Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo bota o pano da súa 32º edición nun ano no que contou con máis de 14.000 asistentes ao longo das súas 62 funcións e nas máis de 20 actividades organizadas arredor das artes escénicas
O Programa de sala acadou a máxima puntuación da súa historia, 4,49 sobre 5, o que referenda a aposta por unha programación ateigada de diversidade, actualidade e contemporaneidade e que defendeu o teatro social como instrumento de reflexión, diálogo sobre a realidade e concienciación
O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, recibe o recoñecemento como Mellor Espectáculo no Certame Metro Cadrado, mentres que Carlota Mosquera é galardoada co premio é Mellor Interpretación polo espectáculo Ninguén tira fotos nos enterros
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despide a súa 32ª edición dando conta do Premio do Público 2023. Prima Facie, de Producciones Teatrales Contemporáneas, cuxa estrea en Galicia tivo lugar no FIOT32, foi recoñecido polas e polos asistentes como a proposta máis salientable deste ano, acadando unha puntuación total de 4,75 sobre 5 puntos. A peza, un texto asinado por Suzie Miller e dirixido polo peruano Juan Carlos Fisher, conta coa actriz Vicky Luengo como protagonista absoluta.
Alén de Prima Facie, tamén obtivo unha puntuación notable Apaga o candil, a coprodución do FIOT coa Compañía Contraproducións sobre o narrador oral Carlos Díaz ‘O Xestal’, que logo da súa estrea absoluta en Carballo inicia o seu percorrido por Galicia; así como La comedia de los errores,producida polo Festival de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, peza que, baixo a dirección de Andrés Lima, Premio Nacional de Teatro 2019, pechou o Programa de sala desta edición.
Precisamente esta liña de programación do FIOT acadou este outono a puntuación máis alta da súa historia, ao obter 4,49 puntos sobre os 5 posibles. Neste 2023, o Programa de sala (sobre o que o público emite os seus votos desde hai 27 anos) obtivo a puntuación de sobresaínte, o que referenda a excelencia da programación desta edición do festival, nun ano no que, baixo o lema (in)transixentes, o FIOT avogou non só presentar propostas de gran singulariedade e cunha marcada identidade, senón pola integración, a transversalidade e a defensa do teatro social como instrumento para a reflexión, diálogo sobre a realidade e concienciación.
Este FIOT32, ademais, foi unha edición na que o festival avanzou no reto da implementación da sustentabilidade, coa incorporación de espectáculos inclusivos, como a estrea absoluta de É meu amigo ou Sexpiertos, esta última en colaboración co programa Camiño Escena Norte; ademais de presentar unha estrea absoluta (Apaga o candil) con tradución á lingua de signos, da man do Centro Dramático Galego, e a creación dun soporte en vídeo con esta tradución, un recurso que acompañará a función na súa xira polo país.
Ademais de dar a coñecer o Premio do Público 2023, o FIOT tamén dá a coñecer os galardóns do Certame de Micro Escenas Metro Cadrado. Neste caso, O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, foi o espectáculo mellor valorado polo público, cun 4,63 sobre 5. No eido interpretativo, Carlota Mosquera fíxose co galardón á Mellor Interpretación ao obter un 4,89 sobre 5 polo seu traballo en Ninguén tira fotos nos enterros.
Máis de 14.500 asistentes
O Festival Internacional Outono de Teatro 2023 obtivo, ademais, unha excelente resposta por parte do público: máis de 14.000 persoas -de diversas procedencias e idades, tanto da comarca coma doutros puntos de Galicia- asistiron ás funcións ou ás actividades paralelas programadas ao longo desta 32ª edición, celebrada entre o 28 de setembro e o 31 de outubro. Entre elas, ademais, houbo unha importante presenza de profesionais do sector escénico que, un ano mais, acudiu a Carballo. Os 39 espectáculos programados no #FIOT32, que se representaron en 62 funcións (nos ciclos Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, Fiotiño, Fioteen), contaron con 7.137 espectadores. sumando así unha ocupación do 93,19% sobre o total posible no programa de exhibición.
