reinvindica a risa como a raíz existencial do seu desexo de provocar. O seu instinto creativo e o seu carácter transgresor foron os que, precisamente, marcaron un fito na traxectoria do FIOT hai 25 anos. Cando aínda era un gran descoñecido para a meirande parte do público, o festival convidou ao cómico a participar na súa programación: naquela función, na que as e os asistentes saíron á rúa guiados polo artista, agromou o compromiso do FIOT coa sorpresa e a innovación. Agora volve para estrear ’70 años: Leo Bassi’, peza na que fai balance sobre os seus máis de 60 anos sobre as táboas, á vez que esixe que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumuladas. A través da súa memoria e do humor, descubrirá ao público do Pazo da Cultura a relevancia de volver ao humanismo e aos instintos.
Precisamente tanto Titzina coma Leo Bassi participarán na nova edición da Escola do Espectador nas ondas, que esta fin de semana celebrarase os días 15 e 16 de outubro da man do xornalista de RNE especializado en artes escénicas Daniel Galindo (presentador e director de La Sala en RNE). A conversa, que se gravará ao vivo, estará dispoñible á semana seguinte no espazo Onda FIOT da web oficial www.fiot.gal.
Comeza o Metro Cadrado
Outro dos fitos máis significativos desta fin de semana do FIOT chegará o sábado 15, pois dará comezo a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. O sábado poderanse ver ata catro funcións de dous espectáculos de breve duración: ‘Menú-do día’, do Colectivo #ChamizoBelloVila, e ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili.
O primeiro deles, que se poderá ver no Mercado municipal, pon o foco nas violencias continuadas que vive o colectivo LGTBQI+. O colectivo creado por Alberte Bello e Diego Chamizo tece unha historia que confronta odio e disidencia, escuridade e luz, tristura e aceptación. #ChamizoBelloVila busca amosar unha realidade posible capaz de romper a norma e xerar unha sociedade máis avanzada e inclusiva. Pola súa banda, Fernando Pujalte levará até o Estudio de fotografía Criss Becerra a súa singular ‘Cinecleta’, un proxecto de recuperación e exhibición de películas de cinema doméstico en formato 8mm, Super8 e 16mm. Con humor, Sr. Lili presentará nun formato didáctico e entretido algúns destes documentos cinematográficos recuperados.
Tal e como é habitual no Certame Metro Cadrado, o acceso será libre e gratuíto ata completar o número de prazas de cada función, mais recoméndase facer reserva previa a través de fiot.microteatroentrada@gmail.com, indicando o nome do espectáculo, horario no que se queira asistir, nome e apelidos das ou dos asistentes e teléfono de contacto.
Despedida do FIOT en ruta e Teatro de Rúa
A programación do FIOT desta semana comezará o mércores 12 no Centro Social de Ardaña, coa segunda e última cita do FIOT en ruta, a liña de programación que expande as artes escénicas pola comarca bergantiñá. A compañía Empatía Teatro presentará ‘Esas cousas marabillosas’, unha divertida e conmovedora comedia sobre a depresión, o suicidio e todo o que unha persoa está a disposta a facer polas persoas que quere. A cita con esta obra, unha adaptación de Avelino González a partir do fenómeno teatral mundial escrito por Duncan Macmillan, será ás 19.00 horas.
Na tarde do venres 14 chegará a quenda do rei galego dos malabares: Fran Boza. A mocidade do artista, que xirou internacionalmente con distintos circos, sorprenderá ao público carballés: humor, malabares con bolas ou mazas serán algúns dos ingredientes do espectáculo ‘Malabarabilidades’, dirixido por Fran Rei, e que pechará o ciclo Teatro de Rúa do FIOT a partir das 19.30 horas na Praza do Concello. Xa en horario nocturno, contra ás 21.00 horas, terá lugar a estrea en Galicia de ‘Conferencia espectacular’, de David Espinosa, na que o artista -con longo percorrido a nivel internacional coas súas montaxes, nas que achega a escena experimental ao público- combina a palabra con obxectos, maquetas e sombras nun parladoiro sobre o xurdimento doas novas escenas ou dos formatos teatrais máis innovadores. O XII Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) acolle así unha divertida clase maxistral sobre a vangarda teatral, na que non faltarán referencia a creacións de Peter Brook, Fura dels Baus, Mal Pelo, Needcompany ou Els Joglars, entre outras voces singulares.
