O ciclo de narración oral pioneiro en Galicia celebra as súas vodas de prata este 2024, con 25 anos de traxectoria ás súas costas, e chega esta fin de semana ao Mercado Municipal e aos bares de Carballo da man das hilarantes propostas de Evaristo Calvo, Miki Dkai, Walter Velázquez, Federico Pérez, Jazmín Abuín e Leti da Taberna
O Teatro de Rúa fará tamén a súa aparición no #FIOT33 na tarde deste venres, 27 de setembro, na Praza do Concello de Carballo, coas pezas para todos os públicos Cabicivai, de Pablísimo, a golpe de contos cheos de imaxinación, risas e sorpresas; e Lullaby, de Proyecto Kavauri, un espectáculo acrobático, con moito humor, saltos frenéticos e agarres
Hoxe, ás 20.30h, no Pazo da Cultura, tivo lugar a inauguración da exposición Zoom FIOT 2023, da man dos/as fotógrafos/as que forman parte da mostra: de José L. Castro, José Manuel Pérez, Fernando Nieto, Kiko Rojo, Cris Becerra, Andrea Sánchez, Luz Vilas e Marcos Rodríguez; na inauguración participará, tamén, a Aula Municipal de Teatro de Carballo
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, deu o pistoletazo de saída da súa 33ª edición a tarde deste xoves, 26 de setembro, coa inauguración da súa xa clásica Rúa dos Contos, que neste 2024 celebra as súas vodas de prata tras 25 anos de traxectoria ás súas costas. Así, o ciclo de narración oral pioneiro en Galicia chega esta fin de semana ao Mercado Municipal e aos bares de Carballo da man das hilarantes propostas de Evaristo Calvo, Miki Dkai, Walter Velázquez, Federico Pérez, Jazmín Abuín e Leti da Taberna.
O Teatro de Rúa fará tamén a súa aparición no #FIOT33 na tarde deste venres, 27 de setembro, na Praza do Concello de Carballo, coas pezas para todos os públicos Cabicivai, de Pablísimo, a golpe de contos cheos de imaxinación, risas e sorpresas; e Lullaby, de Proyecto Kavauri, un espectáculo acrobático, con moito humor, saltos frenéticos e agarres.
Hoxe, ás 20.30h, no Pazo da Cultura, tivo lugar a inauguración da exposición Zoom FIOT 2023, da man dos/as fotógrafos/as que forman parte da mostra: de José L. Castro, José Manuel Pérez, Fernando Nieto, Kiko Rojo, Cris Becerra, Andrea Sánchez, Luz Vilas e Marcos Rodríguez; na inauguración participará, tamén, a Aula Municipal de Teatro de Carballo.
AXENDA DO #FIOT33 DO 26 AO 29 DE SETEMBRO
XOVES 26 DE SETEMBRO
Rescate emotivo, de Walter Velázquez (18.30h, Residencia de Maiores de Carballo) I RÚA DOS CONTOS
Animación de rúa, conWalter Velázquez (20.00h, rúas de Carballo) I TEATRO DE RÚA
Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), de Federico Pérez (21.00h, Mesón do Pulpo) I RÚA DOS CONTOS
+ Inauguración da exposición ZoomFIOT, cos fotógrafos participantes en 2023 (20.30h) I Pazo da Cultura
VENRES 27 DE SETEMBRO
Cabicivai, de Pablísimo (18.30h, Praza do Concello) I TEATRO DE RÚA
Lullaby, de Proyecto Kavauri (19.30h, Praza do Concello) I TEATRO DE RÚA
Cagadas, de Cándido Pazó (21.00h, Valle Inclán Café) I RÚA DOS CONTOS
A ver que pasa, de Evaristo Calvo (23.00h, Logradouro) I RÚA DOS CONTOS
SÁBADO 28 DE SETEMBRO
Riquiña, de Jazmín Abuín (21.00h, Casino 1889) I RÚA DOS CONTOS
Enredada, de Leti da Taberna (23.00h, A Estación) I RÚA DOS CONTOS
DOMINGO 29 DE SETEMBRO
Sois maravillosos D.O. Cádiz, de Miki Dkai (20.00h, Mercado Municipal) I RÚA DOS CONTOS
UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33
Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.
Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.
Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.
Da man do #FIOT33, este outono desfilarán por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.
Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.
UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO
O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.
O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) seguen a conformar a identidade do FIOT nesta 33ª edición.
Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival contará, de novo, coas liñas habituais que conforman cada ano o seu cartel: ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos.
Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc.
Fiel á súa vontade de ser, de novo, “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións o o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González.
A través da plataforma onlineAtaquilla.com, o público poderá facerse coas súas entradas para as diferentes seccións do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos e FIOT en Ruta. Na páxina web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar a información completa desta 33ª edición do FIOT.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo publica a nova convocatoria desta iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes
As propostas -pezas de pequeno formato, de entre 10 e 20 minutos, creadas a medida para espazos non convencionais, cun máximo de 25 espectadores- poden presentarse até o 23 de xuño a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com
O xurado, integrado por profesionais vinculados ao sector das artes escénicas, seleccionará de 4 a 6 propostas gañadoras, que se darán a coñecer antes do día 10 de agosto e recibirán unha compensación económica de 450 euros, unha vez representadas
As obras seleccionadas neste Certame Micro-Escenas M2 serán exhibidas no FIOT entre o 5 e o 27 de outubro, onde serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo
As representacións terán lugar en localizacións singulares da localidade bergantiñá: un balcón do Concello de Carballo, un parque-ximnasio para maiores, un espazo cultural, os probadores dunha tenda de moda, un posto do mercado de abastos, a Fonte da Cristina, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, un centro de mindfullness ou nun estudo de deseño gráfico
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre a convocatoria para participar na nova edición do Certame Micro-Escenas M2, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.
O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.
Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da oitava edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 5 e o 27 de outubro de 2024.
Neste 2024, os espazos ofertados serán un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasio para maiores, un espazo cultural, os probadores dunha tenda de moda, un posto do mercado de abastos, a Fonte da Cristina, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, un centro de mindfullness e un estudo de deseño gráfico.
As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais.
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 23 de xuño.
244 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN SEIS ANOS
Ao longo dos seus primeiros sete anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (244) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nesta primeira media ducia de anos de actividade, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquerría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
No 2023, o FIOT recibiu un total de 28 propostas para participar no Micro-Escenas M2,tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As pezas finalistas seleccionadas para o #32FIOT foron Canta nai, canta, de Cía IO; Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera (Premio á Mellor Interpretación); DestilaPracer, de Espazo Vacío;O que é o raio, nin maldita idea, da Cía. Souvenir; Anaké?!Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía; e O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, con Mar Fiuza e Nekane Fernández (Premio ao Mellor Espectáculo).
O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase durante a celebración da nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo en outubro
O xurado destacou que “Calvo é un histrión de carácter e selo propio que, coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, soubo dar vida ás máis inesquecíbeis e orixinais criaturas escénicas, sendo un dos cómicos de referencia no teatro galego”
Por outra banda, a 6ª edición do certame de Micro-Escenas Metro Cadrado xa ten pezas finalistas: as creadoras e creadores Compañía Anxela Blanco, Dani Blanco, Cacharela Teatro, Sr. Lili, Colectivo #ChamizoBelloVila e Mónica Paradela Cuñarro foron seleccionados para presentar as súas creacións experimentais na nova edición do FIOT este outubro
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2022 o premio Xograr de Outono a Evaristo Calvo. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.
Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar ao cómico Evaristo Calvo. No seu fallo, o xurado destacou que “Calvo é un histrión de carácter e selo propio que, coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, soubo dar vida ás máis inesquecíbeis e orixinais criaturas escénicas, sendo a día de hoxe un dos cómicos de referencia no teatro galego”. O artista recollerá este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, o testigo da actriz Casilda García Alfaro, galardoada en 2021.
FINALISTAS DO CERTAME DE MICRO-ESCENAS METRO CADRADO
Por outra banda, a sexta edición do certame de Micro-Escenas Metro Cadrado do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xa ten pezas finalistas. Compañía Anxela Blanco, Dani Blanco, Cacharela Teatro, Musicarte Rey Saavedra, Colectivo #ChamizoBelloVila e Mónica Paradela Cuñarro presentarán as súas últimas creacións experimentais na nova edición do FIOT prevista para este outono, nunha das liñas de programación máis queridas polo público local, quen valorará, como é habitual, tanto a mellor interpretación coma o mellor espectáculo.
O Certame de Micro-escenas Metro Cadrado é un concurso para proxectos escénicos de pequeno formato concibidos para poñer en escena en espazos non teatrais. Ten por obxecto apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadoras e creadores emerxentes, así como captar novos públicos e implicar aos espectadores e á cidadanía nas artes escénicas.
Metro Cadrado ofrece ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade. Con esta intención, o FIOT convida ás compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral.
Nesta sexta edición do certame recibíronse un total de 36 propostas, tanto de creadores individuais como de equipos formados por profesionais de diferentes disciplinas: performance, teatro, danza, circo, etc. A maior parte de propostas proceden de novos creadores, pero tamén houbo profesionais consolidados nas artes escénicas con afán de experimentar. Entre todas elas, o xurado do Metro Cadrado, conformado por figuras do sector cultural, seleccionou media ducia de espectáculos finalistas:
· Xeografía dos corpos, presentada por Compañía Anxela Blanco.
· Viaxar é un pracer, presentada por Dani Blanco.
· Actriz, chora, presentada por Cacharela Teatro.
· Cinecleta, cinema doméstico a pedais, presentada por Sr. Lili.
· Menú do día, presentada por Colectivo #ChamizoBelloVila.
· Homeless, presentada por Mónica Paradela Cuñarro.
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas na vindeira edición do FIOT, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán aos seguintes premios: Premio do Público de 150 € e Premio á Mellor Interpretación de 150 €.
As pezas que se poderán ver durante o mes de outubro na nova edición do FIOT. Tal e como é habitual no Metro Cadrado, cada espectáculo contará con catro funcións para facilitar a súa visualización por parte do público. Dúas serán en horario de mañá e outras dúas en horario de tarde. Tanto na web do FIOT coma no programa de man do festival poderanse consultar, con antelación, as horas e lugares das representacións.