A programación escénica, ademais, completouse con máis de 20 actividades paralelas organizadas polo FIOT ou coa colaboración doutros axentes, nas que participaron máis de 7.480 persoas. É o caso da exposición sobre Carlos Díaz ‘O Xestal’, das xornadas profesionais, das accións teatrais en institutos da comarca da man de Galetatro, do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, da entrega do galardón Xograresa de Outono a Ana Romaní, das sesións de formación da Escola do Espectador nas Ondas, da proxección do documental Hay alguien en el bosque, das emisións ao vivo e gravacións con público de RTVE desde o Pazo da Cultura, do Zoom FIOT (tanto da mostra sobre a iniciativa no 2022, coma a edición deste 2023), do programa do voluntariado ou mesmo dunha ruta dramatizada de sendeirismo polo espazo vital de O Xestal, que contou con membros da Aula Municipal de Teatro. Todas elas conformaron unha ampla programación paralela que, novamente, deu conta do interese do FIOT pola creación de públicos e da consolidación do seu compromiso pola creación de teatro.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo quere agradecer e recoñecer tamén o acompañamento e apoio das 31 institucións, patrocinadoras e entidades colaboradoras que fan posible o desenvolvemento do FIOT e que este ano medraron considerablemente. Ademais de institucións como Concello de Carballo, Xunta de Galicia a través da Agadic, Deputación da Coruña, Ministerio de Cultura y Deporte a través do INAEM e Fundación Luis Calvo Sanz; aos novos patrocinadores do festival, Cafés Lúa, Bodegas Martín Códax e Libraría Brañas; e a Camiño Escena Norte -que este ano seleccionou o FIOT como iniciativa destacada de Galicia-, Escena Galega e RTVE. O festival tamén quere salientar a colaboración dos locais de hostelería de Carballo así como nos 26 espazos nos que se realizaron actividades do programa; das asociacións culturais Alpendre de Oza, Veciños San Salvador, Mulleres Rurais de Sofán ou Senda Nova; e do Centro da Terceira Idade, Centro Dramátigo Galego, Grupo Dimolk, Colectivo RPM, Obradoiro Dual de Emprego do Concello de Carballo, Bodegas Carballo, Radio Nordés – Cadena SER e centros de ensino secundario de Carballo.
Por último, a dirección do #FIOT32 quere recoñecer especialmente o labor do seu equipo de voluntariado e agradecer a presenza, compromiso e entrega do corazón do FIOT: o seu público.
PALMARÉS FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO 2023
Premio do Público 2023 Prima Facie, de Producciones Teatrales Contemporáneas
VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado Mellor espectáculo: O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental Mellor interpretación: Carlota Mosquera por Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera
A versión libre sobre a comedia de Shakespeare, á vez baseada nunha de Plauto, contará con seis actores en escena, entre eles, Pepón Nieto, Antonio Pagudo e Rulo Pardo- que interpretarán 24 personaxes diferentes
A obra, que se poderá ver mañá martes, 31 de outubro, ás 21.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, coas entradas xa esgotadas, será o ramo do Programa de sala do #FIOT32, cuxa derradeira actividade chegará o 12 de novembro coa gala final do XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, despídese coa programación do derradeiro espéctáculo desta 32ª edición. Mañá martes, 31 de outubro, ás 21.00 horas, o Pazo da Cultura acollerá, no marco do Programa de sala, a representación de La comedia de los errores, dirixida polo laureado Andrés Lima. O director, recoñecido, entre outros, con numerosos galardóns Max e co Premio Nacional de Teatro 2019, regresa a Carballo logo da función de Prostitución, que se puido ver no FIOT en pausa de 2020.
La comedia de los errores, producida polo Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, é unha divertida versión libre da comedia de William Shakespeare, á súa vez baseada nunha obra de Plauto, no que seis excepcionais actores -Pepón Nieto, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Rulo Pardo, Avelino Piedad e Estaban Garrido- interpretan un total de 24 personaxes. Enredos e equívocos, encontros e desencontros, débedas, xoias, cruzamentos danse cita nunha comedia ateigada de erros que se producen sen parar ata que o desastre se converte nunha festa que celebra a diversidade.
Nesta peza, Andrés Lima constrúe un vertixinoso xogo teatral no que convidará ao público carballés a poñerse no lugar do outro e cuestionar os límites entre o verdadeiro e o falso. Con esta singular adaptación do texto do bardo inglés, o #FIOT32 pecha unha edición marcada pola diversidade e a excelencia, con voces persoais e singulares e dunha notable calidade artística.
Alén da programación de exhibición, estes días o público todavía pode visitar as exposicións Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’ e Zoom FIOT 2022, situadas no andar -1 e 0, respectivamente, do Pazo da Cultura. Finalmente, a actividade desta edición do #FIOT32 pecharase o vindeiro domingo 12 de novembro coa gala final do XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, na que se dará a coñecer o nome dos grupos gañadores desta proposta escénica radiofónica dirixida, especificamente, ao alumnado de Bergantiños. Os audios quedarán pendurados na web do FIOT, www.fiot.gal, no apartado Onda FIOT.
