Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta recibirán os Premios EMHU 2023

Os galardóns entregaranse o domingo 7 de maio no marco da gala Fantastic Colofon, que contará coa participación de Luis Piedrahita, Carolina Iglesias e Pantomima Full

O Encontro Mundial de Humorismo anuncia o palmarés da súa terceira edición, que se celebrará na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio. Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta recibirán os Premios EMHU 2023, cuxos galardóns se entregarán na gala de peche  Fantastic Colofon. O espectáculo, que será o ramo do evento e contará coa participación de Luis Piedrahita, Carolina Iglesias e Pantomima Full, terá lugar o domingo 7 a partir das 20.30 no Teatro Colón. As entradas para a cita están esgotadas desde hai semanas. 

Leo Harlem recibirá o Premio EMHU Wenceslao Fernández Flórez, un galardón honorífico que recoñece a unha figura española cuxa traxectoria, talento e tesón supoñan unha achega significativa na forma de facer comedia. “Con máis de 20 anos de carreira, Leo é un dos iconos máis recoñecibles do xénero do monólogo a nivel nacional, sendo exempelo do humor amable”, sinala o director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, quen destaca “a alegría infatigable” do cómico “e a súa maneira divertidísima de estar sempre enfadado”: 

Pola súa banda, o Premio EMHU Fenómeno, que se outorga ao fenómeno humorístico revelación do ano, recaerá neste 2023 en Laura Caballero, creadora, directora e guionista dalgunhas das comedias máis exitosas dos últimos tempos en España. Nos últimos meses, Caballero e a súa produtora, Contubernio Films, estrearon a serie Machos Alfa e as novas tempadas de La que se avecina e El pueblo. Tal e como afirma Luis Piedrahita, o EMHU recoñece “o seu traballo inxente, o seu olfato para a comedia e a súa capacidade para reinventar o humor capítulo a capítulo, tempada tras tempada e ano tras ano”.

O humorista gráfico coruñés Siro López, “unha columna na que o EMHU apoiouse desde a primeira edición, gozando e aproveitando o seu coñecemento, cariño e humor”, asevera Piedrahita, será o galardoado do Premio EMHU Fugas que se outorga a unha figura galega de proxección global, e que no 2022 recibiu Cristina Castaño. Finalmente, o Premio EMHU Álvaro Cunqueiro a unha figura internacional da comedia recoñecerá ao mexicano Carlos Ballarta, que o director artístico do EMHU define “como un dos cómicos latinoamericanos máis orixinais, modernos e inspiradores”, e do que destaca “o seu compromiso coa comedia e co humor de altura demostrado nos seus espectáculos Falso profeta, Furla Ñera ou Rebelde Comodino”.

EMHU 2023


A terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo celebrarase na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio. O evento, promovido polas produtoras Etiqueta Negra (Galicia) e El Espectador (Madrid), e que conta co apoio do Concello da Coruña, Xunta de Galicia e Estrella Galicia, reunirá durante dez días na cidade herculina os espectáculos a as figuras máis destacadas da comedia a nivel estatal. Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dani Rovira, David Amor, Eva Hache, Eva Soriano, Leo Harlem, Ignatius Farray, Javier Cansado, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Marta Hazas, Pantomima Full, Sílvia Abril, Victoria Martín e Xosé A. Touriñán estarán presentes na cita, que tamén contará coa participación de Buenismo Show (Henar Álvarez, Manuel Burque e Quique Peinado), Estirando el chicle (que se gravará desde o Castelo de Santo Antón) ou La Ruina (con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes). Ademais, figuras galegas das comedia estrearán espectáculo: é o caso de Carmen Méndez, Ledicia Sola, Marta Doviro e Oswaldo Digón, que presentarán As R(h)umorosas e Ansia viva, respectivamente; o arxentino Juan Barraza estreará en España Garabato controlado e ‘influencers’ como Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño regresarán ao Teatro Colón coa súa proposta Sin datos no hay paraíso.  

As últimas entradas dispoñibles para a programación de espectáculos pódense conseguir en www.emhu.es. Ademais, EMHU contará con actividades gratuítas e de acceso libre até completar aforo, como a exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad (desde o 28 de abril na Casa Museo Picasso), a charla Picasso e a caricatura (venres 28, 19;00 horas, na Casa Museo Picasso) ou a función da Escuela de Impro A Coruña (sábado 29, 12:30 horas, na sede de Afundación).

20230425-NP-GAL-Premios-EMHU-2023

A terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo celebrarase na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio

O EMHU, baixo a dirección artística de Luis Piedrahita, reunirá na cidade herculina ás figuras da comedia máis relevantes da escena galega e estatal 

A programación ofrecerá espectáculos únicos como Fantastic Colofon ou Humoris Causa, incluirá algunhas das propostas máis vistas do momento e estreará novas producións

EMHU consolidouse no 2022 como o evento humorístico máis relevante de España ao xuntar na Coruña a máis de 19.000 espectadores

O humor, en maiúsculas, regresa á cidade da Coruña. O EMHU, o Encontro Mundial de Humorismo, celebrará a súa terceira edición do 28 de abril ao 7 de maio de 2023. A cidade herculina acollerá esta primavera, de novo, a gran cita coa comedia ao vivo, que reúne nun único evento ás figuras e espectáculos de humor máis relevantes do momento en España e que na súa última edición sumou máis de 19.000 asistentes. 

Impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e baixo a dirección artística de Luis Piedrahita, EMHU regresará aos escenarios coruñeses durante dez días con espectáculos únicos, novos formatos que achegarán as propostas máis divertidas, estreas absolutas e, por suposto, as funcións que máis público teñen no patio de butacas na actualidade. Entre as sesións exclusivas que se poderán ver na Coruña, producidas polo propio festival, atópanse galas como Fantastic Colofon ou Humoris Causa, citas nas que EMHU reúne sobre o mesmo escenario a grandes figuras da comedia e para as que as e os asistentes esgotan, rapidamente, todas as entradas dispoñibles. 

Con dúas edicións ás costas, EMHU consolídase como a cita coa comedia máis relevante e multitudinaria de España, ao xuntar na súa pasada edición a máis de 19.000 espectadores que asistiron a unha vintena de espectáculos. Figuras como Andreu Buenafuente, Sílvia Abril, David Broncano, Héctor de Miguel, Ignatius Farray, Carolina Iglesias, Victoria Martín, Inés Hernand, Nerea Pérez de las Heras, Eva Hache ou Javier del Pino, entre outras moitas, visitaron A Coruña no 2022 para participar no EMHU. 

O Encontro Mundial de Humorismo dará a coñecer, proximamente, os nomes que conformarán o cartel da súa terceira edición, cuxa gráfica é obra de Riki Blanco e Rebeca Losada. A programación de espectáculos do EMHU 2023 completarase, tal e como é habitual, con diferentes actividades paralelas e de acceso libre, dirixidas a todos os públicos e que se desenvolverán en distintos recintos culturais da Coruña.

20230222-NP-GAL-EMHU-2023