OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: La historia de los vertebrados

Autora: Mar García Puig

Editorial: Penguin Random House

Ano de publicación: 2023

Veño de ler por primeira vez a Mar García Puig tras comprobar, durante semanas, a boa acollida que está a ter La historia de los vertebrados nas redes. Certo é que non todo o que pulula por estes lares cumpre coas expectativas que ten unha, porén, neste caso, acostumo a pór o filtro, non tanto no número de persoas que recomendan a súa lectura, como en quen a recomenda. Non defrauda. Anoto outra autora máis á listaxe de descubrimentos.

A obra constitúe un híbrido entre a novela e o ensaio, transitando, tamén, pola poesía. A temática xira ao redor da maternidade e a saúde mental, sendo ambos elementos indisolúbeis nesta realidade que se nos presenta. É difícil non entoar un “eu tamén” a medida que a autora vai describindo espazos do íntimo escasamente nomeados. Ráchase un silencio socialmente admitido para abrir novas fiestras onde airear as palabras que levamos cosidas á pel. Velaí o persoal e o político, sempre conectados por un delicado cordón umbilical.

As referencias documentais a ingresos sanitarios de mulleres, tanto anónimas coma coñecidas, por “loucura puerperal” vanse entretecendo perfectamente co relato da propia autora tras dar a luz a un neno e unha nena. Deste xeito, tal e como manifesta a escritora, cando estoupamos, caemos sobre o leito mol de todas as nais tolas que nos precederon. A pegada das devanceiras no modo en que nos comunicamos con nós mesmas e o exterior semella incuestionábel. 

En definitiva, un libro non apto para quen trate de buscar acougo ou respostas rápidas. E, pola contra, un libro moi necesario para quen opte por conxugar a dúbida e a incerteza coas múltiples formas de amor que agroman na vida.