AXENDA #FIOT32 | 31 DE OUTUBRO
Martes 31, 21.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura La comedia de los errores, do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo
Todos os días, de 16.00 a 21.00 horas. Sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1) Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’
Todos os días, no Pazo da Cultura. Pazo da Cultura (andar 0) Exposición Zoom FIOT 2022
A estrea en Galicia de Hay alguien en el bosque, a obra de teatro documento con Ariadna Gil sobre as violacións a milleiros de nenas e mulleres durante a Guerra de Bosnia, acompañarase da proxección gratuíta do filme homónimo mañá mércores 25, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura
O Programa de sala acolle este venres 27 a función de El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca, de Xavier Bobés e Alberto Conejero, o espectáculo sobre a historia de Antoni Benaiges, mestre fusilado no 1936, e que foi finalista á mellor dirección de escena nos Max 2023
O OTNI despídese do público fioteiro coa presentación do ‘work in progress’ este xoves 26 de Las bailarinas no tocan el cielo: las que bailan, de Clara Pampyn, e coa estrea en Galicia o sábado 28 de outubro de El testamento, de Zum-Zum Teatre, Premio FETÉN 2023 á mellor dirección
Jean Philippe Kikolas regresa a Carballo co seu novo traballo, Duelo, proposta de circo contemporáneo que se poderá ver na Praza do Concello tanto o venres 27 coma o sábado 28ás 19.00 horas
O Certame Micro-Escenas Metro Cadrado tamén di adeus este sábado con outras dúas estreas absolutas: O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, de Compañía Accidental, e Canta nai, canta, de Cía iO
O intérprete e ximnasta Víctor Ortiz ‘Wilbur’ pechará este sábado 28 a Rúa dos Contos coa estrea galega do seu espectáculo Piensa en Wilbur, ateigado de humor, risco e acrobacias imposibles
O 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo afronta unha nova semana de programación repleta de traxedia e drama, ademais da despedida de ciclos como OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa ou mesmo do Certame Micro-Escenas Metro Cadrado. Nunha semana na que destaca a presenza de dous pratos fortes desta edición, como son Ariadna Gil e Xavier Bobés, o festival pon o foco sobre a intransixencia como a orixe da xeración do conflito. As violacións de milleiros de nenas e mulleres na Guerra de Bosnia ou fusilamento de mestres na Guerra Civil española son as temáticas que se abordarán esta fin de semana no Programa de sala, a través da estrea en Galicia de Hay alguien en el bosque e da representación de El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca.
O Pazo da Cultura de Carballo acolle na xornada deste martes, 24 de outubro, as xornadas profesionais de Escena Galega, a asociación de produtoras teatrais do país; mais a semana dramática, como tal, comezará este mércores 25, a partir das 11.00 horas, coa representación de Puños de Harina, de El Aedo Teatro, unha función enmarcada no ciclo FIOTeen para público adolescente e á que asistirá o alumnado dos IES Alfredo Brañas, Isidro Parga Pondal e Monte Neme. O espectáculo, unha reflexión sobre o racismo, a homofobia, a violencia e a masculinidade, narra, por unha banda, a historia real de Rukeli, un boxeador alemán e xitano que desafiou ao propio Hitler na Alemaña nazi. Pola outra, conta a historia de Saúl, xitano homosexual que, na España rural dos 80, busca a súa identidade á vez que intenta sobrevivir no seo dunha familia e contorna tradicional. Ao finalizar celebrarase un encontro co público.
Xa pola tarde, contra ás 20.00 horas, terá lugar a proxección do filme documental Hay alguien en el bosque, de Teresa Turiera-Puigbò, e que forma parte do proxecto multidisciplinar homónimo, cuxa obra de teatro poderase ver en Carballo o domingo 29. A película recolle a testemuña de mulleres vítimas de violacións durante a guerra de Bosnia e Herzegovina, así como das fillas e fillos xurdidos a raíz das mesmas. Ao finalizar a proxección, cuxo acceso no Pazo da Cultura será libre, celebrarase un coloquio mediante videoconferencia co equipo de Cultura i Conflicte.
Este encontro será o preámbulo da función do domingo 29 no Programa de sala que suporá a estrea en Galicia do espectáculo de teatro documentalHay alguien en el bosque, que parte do libro da escritora croata S. Drakulic para visualizar a traxedia e por o foco na memoria dos milleiros de nenas e mulleres que foron violadas, como estratexia de limpeza étnica a principios dos anos 90 durante a guerra de Bosnia e Herzegovina. Ariadna Gil é unha das sete intérpretes que estarán en escena nesta peza, cuxa dramaturxia é de Anna Maria Ricart Codina e que dirixe Joan Arqué Solà.
Dous días antes, o venres 27, terá lugar a representación, tamén no marco do Programa de sala, doutro dos pratos fortes deste #FIOT32: El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca, o espectáculo escrito e dirixido a catro mans polo destacado dramaturgo Alberto Conejero e do creador escénico e intérprete Xavier Bobés, referente do teatro de obxectos en España. A peza reconstrúe a historia de Antoni Benaiges, mestre catalán fusilado o 25 de xullo de 1936, a partir de textos do propio profesor, da escola na que impartiu aulas e de Marina Garcés. O espectáculo, finalista nos Premios Max 2023 á mellor dirección de escena, presenta a chegada de Benaiges en 1934 a unha escola burgalesa do rural. A raíz do uso dun gramófono e dunha rudimentaria imprenta, El mar dá conta do poder transformador da educación.
O OTNI despídese con Zum-Zum Teatre e Clara Pampyn
O ciclo de máis innovador e alternativo do FIOT, o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) propón dúas últimas funcións no marco desta edición do festival. A primeira delas chegará este xoves, 26 de outubro, coa presentación do work in progress de Las bailarinas no tocan el cielo: las que bailan,un traballo de investigación e mediación de Clara Pampyn no que rende homenaxe ás intérpretes de danza, observando, cuestionando e poñendo en valor as posicións que as bailarinas ocupan nos marcos de traballo contemporáneos. A artista, que realizou unha residencia o pasado mes de xullo no Pazo da Cultura, chega ao FIOT da man do programa Paraíso 2023 de residencias artísticas para a danza e as artes vivas impulsado polo Colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Carballo.
Dous días despois, o sábado 28, a partir das 20.30 horas, o Salón de actos do Pazo da Cultura acollerá a estrea en Galicia da nova creación da compañía catalá Zum-Zum Teatre, nomeada El Testamento, coa que acadou o Premio FETÉN 2023 á mellor dirección. Un traballo exquisito e premiado, para público a partir de 14 anos, que despertará a imaxinación e a emoción do público a partir da apertura dun singular testamento en vida e vital. Xoguetes, retratos e outros obxectos que xorden dun moble, guiados con humor e ironía por Ramón Molins, crearán un momento único para as e os asistentes ao #FIOT32.
Jean Philippe Kikolas regresa ao FIOT
Entre as propostas desta fin de semana destaca o regreso ao FIOT de Carballo do pallaso, artista de circo e creador escénico Quique Méndez, coñecido como Jean Philippe Kikolas. O artista presentará por vez primeira en Galicia Duelo, o seu novo espectáculo, unha proposta de circo contemporáneo e teatro físico e xestual, no que tamén emprega técnicas do circo clásico. Un espectáculo ateigado de humor negro sobre a perda e a aceptación da vida, no que a fantasía circense dialoga cos límites humanos e a fugacidade da vida para reconciliarse con ela. O espectáculo, apto para público a partir de 10 anos, representarase o venres 27 e o sábado 28 na Praza do Concello desde as 19.00 horas. Con Duelo, de Kikolas, o FIOT botará o pano da programación de Teatro de Rúa até o ano que vén.
Últimas estreas absolutas do Metro Cadrado
Este sábado 28 tamén terá lugar a despedida do VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, que afronta a súa terceira e derradeira fin de semana. O espazo para o microteatro no #FIOT32 ofrecerá outras dúas estreas absolutas noutras tantas localizacións pouco habituais para as representacións escénicas: esta semana, a acción decorrerá nunha habitación dunha pensión e nunha tenda de chocolate.
Así, nunha das habitacións da Pensión Rama, a Cía iO presentará Canta nai, canta, unha proposta na que a través das novas linguaxes e das artes do movemento, presentará ao público unha atmósfera marcada pola quietude e a danza. Pola súa banda, a Compañía Accidental presentará O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, na tenda Chocolates Mariño, unha peza que, a pesares das desgrazas, guerras e pandemias, quere festexar a vida arredor do sabor e aroma do chocolate. Ambos espectáculos, cuxo acceso será gratuíto previa reserva de praza a través do correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com, contarán con catro pases no día: ás 12h, ás 13h, ás 18h e ás 19h.