Pola noite a creación emerxente seguirá tendo especial protagonismo, coa participación na Rúa dos Contos de dúas das voces novas máis virais do momento en Galicia: os humoristas Pablo Meixe e Adrián do Regenco. Ambos presentarán os seus espectáculos ‘Quen aguanta isto?’ e ‘Así son’ no Mercado municipal, contra as 23.00 horas, nunha noite na que ambos cómicos darán boa conta do porque do seu éxito no eido virtual.
Juan Mayorga, Blanca Portillo, Pablo Messiez, Leo Bassi, Xosé A. Touriñán, Chévere ou Pont Flotant son algunhas das voces destacadas da nova edición do FIOT
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebra a súa 31ª edición do 30 de setembro ao 31 de outubro e os seus abonos e entradas estarán dispoñibles proximamente a través da web oficial www.fiot.gal
Un total de 39 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia e 2 coproducións conforman o cartel do #FIOT31, que reafirma a súa aposta polas voces singulares e as e os artistas cunha identidade propia e única
Silencio, de Juan Mayorga e protagonizada por Blanca Portillo; La voluntad de creer, o novo de Pablo Messiez; Búho, de Titzina; Eclipse total, de Pont Flotant; Pirolíticos, estrea absoluta de Mofa e Befa; 70 años: Leo Bassi, o regreso do bufón todoterreno a Carballo após 25 años; Recortes, caneos e outras formas de driblar, do CDG e Ainé; ou Impalpable, de Sambuseck, gran sensación da escena arxentina que triunfa agora a nivel estatal, son algunhas das propostas
Neste 2022 tampouco faltarán á cita seccións clásicas do festival, como OTNI, FIOT en ruta, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos -este año, en lembranza de Pedro Brandariz-, Micro-escenas Metro Cadrado, FIOTeen e Fiotiño
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, o certame escénico de referencia en Galicia, festexará a súa 31ª edición do 30 de setembro ao 31 de outubro, cun completo programa dun mes de funcións e actividades para todos os públicos.
Este ano, baixo o lema #VocesFIOT, o festival aposta pola visualización da singularidade e da identidade das compañías que conforman a súa programación. Visións, propostas e voces moi diferentes, moi persoais e singulares. Todas elas confirman que no FIOT collen todas as voces e todos os públicos: o programa do festival procura, precisamente, esa diversidade, conscientemente, coa intención de chegar a un amplo e diverso abano de espectadores.
O FIOT celebra neste 2022 unha firme proposta artística, na que destaca o seu gusto polo teatro de autor; a súa ambición pola calidade e diversidade e o seu compromiso con creadoras emerxentes. Á vez, o festival convidará ao público a facer memoria e recuperar historias de diferentes xeracións. Pero este ano o FIOT recordará especialmente a Pedro Brandariz cunha homenaxe no ciclo que tantas veces acolleu o seu humor único: a Rúa dos Contos.
O FIOT decorrerá desde o venres 30 de setembro cunha chea de propostas para todos os públicos a través das diferentes liñas de programación que conforman o festival: Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Metro Cadrado, FIOTeen e Fiotiño volverán encher de actividade escénica Carballo. A sección de actividades paralelas, nomeada En Paralelo, acollerá dúas exposicións, dúas xornadas profesionais e outras propostas culturais
Nesta 31ª edición o festival contará con figuras únicas das artes escénicas, como Leo Bassi, quen debutou en Galicia hai 25 anos precisamente no FIOT. Aquela actuación propiciou un cambio relevante na historia do certame: a promoción dunha programación de artistas con voces moi diferentes e persoais. A recuperación de Leo Bassi, coa estrea en Galicia de 70 años: Leo Bassi, afonda nesta idea das #VocesFIOT.
Outras voces imprescindibles do panorama escénico tamén estarán no FIOT. É o caso de Blanca Portillo e o seu Silencio, creación de Juan Mayorga; da estrea en Galicia de La voluntad de creer, a última obra de Pablo Messiez; e, como non, a celebración do 30º aniversario de Mofa e Befa. O FIOT estreará a súa nova obra, Pirolíticos; a exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’; Evaristo Calvo recibirá o galardón Xograr de Outono 2022 e o dúo será protagonista dunha actividade específica, no marco do festival, no que outro evento senlleiro de Carballo, Derrubando Muros, colaborará co FIOT.
Polo Programa de Sala tamén pasará a nova creación do Centro Dramático Galego e Ainé,Recortes, caneos e outras formas de driblar, dirixida por Tito Asorey, con Xose A. Touriñán e con texto de Nacho Carretero; ou unha das sensacións do teatro arxentino, Sambuseck, con Imparable. E a Carballo tamén volverán dúas compañías clave das artes escénicas a nivel estatal para estrear en Galicia as súas últimas creacións: Pont Flotant (Eclipse Total) e Titzina (Búho).
O FIOT naceu hai 31 anos para xerar toda unha estrutura escénica. Por iso conta cunha liña de programación específica de apoio á narración oral, a Rúa dos Contos, que este ano regresa aos bares e rende homenaxe a Pedro Brandariz. Figuras como Alberte Montes, Marta Doviro, Óscar Terol, Good Sex Maritxu, Marta Iglesias ou Quico Cadaval estarán en Carballo, ademais das voces emerxentes e virais de Pablo Meixe e Adrián do Regenco. O festival manterase na rúa e no espazo público para celebrar o circo e as iniciativas para todos os públicos: o Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na Praza do Concello os venres 30, 7 e 14; ao igual que boa parte das obras do CertameMetro Cadrado,que este ano celebra a súa sexta edición con 4 estreas absolutas de figuras recoñecidas ou novas compañías do sector a nivel autonómico. Serán pezas site-especific que se realizarán en seis localizacións diferentes de Carballo.
O apoio á creación estará presente a través da coprodución de pezas como Pirolíticos, de Mofa e Befa, ou Wombo Combo, da compañía de Carballo Galeatro; ao igual que o apoio á investigación e ao tecido emerxente coa celebración de residencias (Natalia Fernandes) ou do Certame Metro Cadrado; así como a visualización de novos formatos e novidosas propostas escénicas, a través da liña de programación OTNI. Esta contará con dúas estreas en Galicia (Beautiful Stranger, en colaboración con Camiño Escena Norte; e Conferencia espectacular, de David Espinosa). O OTNI completarase coa participación de Patricia de Lorenzo, do Grupo Chévere e Xograresa de Outono, e o seu Pequenas mentiras para contar grandes verdades; e da compañía madrileña Amor Total con Freak.
Xornadas profesionais e avance na inclusión
O FIOT naceu coa vocación de xerar e impulsar o tecido escénico, pero tamén como espazo de encontro para públicos, compañías e axentes culturais. Por iso, durante o #FIOT31 celebranrase xornadas profesionais da asociación Escena Galega ou do Colectivo NOGA, ademais da visita do alumando do CEU de Xestión Cultural da Universidade de Santiago. Á vez, o certame serve como rede para espallar e descentralizar a actividade escénica pola comarca de Bergantiños: o teatro chegará aos centros sociais de Verdillo e Ardaña co FIOT en Ruta ou á residencia de maiores de Carballo coa Rúa dos Contos.
O FIOT é moito máis que unha programación de espectáculos. É un motor para as artes escénicas galegas. Esa filosofía de rede, de xerar comunidade, de proxecto de continuidade ou de amosar outras realidades sociais periféricas é a súa base. Esa sustentabilidade pola que aposta o FIOT desde hai anos avanza, neste 2022, un paso máis: o programa do FIOT31 introduce a inclusión. O festival incorpora dúas funcións que serán accesibles en lingua de signos. Trátanse de accións pequenas de nacen con vocación de continuidade e que, de novo, visualizan o compromiso do FIOT por ser máis sustentable e inclusivo.
Entradas
Os abonos e as entradas para a 31ª edición do FIOT sairán á venda nos vindeiros días a través da páxina web oficial www.fiot.gal. Tal e como é habitual, as socias da Asociación Cultural Telón e Aparte terán un prazo propio para a adquisición dos seus billetes. Unha vez remate este, sairán á venda os bonos e entradas para os diferentes espectáculos que conforman a programación do festival.
A nova edición do FIOT celebrarase do 30 de setembro ao 31 de outubro e contará con Leo Bassi e a estrea absoluta da última obra de Mofa e Befa
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo avanza as datas da súa 31ª edición, que presentará ao público o mércores 14 de setembro
Leo Bassi regresa á Costa da Morte 25 anos despois do seu debut nos escenarios galegos, un fito que incidiu na evolución do FIOT, para presentar a estrea en Galicia do espectáculo no que percorre a súa traxectoria sobre as táboas
Evaristo Calvo, Xograr de Outono 2022, e Víctor Mosqueira son protagonistas da nova coprodución do FIOT: ‘Pirolíticos’, cuxa dramaturxia asinan Lucía Aldao, Clara Gayo e María Lado, e que propón un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos homes
O programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte fará parada en Carballo coa estrea en Galicia de ‘Beautiful Stranger’, da compañía navarra La Caja Flotante
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, a gran celebración das artes escénicas de Galicia, terá lugar do 30 de setembro ao 31 de outubro. O FIOT, que este ano festexará a súa 31ª edición, presentará a vindeira semana a súa programación no Pazo da Cultura do municipio bergantiñán, mais nesta xornada avanza dous dos pratos fortes deste 2022: o regreso á Costa da Morte de Leo Bassi, quen debutou en Galicia sobre as táboas do FIOT nunha actuación histórica para a localidade, e a estrea absoluta da nova creación de Mofa e Befa, o dúo conformado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, quen este ano recibe o galardón Xograr de Outono.
Carballo acollerá, o 16 de outubro, a estrea en Galicia de ’70 anos: Leo Bassi’, peza na que o irreverente clown italiano fai balance da súa traxectoria de máis de 60 anos sobre as táboas á vez que esixe que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumuladas. A través da súa memoria, e do humor, descubre ao público a relevancia de volver ao humanismo e aos instintos.
Leo Bassi, pallaso, bufón e axitador de emocións, reinvindica a risa como a raíz existencial do seu desexo de provocar. O seu instinto creativo e o seu carácter transgresor foron os que, precisamente, marcaron un punto de inflexión na traxectoria do FIOT. Hai 25 anos, cando aínda era un gran descoñecido para a meirande parte do público, o festival convidou ao cómico a participar na súa programación, na que foi a súa primeira actuación en Galicia: naquela función, na que as e os asistentes saíron á rúa guiados por Bassi, agromou o compromiso do FIOT coa sorpresa e a innovación.
Outra das citas máis relevantes da programación do Festival Internacional Outono de Teatro será entrega do Premio Xograr de Outono 2022 e Evaristo Calvo e a estrea absoluta, o 7 de outubro, de ‘Pirolíticos’, unha coprodución do FIOT co dúo cómico Mofa e Befa. Co gallo da celebración do seu 30º aniversario, a compañía emprende o seu proceso creativo máis arriscado e experimental. Sobre as táboas, Calvo e Mosqueira lanzarán un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, poñendo o foco dos que simpatizan coa teoría feminista e aspiran a vivir en consonancia con ela, pero que enfrontan unha cultura e unha sociedade profundamente machista. A obra, dirixida por Clara Gayo, conta coa dramaturxia de Lucía Aldao, a propia Gayo e María Lado, e contará cunha segunda función o sábado 8 de outubro.
Camiño Escena Norte regresa ao FIOT
Carballo volver ser sede neste 2022 do programa Camiño Escena Norte, un proxecto intercambio cultural promovido polas asociacións profesionais de artes escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, como novidade este ano, Navarra. Precisamente desta última comunidade procede La Caja Flotante. A compañía de Ion Iraizoz visitará o FIOT o sábado 8 de outubro para estrear, no territorio galego, a súa creación ‘Beautiful Stranger’, unha comedia de autoficción existencial, ateigada de linguaxe cinematográfica, que aborda as múltiples identidades que poden convivir nunha mesma persoa. Nesta creación, que estará enmarcada no ciclo OTNI, Ion Iraizoz interprétase a si mesmo para tratar de reconstruír, coa complicidade do público, tanto a súa festa de aniversario, á que nomeou ‘O último martes antes de cumprir 40’, como as súas propias lembranzas.
A vindeira semana presentarase o programa completo do 31º FIOT, da que xa se coñecen -ademais das estreas en Galicia de ’70 anos: Leo Bassi’ e ‘Beautiful Stranger’, ou a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’-, os espectáculos que formarán parte da sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, unha das liñas de programación máis queridas polo público ao ofrecer creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. ‘Xeografía dos corpos’, de Compañía Anxela Blanco; ’Viaxar é un pracer’, de Dani Blanco; ‘Actriz, chora’, de Cacharela Teatro; ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili; ‘Menú do día’, de Colectivo #ChamizoBelloVila; e ‘Homeless’, de Mónica Paradela Cuñarro, participarán no certame M2 de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes.