A Galería NÉBOA presenta Canción de río, exposición individual de Marina González Guerreiro (A Guarda, 1992), comisariada por Laura Tabarés
O próximo xoves 12 de decembro ás 19:30 horas, a Galería NÉBOA inaugura Canción de río, a primeira exposición individual de Marina González Guerreiro en Galicia.
Nesta mostra, comisariada por Laura Tabarés, a artista explora as interaccións entre a auga, o tempo e a memoria, empregando elementos como a cerámica, os azulexos e obxectos escultóricos para configurar un ecosistema poético e minucioso. Canción de río é unha cita imprescindible para achegarse ao universo creativo dunha das voces emerxentes máis destacadas da arte contemporánea galega.
Hai algo semellante ao son duns chanzos que baixan cara á auga; cada chanzo supón unha pausa nesa cadencia. Esta imaxe é un limiar líquido que suxire camiñar cara ao seu interior.
Entrar na auga é introducir o corpo nunha substancia que nos compón. Pode implicar mergullarse completamente, camiñar desde a beira ata estar dentro, ou simplemente tocar a auga con algunha parte do corpo. Podemos, daquela, mergullar o corpo nun corpo de auga: un corpo de auga que ocupa un espazo e que, en relación ao tempo, ofrécenos un proceso de desgaste lento pero tamén de desprazamento de fragmentos. É posible, por tanto, entrar á auga nun río, nun pequeno regato, nun lago ou no mar por pouco tempo sen desfacernos de todo.
Na práctica do obradoiro é diferente. A auga, neste caso, opera como o fai nos materiais do mesmo mundo, desgastando e desprazando materia e significados, modelando así os pregues e concavidades dos obxectos. Os fragmentos arrastrados son partes mínimas, moi fráxiles, de volumes e grafismos que se van recolocando, reordenando e organizando de formas diversas. Estes xestos configuran novos ecosistemas. Son achados que definen unha articulación definitiva das paisaxes acuosas.
O corpo no obradoiro proporciona un encontro mediado entre a auga e o tempo. Se o obradoiro é un lugar onde as temporalidades mudan, neste caso o tempo está suspendido. As mans crean infiltracións en procesos que se repiten sobre materiais que atopan os seus propios límites de humidade e escorregamento. Nestas outras temporalidades, as memorias particulares da artista convértense en memorias colectivas, en narrativas fluídas que se reconfiguran constantemente.
No ecosistema húmido, minucioso e orgánico que nos presenta Marina González Guerreiro, somos visitantes dun proceso que nunca remata. O equilibrio da sala depende dun ciclo natural de circulación que se atopa detido.
Acceder a través do limiar líquido, baixar os chanzos e entrar na auga. Debaixo atopamos un espazo indefinido; cos ollos borrosos podemos ver os restos de estruturas fráxiles que gardan un espazo quimérico no que se perciben algúns artefactos e linguaxes indeterminadas.
As pías de auga bendita, concavidades cerámicas, semellan repousar á espera dun rito suspendido. Un acto doméstico antes ou despois do sono que nunca chega a ocorrer. As cunchas, cavidades testemuñais da auga, son, neste ecosistema reorganizado, reliquias somerxidas. Neste oratorio anegado atopamos tamén varios retablos con volumes petrificados, que semellan intuír baixo a superficie o fluir de varios recordos ou mesmo dalgunha imaxe oculta.
Nos azulexos, os grafismos semellan formarse baixo un idioma empapado que nunca se revela por completo. Unhas imaxes por fragmentos que, ao igual que as fichas, se despregan como unha corrente secuenciada de narrativas para esas memorias particulares, que se van multiplicando ou erosionando segundo a dirección do vento.
No máis profundo deste espazo indefinido podemos escoitar algo semellante ao son duns chanzos que soben da auga á terra: unha canción de río.
Laura Tabarés
Marina González Guerreiro (A Guarda, 1992) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e conta cun Mestrado en Produción Artística pola Universidade Politécnica de Valencia. Entre as súas exposicións individuais máis destacadas atópanse: Esta orilla es fruto na Galería Rosa Santos (Madrid, 2023); Buen Camino en La Casa Encendida (Madrid, 2022); Behind each escapist dream there is the day-to-day to sustain en Bungalow, ChertLüdde (Berlín, 2021), Given Time en Intersticio (Londres, 2021); Una Promesa na Galería Rosa Santos (Valencia, 2020); LMXJVSD en Pols (Valencia, 2020); Work Hard, Dream Big na Internet Moon Gallery (2019); e Luchar, creer na Galería Adora Calvo (Salamanca, 2018).
No ámbito das exposicións colectivas, participou en proxectos como A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía no Museo de Pontevedra (2024), comisariada por Susana González, Chus Martínez e Ángeles Tilve; Sustrato común. Una nueva arqueología de la materia en Fabra i Coats: Centre d’Art Contemporani (Barcelona, 2024); Nudos escurridizos na Galería Rosa Santos (Valencia, 2024); e Habitaciones en Travesía Cuatro (Guadalajara, México, 2024). Foi tamén seleccionada para a XXV Edición de Generaciones da Fundación Montemadrid en La Casa Encendida (Madrid, 2024). A súa obra exhibiuse en feiras de renome como ARCOmadrid e Artissima, consolidándose como unha voz destacada na arte contemporánea.
Información práctica:
Inauguración: xoves 12 de decembro, ás 19:30 horas
Lugar: Galería NÉBOA, Rúa Lamas de Prado 31, Lugo
Artista: Marina González Guerreiro
Comisaria: Laura Tabarés
Duración da exposición: 12 de decembro – 8 febreiro
Gramática de superficie de Andrés Rivas Rodís na Galería NÉBOA
Inauguración: venres 20 de setembro ás 19h
Enderezo:Rúa Lamas de Prado 31, Lugo
Exposición: 20 setembro – 23 novembro
O vindeiro venres 20 de setembro, a partir das 19h, a Galería NÉBOA inaugura tempada expositiva coa mostra individual Gramática de superficie do artista compostelán Andrés Rivas Rodís.
Gramática de Superficie é o título da primeira exposición individual de Andrés Rivas Rodís na Galería NÉBOA. O elemento “superficie”, implicado tanto no proceso como na visualización das obras, constitúe precisamente, o fío condutor de toda a mostra. A superficie como capa externa desprotexida e base para a inscrición (de aí a súa relación coa escrita) é o soporte sobre o que, inconsciente ou premeditadamente, deposítanse todo tipo de elementos dun xeito xeolóxico, estratificados e remitíndose constantemente uns aos outros.
Un movemento tectónico, no que o artista dispón certos obxectos (telas, papeis, madeira, etc.) sobre os que realiza composicións básicas coa intención de producir o menor ruído posible e así, evidenciar as interaccións do externo no plano pictórico. A partir do descoido ou do accidente as pezas vanse “contaminando” do entorno, do espazo de traballo no que hai lixo, po, pegadas e desprendementos
Asemade, as obras sofren unha contaminación formal, consciente e promovida polo propio artista a base de materiais atopados extraídos de calquera libro esquecido: un debuxo simulando unha bobina, un circuíto eléctrico ou a silueta dun nocello. Como é obvio, a referencia orixinal non se asocia directamente. Para Rivas Rodís, o elemento da translación é esencial para entender como, mediante o emprego da plástica, opera a nosa visualidade, o aceno en relación coas superficies, con todo o que é susceptible de ser visto, manchado e copiado.
Algúns dos papeis que utiliza nos collages son rescatados de antigos cadernos, libros ou cartas que perderon a súa función e que foron visiblemente atravesados polo tempo: un papel mercado hai dúas horas conxúgase, xustaponse e dialoga con outro de corenta anos. E volve cobrar sentido, reactívase na superficie da obra sen medo de superpoñerse á anterior. Un movemento que opera repetidamente, e que fai que unha peza non sexa un círculo pechado ou teña un punto final, senón que funcione coma unha estrutura poliédrica.
Se, como dicía Paul Válery “o máis profundo é a pel”, é porque a pel é un órgano de contacto, de permeabilidade e repleto de poros. O capilar, o térmico, a súa división en estratos, fai que poida vinculala ao espazo do taller e ao propio proceso pictórico, xa que se converte nun espazo con milleiros de puntos perceptivos: xa non só contamos co visual, a superficie é a resposta á somatización, á asimilación dun espazo, e as obras forman parte dese corpo somático, vivo e quente que é a pintura.
Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) é graduado en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (2022), mestrado en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco en Biscaia (2024), e actualmente doutorando pola Universidade de Vigo. No 2024 recibiu o Premio Gaztea do Concello de Leioa (Biscaia) e no 2022 foi galardoado co Premio Cátedra Bodegas Faustino & Willy Ramos (París) co proxecto Luz negra. Ademais, foi finalista do Xuventude Crea de Santiago de Compostela (2020 e 2021) e un dos participantes no Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura EAN11 (2021) coordinado por Rafael Doctor.
Entre as súas exposicións destaca a colectiva dos galardoados coa Cátedra Faustino & Willy Ramos na Galería Lupe Fullana (Valencia, 2023), XXVI Certamen Jóvenes pintores da Fundación Gaceta (Salamanca, 2023), Paisaxe_0 na Galería Metro (Santiago de Compostela, 2022), La imagen de la memoria na Biblioteca Azorín (Patraix, Valencia 2022), Xuventude Crea na Igrexa da Universidade (Santiago de Compostela, 2021) e Hidden Sessions co colectivo Orbis Vacui no Centro Cultural escuela de Ruzafa (Valencia, 2020).
Inauguración venres 20 de setembro ás 19h Enderezo Lamas de Prado 31, Lugo Exposición 20 setembro – 23 novembro, 2024 Horario martes a venres de 11h a 14h / 17h a 20h sábados 11h a 14h. Outro horario, previa cita
Este venres 19 de abril ás 19:00h inaugurouse a mostra individual Un lugar desprazado coma o meu corpo, de Sabela Eiriz, na Galería NÉBOA (Lamas de Prado 31, Lugo).
Digo «lugar» e estou mentindo, porque este sitio non existe. Este limbo (que nin é urbanita nin é rural) ubícase nunha nota ao marxe que pasa desapercibida na lectura. Non existe nos mapas porque se reflicte nos corpos: é a terceira beira dun regato artificial, no medio do medio. Tampouco hai ubicación temporal: quedamos suspendidas nun retorno eterno, na busca perenne dun oco na vida. Unha ollada ou un reflexo dilátanse na imaxe, coma se estiveran agardando pacientemente a que alguén veña e as mire, a que alguén as vexa”. Sabela Eiriz.
Sabela Eiriz (Lugo, 1991) é unha artista multidisciplinar que traballa fundamentalmente coa fotografía, a escritura e o vídeo, cunha linguaxe baseada na poética, nas posibilidades expresivas das imaxes e na hibridación de formas e formatos. No seu traballo, combina unha aproximación conceptual cun hábito contemplativo, entrelazando experiencia, pensamento e emoción. A memoria, o tempo, a identidade, así como a metarreflexión sobre a imaxe e os procesos creativos, son protagonistas habituais nos seus proxectos.
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela, especializouse nos mestrados de Fotografía e Deseño pola Elisava Facultad de Diseño e Ingeniería de Barcelona;Estudos Comparados de Literatura, Arte e Pensamento pola Universitat Pompeu Fabra de Barcelona e Profesorado de Artes Visuais pola Universidade da Coruña. Eiriz é Doutora en Artes e Educación pola Universidade de Granada, e na actualidade compaxina a súa labor artística co seu traballo como fotógrafa e videógrafa e coa docencia na Universidade da Coruña.
A súa traxectoria sempre foi multidisciplinar, iniciándose no eido do teatro e movéndose posteriormente ao terreo audiovisual e fotográfico. Así, ten participado en diversas exposicións, individuais e colectivas, residencias e visionados co seu traballo fotográfico, así como en mostras e proxeccións audiovisuais. A súa obra está presente en coleccións como a Fundació Vila Casas ou a Rede Museística Provincial de Lugo.