Piensa en Wilbur, peche da Rúa dos Contos
A Rúa dos Contos, o ciclo pioneiro de narración oral en Galicia, tamén dirá adeus ao público fioteiro este sábado 28. Será nunha intensa fin de semana na que a “ovella negra” do FIOT presentará unha proposta ateigada de humor, risco e acrobacias imposibles no mercado municipal carballés. O ximnasta e intérprete Víctor Ortiz, Wilbur, chega ao FIOT de Carballo para presentar Piensa en Wilbur, un espectáculo que impactará, literalmente, no público, creando situacións imposibles que darán boa conta de por que Wilbur eéun auténtico fenómeno da escena (Circo do Sol), do cinema (traballou con Santiago Segura ou Álex de la Iglesia) televisión (Grand Prix) e, moi especialmente, nas redes sociais, onde conta cunha importante comunidade dixital.
AXENDA #FIOT32 | DO 25 AO 29 DE OUTUBRO
Mércores 25, 11.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura Puños de harina, de El Aedo Teatro
Mércores 25, 20.00 horas. Pazo da Cultura Proxección do documental Hay alguien en el bosque, de Teresa Turiera-Puigbò
Xoves 26, 20.30 horas. Pazo da Cultura Las bailarinas no tocan el cielo: Las que bailan, de Clara Pampyn | Work in progress
Venres 27 e sábado 28, 19.00 horas. Praza do Concello Duelo, de Jean Philippe Kikolas | Estrea en Galicia
Venres 27, 21.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca de Xavier Bobés
Sábado 28, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Chocolates Mariño O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, de Compañía Accidental | Estrea absoluta
Sábado 28, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Habitación Pensión Rama Canta nai, canta, de Cía iO | Estrea absoluta
Sábado 28, 20.30 horas. Auditorio do Pazo da Cultura El testamento, de Zum-Zum Teatre | Estrea en Galicia
Sábado 28, 23.00 horas. Mercado Municipal Piensa en Wilbur, de Wilbur | Estrea en Galicia
Domingo 29, 20.30 horas. Auditorio do Pazo da Cultura Hay alguien en el bosque, de Cultura i Conflicte e Teatre de L’Aurora | Estrea en Galicia
Todos os días, de 16.00 a 21.00 horas. Sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1) Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’
Todos os días, no Pazo da Cultura. Pazo da Cultura (andar 0) Exposición Zoom FIOT 2022
O Programa de Sala do 32º Festival Internacional Outono de Teatro acolle as estreas en Galicia de Forever o sábado 21 e de Prima Facie, o fenómeno escénico da tempada, o domingo 22
A función de O deus do pop, creación de Anido (As Bestas, O Corno) galardoada con dous premios María Casares, terá lugar o xoves 19, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura
A Rúa dos Contos acolle o sábado 21 a estrea galega de La maja y la mona (o viceversa), con Maribel Salas e Susana Soleto, mentres que o Metro Cadrado será o marco no que teñan lugar as estreas absolutas de Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera, e DestilaPracer,de Espazo Vacío
A programación do FIOT en Ruta levará Iphixenia na porta do super, unha versión contemporánea do mito de Eurípides, ao Centro social de Sofán o vindeiro domingo 22
O 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo dará conta, na súa cuarta fin de semana, da súa aposta polas voces singulares e o compromiso social, así como pola apertura de xéneros e linguaxes diversas, coa programación, entre este xoves 19 e o domingo 22, de varios dos pratos fortes desta edición: Vicky Luengo, co multipremiado texto de Suzie Miller Prima Facie; a compañía vasca Kulunka Teatro e a súa nova creación, Forever; a última peza de Diego Anido (As Bestas, O Corno), que foi premiada con dous premios María Casares 2023; o regreso do mito de Iphixenia ao festival, entre outras propostas, serán algunhas das citas imprescindibles destes días.
A semana comezará o xoves 19 coa presentación, en Carballo, deO Deus do Pop, a quinta creación de Diego Anido, actor galego de plena actualidade polo seu éxito en filmes como As bestas (finalista nos Premios Goya e gañador do Premio da Unión de Actores ao actor revelación) ou a recente O corno (gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián). Nesta proposta, e desde o humor absurdo e a tenrura, Diego Anido presenta unha autobiografía inventada, entre a Galicia dos 80 e unha estrela do pop americana. O texto, a danza a música e o clown conviven cunha depurada dramaturxia froito dun longo proceso de creación persoal, no que estivo acompañado por un amplo equipo (Víctor Duplá, Carmen Triñanes, Montse Pinheiro ou Guillermo Weickert, entre outros nomes), e cuxo traballo tanto en iluminación coma en movemento foi recoñecido con dous premios María Casares. O deus do pop, enmarcado no ciclo OTNI, presentarase no Auditorio do Pazo da Cultura o xoves 19, ás 21.00h.
O sábado 21 será a quenda de Kulunka Teatro. Baixo a dirección de Iñaki Rekarte (galardoado nos Premios Max 2023 polo seu traballo en Supernormales, e quen tamén asume a dramaturxia desta peza xunto cos intérpretes Garbiñe Insausti, José Dault e Edu Cárcamo), a compañía vasca regresa ao FIOT dando boa conta do seu virtuosismo coa linguaxe das máscaras. Combinando tenrura e crueza, Kulunka presenta Forever, unha fermosa e profunda traxicomedia, coproducida polo Centro Dramático Nacional, que reflicte con humor, ironía e emoción as contradiccións do amor. Forever pon o foco sobre cuestións como a maternidade, a educación, a sexualidade ou a violencia, e reflexiona ata onde a incomunicación pode arrastrar e afondar na dor dunha familia.
Outra das estreas en territorio galego, mais xa no marco da Rúa dos Contos, terá lugar na noite do mesmo sábado 21. Chegadas desde Euskadi, as mestras do humor Maribel Salas e Susana Soletopresentarán La maja y la mona (o vicecersa), creación que nace a partir de textos de Yolanda García Serrano. A partir das 23.00 horas, o mercado municipal vivirá unha catarse colectiva na que, desde a risa, o público reflexionará sobre a condición da muller na sociedade actual. A amizade, a hipocrisía, a imaxe estética ou o feminismo son algúns dos temas que aflorarán ao longo desta comedia áxil e de humor garantido.
O domingo 22 chegará un dos pratos fortes deste FIOT32: a estrea en Galicia do fenómeno escénico da tempada madrileña, Prima Facie. O director peruano Juan Carlos Fischer adapta o exitoso texto de Suzie Miller na versión en español deste texto, logo do seu grande éxito en Londres e Broadway. Unha adaptación na que sobresae a interpretación de Vicky Luengo, unha das actrices máis recoñecidas na actualidade, quen se pon na pel de Tessa, a brillante avogada a quen lle cambia a vida para sempre logo dun impactante acontecemento. A protagonista enfrentarase a todo aquilo no que máis cre para encontrar xustiza e sacar do camiño o que non lle permite ver e descubrir a verdade. Vertixinosa, intelixente e conmovedora, Prima Facie reta ao público a cuestionar os seus paradigmas. As entradas para a función, que comezará ás 20.30 horas, están xa esgotadas.
Novas estreas absolutas en Metro Cadrado
O sábado 21 terá lugar a segunda xornada do VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Desta quenda, o microteatro ofrecerá dúas estreas absolutas noutras tantas localizacións singulares e pouco habituais para as representacións escénicas, como o son a sala común do Balneario de Carballo ou na tenda especializada en produtos gourmet Adega O’Lagar.
No balneario da rúa Estrela, a creadora e intérprete Carlota Mosquera presentará Ninguén tira fotos nos enterros, un conto interactivo que reflexiona arredor do imaxinario colectivo da morte e que pon no centro aquelas miradas que, se cadra, desde o mundo adulto protexemos: as miradas da infancia. Pola súa banda, a compañía Espazo Vacío representará na tenda da rúa Valle Inclán, por vez primeira, DestilaPracer, unha proposta que nos convida a comprender o mundo desde a aceptación do corpo coma elemento puro e estético, e non coma un mero obxecto. Ambos espectáculos, cuxo acceso será gratuíto previa reserva de praza en fiot.microteatroentrada@gmail.com, contarán con catro pases no día: ás 12h, ás 13h, ás 18h e ás 19h.
Iphixenia chega a Sofán
O domingo 22, ás 19.00 horas, o Centro Social de Sofán acollerá a representación Iphixenia na porta do super, da Compañía Humana, que trae o mito de Eurípides aos nosos días a través dunha moza, interpretada por Alba Canedo, que pasa os seus días inmersa nun bucle de alcohol e apatía mentres que deambula polas rúas da súa vila. Esta Iphixenia presentará un conmovedor monólgo sobre as consecuencias dos recortes sociais. Unha historia de sacrificio, dignidade e esperanza que chega ao FIOT coa colaboración das ascoaciacións de veciños San Salvador e Mulleres Rurais de Sofán.
O mito de Iphixenia, adaptado ao galego a partir do texto do inglés Gary Owen -coñecido polo público do festival, quen outorgou o Premio do Público 2018 á peza Iphigenia en Vallecas, interpretada por aquel entón por María Hervás-, regresa así á súa programación, desta quenda da man do FIOT en Ruta, a liña do programa que leva as artes escénicas ás parroquias da comarca de Bergantiños.
AXENDA #FIOT32 | DO 19 AO 22 DE OUTUBRO
Todos os días, de 16.00 a 21.00 horas. Sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1) Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’
Xoves 19, 20.30h. Pazo da Cultura (andar 0) Foto cos participantes da exposición Zoom FIOT 2022, coa presenza da concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e o director do FIOT, Alberto Sueiro
Xoves 19, 21.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura O deus do pop, de Diego Anido
Sábado 21, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Balneario de Carballo Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera | Estrea absoluta
Sábado 21, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Adega O’Lagar DestilaPracer, de Espazo Vacío | Estrea absoluta
Sábado 21, 20.30 horas. Auditorio do Pazo da Cultura Forever, de Kulunka Teatro | Estrea en Galicia
Sábado 21, 23.00 horas. Mercado municipal La maja y la mona (o viceversa), de Maribel Salas e Susana Soleto | Estrea en Galicia
Domingo 22, 19.00 horas. Centro social de Sofán Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana
Domingo 22, 20.30 horas. Pazo da Cultura Prima Facie, de P. T. Contemporáneas | Estrea en Galicia
A compañía Redrum Teatro leva á escena a súa adaptación ao galego da obra de Paco Bezerra,un dos referentes da dramaturxia española contemporánea e Premio Nacional de Literatura Dramática
Ao finalizar a función do venres, terá lugar a entrega do galardón Xograresa de Outono 2023 á xornalista cultural Ana Romaní
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo acollerá este venres, 13 de outubro, ás 21.00 horas, a estrea absoluta do espectáculo O pequeno poni, da compañía Redrum Teatro a partir dun texto asinado polo dramaturgo Paco Bezerra, referente da dramaturxia española contemporánea e Premio Nacional de Literatura Dramática 2009. A obra expón un conflito social de actualidade e moitas veces silenciado, como é o ataque ao diferente e o acoso escolar, unha dolorosa realidade na que viven atrapados cada vez máis nenos e nenas de todo o mundo.
Redrum Teatro, compañía comprometida con creadores de visión arriscada e coas preocupacións sociais, estrea no FIOT a versión galega deste impactante e sobrecolledor texto de Paco Bezerra que nos convida á reflexión sobre a liberdade, o medo, o instinto de protección, a ineptitude e os prexuízos sociais dos adultos. Coa súa proposta, Redrum Teatro dirixe a mirada ao acoso escolar a raíz dunha escrita da que emana unha mensaxe en defensa dos dereitos LGTBIQ+ nos contextos da intolerancia na contorna educativa e mais da incomprensión familiar.
A montaxe, dirixida e adaptada por Alex Sampayo, está protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, quen participaron, esta mañá, na presentación do espectáculo, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura carballés. O elenco estivo acompañado polo director do FIOT, Alberto Sueiro; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura da localidade bergantiñá, Maruxa Suárez; e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
Na súa intervención, Guillermo Carbajo sinalou que estrear O pequeno poni no marco do FIOT é unha “gran satisfacción”, xa que se trata dun dos grandes festivais en Galicia e un “auténtico referente” para a escena do país. “É a primeira vez que estreamos no FIOT e iso é sempre unha garantía absoluta para un espectáculo que bota a andar”, explicou Carbajo. O actor quixo manifestar o agradecemento da compañía á organización do festival e aproveitou a ocasión para facelo extensible ao Concello do Grove, cuxo auditorio acolleu os ensaios, ao Concello de Teo e á Agadic, xa que Opequeno poniconta co apoio da Xunta a través das axudas á creación escénica.
No referente á obra, Carbajo limitouse á destacar que o seu personaxe achégalle unha perspectiva de “aceptación da diversidade e meis de tolerancia” a unha historia que, durante a rolda de prensa, analizou máis polo miúdo a actriz Laura Míguez, coprotagonista da montaxe. “Este texto de Paco Bezerra pon o foco nunha serie de temas que son fundamentais hoxe por hoxe: o respecto á identidade e á diversidade, a violencia institucional e os diferentes paradigmas da crianza”, sinalou Míguez.
A actriz puxo o foco neste último aspecto ao indicar que Irene e Xaime, os dous protagonistas do espectáculo, son dous pais que intentan “facelo o mellor posible” ante o conflito empregando “as ferramentas que teñen”. “Cada un destes pais difiren nas formas, amosan aspectos polarizados e esta situación repercute no seu fillo”, reflexionou Míguez antes de engadirlle outro elemento que afecta o benestar do cativo: “a violencia institucional”. “A institución, neste caso representada no centro educativo, amosa a incapacidade tanto para actuar e tomar medidas radicais fronte ás agresións como para asesorar as familias”, afondou Míguez.
O pequeno poni
Xaime (Guillermo Carbajo) e Irene (Laura Míguez) conforman unha parella cun fillo de nove anos, Luismi, quen vai á escola cunha mochila da súa serie de debuxos animados preferida: O meu pequeno poni. Algo inocente que esperta as mofas, vexacións e a violencia máis brutal dos seus compañeiros. A incomprensión, as dúbidas e a frustración que afronta a parella, xunto á pasividade, aos prexuízos e mesmo á culpabilización da vítima coas que opera o sistema educativo, constitúen os piares nos que se sustenta a obra, unha peza que leva a escena un retrato necesario sobre o acoso escolar, o enorme sufrimento que se deriva del e as súas consecuencias, tanto individuais coma colectivas.
Paco Bezerra escribiu este texto no 2016 a raíz de diferentes novas dos Estados Unidos que coñeceu a través dos medios. Concretamente, céntrase no caso de Grayson Bruce, un neno de 9 anos de Carolina do Norte que acudiu á escola cunha mochila da serie nomeada anteriormente. Mais Grayson nunca chegou a sentar no pupitre por mor dos ataques físicos e verbais dos seus compañeiros. Neste caso, a dirección do colexio optou por culpabilizar ao menor agredido e acusouno de “disrupción na aula”.
Encontro con Paco Bezerra, Alex Sampayo e Guillermo Carbajo na ‘Escola do espectador nas ondas’
Para todas aquelas persoas que queiran afondar tanto no texto coma na montaxe de Redrum Teatro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo propón unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas, que terá lugar o sábado 14, ás 17.00 horas, no Dubra Café. A cita, de acceso libre, contará coa participación do director de O pequeno poni,Alex Sampayo, do actor Guillermo Carbajo e do dramaturgo Paco Bezerra. O podcast estará dispoñible na sección de OndaFIOT no espazo web www.fiot.gal.
Entrega do premio Xograresa de Outono
Por outra banda, o mesmo venres 13, contra as 22.15 horas, unha vez finalice a función de O pequeno poni, o FIOT de Carballo entregará o galardón Xograresa de Outono 2023 a Ana Romaní. A xornalista, Premio Nacional de Periodismo Cultural 20218, súmase así á comunidade de honra do FIOT, que congrega ás e aos profesionais imprescindibles para o desenvolvemento das artes escénicas do país.
Ao outorgar este recoñecemento, tanto as xograresas e xograres de outras edicións, coma o propio FIOT, salientan o papel de AnaRomaní como figura imprescindible no xornalismo cultural. Con este recoñecemento, o festival abre o espectro do premio a novos sectores vinculados ás artes escénicas, como é o da comunicación, poñendo así en valor a súa relevancia e necesaria labor par o coñecemento e a consolidación do teatro.
AXENDA #FIOT32 | DO 11 AO 15 DE OUTUBRO
Mércores 11, 18.00 horas. Pazo da Cultura É meu amigo!, de A trastenda dos contos | Estrea absoluta Mércores 11, 20.00 horas. Pazo da Cultura Inauguración da exposición Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’ Mércores 11, 21.00 horas. Casino 1889 Tralalareira, de Velo Rilo e Santi Cribeiro
Mércores 11, 23.00 horas. Taberna O Patacón Por elas (concerto), de Adhara e Ritman
Xoves 12, 18.00 e 20.30 horas. Pazo da Cultura Ma solitud, de Guillem Albà | Estrea en Galicia
Xoves 12, 19.00 horas. Centro social de Oza Solo, de Roi Borrallas
Venres 13, 17.30 horas. Pazo da Cultura Gernika (Danos colaterais), de Os monicreques de Kukas
Venres 13, 21.00 horas. Pazo da Cultura* O pequeno poni, de Redrum Teatro | Estrea absoluta * Ao finalizar a función, terá lugar a entrega do galardón Xograresa de Outono 2023 a Ana Romaní
Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Crúa María Barca. Taller de olería Ananaké? Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía | Estrea absoluta
Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Pista skate (Rego da Balsa) O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir
Sábado 14, 17.00 horas. Dubra Café Escola do espectador nas ondas. Con Alex Sampayo (director de Redrum Teatro), Guillermo Carbajo (actor de O pequeno Poni) e Paco Bezerra, Premio Nacional de Literatura Dramática 2009. Sábado 14, 20.30 horas. Pazo da Cultura Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa
Domingo 15, 20.30 horas. Pazo da Cultura El traje, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo