O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo publica a nova convocatoria desta iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes 

As propostas -pezas de pequeno formato, de entre 10 e 20 minutos, creadas a medida para espazos non convencionais, cun máximo de 25 espectadores- poden presentarse até o 23 de xuño a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com

O xurado, integrado por profesionais vinculados ao sector das artes escénicas, seleccionará de 4 a 6 propostas gañadoras, que se darán a coñecer antes do día 10 de agosto e recibirán unha compensación económica de 450 euros, unha vez representadas

As obras seleccionadas neste Certame Micro-Escenas M2 serán exhibidas no FIOT entre o 5 e o 27 de outubro, onde serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo

As representacións terán lugar en localizacións singulares da localidade bergantiñá: un balcón do Concello de Carballo, un parque-ximnasio para maiores, un espazo cultural, os probadores dunha tenda de moda, un posto do mercado de abastos, a Fonte da Cristina, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, un centro de mindfullness ou nun estudo de deseño gráfico

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre a convocatoria para participar na nova edición do Certame Micro-Escenas M2, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.

O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da oitava edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 5 e o 27 de outubro de 2024.

Neste 2024, os espazos ofertados serán un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasio para maiores, un espazo cultural, os probadores dunha tenda de moda, un posto do mercado de abastos, a Fonte da Cristina, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, un centro de mindfullness e un estudo de deseño gráfico.

As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais. 

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 23 de xuño. 

244 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN SEIS ANOS 

Ao longo dos seus primeiros sete anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (244) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nesta primeira media ducia de anos de actividade, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquerría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.

No 2023, o FIOT recibiu un total de 28 propostas para participar no Micro-Escenas M2,tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As pezas finalistas seleccionadas para o #32FIOT foron Canta nai, canta, de Cía IO; Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera (Premio á Mellor Interpretación); DestilaPracer, de Espazo Vacío; O que é o raio, nin maldita idea, da Cía. Souvenir; Anaké?!Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía; e O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, con Mar Fiuza e Nekane Fernández (Premio ao Mellor Espectáculo).

 Bases VIII Certame de Micro-Escenas M2
https://fiot.gal/wp-content/uploads/2024/05/Bases_MetroCadrado_2024.pdf 
Folla inscrición VIII Certame de Micro-Escenas M2
https://fiot.gal/wp-content/uploads/2024/05/Anexo_inscricion_MetroCadrado_2024.pdf

20240522-NP-Metro-Cadrado-33FIOT-OK

Bases-Metro-Cadrado-2024

Inscricions-Metro-Cadrado-2024