XI Edición do Festival 27373 de música en galego

A XI edición do Festival 27373 de música en Galego de Begonte, reúne nun mesmo día, un festival para nenos e nenas durante a mañá e a tarde e concertos para os mozos e mozas pola noite

A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Undécima edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 12 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.

O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente ou liderado por mulleres. Unha aposta pola língua e pola visibilización da muller nos escenarios.

O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partir das 13:45 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional a cargo do cuarteto Seimeira, na que poderemos gozar, en exclusiva, das dúas cervexas oficiais do Festival 27373. Ámbalas dúas cervexas son unha colaboración entre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional XI Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás seis, o III campionato de serrador@s da Terra Cha. A partir das sete, o guitarrista Paco Cerdeiras, Pakolas, dará remate ao festival de día co seu espectáculo Rockeando con Ramona pequena, dirixido ao público familiar

Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río Ladra ao tempo que participamos nas distintas actividades.

Abrindo o festival de noite, sobre as 20:30 subirá ao escenario Pauliña, unha muller reivindicativa e chea de vitalidade que fusiona rock, country ou blues, a súa enérxica posta en escena non vai deixar a ninguén indiferente. Os seguintes en subir ao escenario será o Pepe Vaamonde Grupo, un dos mellores gaiteiros do país chega ao escenario do festival 27373, a súa gaita poñerá o torreiro patas arriba. Rematan o festival, Tecor Societário, o seu punk-folk será o remate perfecto para esta undécima edición.

Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Ás empresas e organizacións colaboradoras e, por suposto, a Cervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas do festival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable.

X edición do Festival 27373 en Begonte

A X edición do Festival 27373 de música en Galego de Begonte, reúne nun mesmo día, un festival para nenos e nenas durante a mañá e a tarde e concertos para os mozos e mozas pola noite


A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Décima edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 13 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.
O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente por mulleres. Unha aposta pola língua e pola visibilización da muller nos escenarios.
O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partir das 14 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional, na que poderemos gozar, en exclusiva, das dúas cervexas oficiais do Festival 27373. Ámbalas dúas cervexas son unha colaboración entre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional X Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás seis, o II campionato de serrador@s da Terra Cha, o cimbrón volve á programación do Festival. Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río ao tempo que participamos nas distintas actividades.
Pola tarde, a partir das seis e media, abrirá o festival Lydia Botana, cun espectáculo didáctico para a cativada e as familias, baixo o nome de Os contos de Alí, a proposta une narración oral, cancións e ilustracións amosadas a través dun kamishibai e pretende contribuír á difusión de recursos lúdicos e educativos en galego. Sempre contan cun plano literal, dirixido á rapazada, e cun plano metafórico que pretende promover a reflexión das nais e pais sobre a súa responsabilidade na transmisión interxeracional do idioma. É por iso que o destinatario é o público familiar.
Despois subirán ao escenario os Maghúa, seis homes que, desde A Coruña, levan máis de 15 anos difundindo a música que as nosas mulleres maiores nos legaron, as súas pandeiretas encherán o torreiro de música tradicional. Logo dos cantareiros, subirá ao escenario, Flow do Toxo, desde O Condado chegan estas catro mulleres, feministas, reivindicativas e un dos grupos referencia do rap en Galego, enerxía e compromiso para o festival. Rematan, desde Teis, Os Vacalouras, que pecharán esta décima edición co seu punk-rock sen concesións, enerxía e festa garantida.
Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Ás empresas e organizacións colaboradoras e, por suposto, a Cervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas do festival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable.
Adxunto vai o cartel, de novo ideado polo deseñador gráfico de Begonte,Marcos Vigo ao que queremos agradecer a súa colaboración.


Máis información da Asociación en http://castinheiromilenario.wordpress.com/.

Toda a información sobre o Festival 27373 en http://festival27373.wordpress.com

X-Festival-27373-Begonte

IX edición do Festival 27373

IX edición do Festival 27373 de música en galego, una edición en formato reducido pola pandemia provocada polo COVID-19, e que foi argallada nun tempo récord.

AC Castiñeiro Milenario
Campo de Arriba, 25. Saavedra 27375 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

Véxase nota de prensa

Castiñeiro Milenario.- Suspensión do FESTIVAL 27373

Comunicado da Asociación Cultural Castiñeiro Milenario:

Moi boas, seguidoras e seguidores de Castiñeiro Milenario

Os inocentes deste ano pasado viñeron co anuncio de que o Festival 27373 deste 2020 ía vir cargadiño de sorpresas… ¡que lonxe queda aquela brincadeira!

Podedes imaxinar que levamos semanas valorando todas as posibilidades, pero a día de hoxe non podemos garantir a seguridade das persoas e vendo que as recomendacións sanitarias van cambiando día a día, a decisión más lóxica, sensata (e dolorosa) é suspender a edición deste ano 2020.

Agardemos que veñan mellores tempos e que o ano 2021 poidamos gozar dunha nova edición do Festival 27373, así como de novas edicións doutros festivais irmáns que tamén tiveron que suspender. Agardemos que máis cedo que tarde poidamos retomar as nosas actividades culturais tal e como viñamos facendo ao longo destes anos. Agardemos que este pesadelo pase, teñamos un pouco de cabeciña.

Recibide un agarimoso saúdo da directiva de Castiñeiro Milenario. Unha aperta para a familia cultural e asociativa, azos para aquel@s que perderan un ser querido durante a pandemia.

¡¡Volveremos!!

AC Castiñeiro Milenario

http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

Oitava edición do Festival 27373 de música en Galego de Begonte (Lugo)

Castiñeiro Milenario organiza a oitava edición do Festival 27373 de música en Galego que se vai celebrar o sábado 10 de agosto nas instalacións do Club Fluvial de Begonte.

Adxúntase o cartaz do Festival e nota de prensa.

Para calquera tipo de cuestión sobre o Festival pódese solicitar a través deste correo electrónico castineiromilenario@hotmail.com

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/