Na presentación, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Vilalba e a web Culturalia GZ, acompañarán aos autores da obra, a Concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez López, e o Administrador de Culturalia GZ, Martiño Maseda.
A eumesa Eva Veiga é unha das voces salientables dentro do panorama poético galego. Leva publicados unha ducia de poemarios, entre eles A luz e as súas cicatrices (2006), A distancia do tambor (2014, Premio Fiz Vergara Vilariño e premio Poesía da AELG), Soño e vértice (2016, premio Poesía Concello de Carral e premio da Critica Española en galego). Canda os músicos Bernardo Martínez e Fito Ares e o pintor Alfonso Costa forma o Grupo Ouriol. Sen esquecer as súas colaboracións como actriz e guionista coa cineasta Margarita Ledo Andión.
O ourensán Francisco X. Fernández Naval, poeta e narrador, coincide coa súa compañeira de autoría en FRAGOR DO URDIDO no número de libros de poesía publicados en distintos lugares da orbe (Galicia, París, México ou Nova York, salientando títulos coma Mar de Lira (2005, 2023), Miño (2007, premio Poesía Cidade de Ourense), Bater de sombras (2010, premio Fiz Vergara Vilariño), Nova York: ceo e mazá (2007, edición trilingüe). A súa obra poética está traducida a outras linguas.
Sobre a obra Fragor do urdido, que este venres se presenta na capitalidade chairega, recollendo palabras incluídas no seu prólogo, dicir que é unha intervención poética sobre un tempo confinado, o da pandemia por Covid-19. A poesía como exercicio creativo que é movemento de apertura e liberación. (…) O resultado é un conxunto de cincuenta poemas sen ningunha marca de autoría de modo que a particular subxectividade, tan propia do xénero poético, perde importancia a prol desa voz colectiva ou fonte común da que, ao cabo, emerxe toda obra artística.
O próximo 18 de setembro, mércores, ás 20.30, celebrarase no Teatro Rosalía de Castro unha nova edición de Lúas de Outono para homenaxear a obra e a vida de Manuel María.
Para isto contarase coa presenza d’Os Carunchos, grupo de música tradicional que cantará trece poemas de Manuel María, pezas estas que integran o seu último traballo dedicado integramente ao noso escritor, Unha gorxa chea de paxaros. E tamén poderase desfrutar da voz da poeta Eva Veiga que recitará unha serie de poemas do propio Manuel María.
As entradas reservadas poden recollerse o venres, día 13 de setembro, de 17.30 a 19 h, e o luns, día 16 de setembro, de 11 a 12.30 e de 17.30 a 19 h no local da A.C. Alexandre Bóveda (na rúa Santo André, 36, 1º, no edificio do Circo de Artesáns). Ou ben diante da billeteira do teatro Rosalía de Castro, o mesmo día 18 de setembro, a partir das 19.15 h (a reserva deixa de ser efectiva a partir das 20.15 horas do día 18 de setembro).
A reserva non é de butaca numerada e por tanto débese ter isto previsto por se alguén quixer ter unha boa localización para ver o espectáculo. As portas do teatro abrirán ás 20 horas.
Sentín o gong anunciando a hora de mergullarnos no mar dos soños
a través dese río que flúe a pesar de si mesmo,
partindo do silencio, sempre do silencio
-orixe e fin da palabra enfiada e feita verso.
Tamén a claridade do metal percutido coas xemas dos dedos,
a carimba, os axóuxeres, as canas, o pandeiro…
Sons apreixados coas mans, sementados a eito,
mesturados co aire temperado do alento
dunha frauta e un clarinete baixo tinguidos de outono.
E no centro a voz de Eva, o seu veludo acariciando lento
a cor escintilante dos sentimentos que, ás veces sen dono,
revoan polo aire buscando un centro
no que aniñar, aínda fugazmente e sen pretexto.
E fiquei namorada da súa palabra, da súa dozura, da súa maxia, do seu talento…
hoxe tan preto!
Soñarei acotío coa súa luz difusa que convida ao desexo
das verbas de meigallo, da súa ollada que adoro porque ve dende dentro
e coa súa trade máxica afonda até o núcleo e dá alimento
aos sentires máis orfos.
Grazas, por todo!
O vindeiro xoves 8 de xuño ás 20h., organizado polas Concellarías de Cultura e Educación do Concello de Vilalba e Culturalia GZ, levarase a cabo na Casa da Cultura de Vilalba o acto de presentación dos poemarios SOÑO E VÉRTICE e SILENCIO PERCUTIDO de Eva Veiga. Acompañarán á autora, o escritor Martiño Maseda, o tamén escritor e poeta Francisco X. Fernández Naval e Patricia Teijeiro, concelleira de Educación.
Atopámonos diante dunha poeta salientábel dentro do panórama poético galego da actualidade. Os seus libros foron galardoados en diversos certames literarios; sen esquecermos que recentemente recibiu o Premio da Crítica 2016 en galego polo poemario SOÑO E VÉRTICE.
Dita presentación incluirá un recital poético a cargo do Grupo OURIOL, integrado por Eva Veiga (Voz) e Bernardo Martínez e Fito Ares (Música).
“Mondoñedo é poesía 2017” chega á súa cuarta edición convocando, como nas edicións anteriores, a máis de dúas ducias de homes e mulleres, poetas e músicos, que recitarán e cantarán os seus poemas o día 1 de maio nas rúas, prazas e espazos culturais da cidade.
Esta actividade enmárcase dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas, que se celebran desde 1541 (hai xa 476 anos) en Mondoñedo, cidade creativa e cultural, capital galega da poesía.
Participarán no evento poético-musical, tanto nos recitados na rúa como no auditorio “Pascual Veiga” voces de gran prestixio na poética galega actual (Manuel Rivas, Eva Veiga, Marta Dacosta e o mariñán Xavier Rodríguez Baixeras) xunto aos gañadores das edicións do ano 2016 dos certames “Leiras Pulpeiro” e “Díaz Jácome” como Tamara Andrés, Miriam Ferradáns, Daniel Irimia Yáñez, promesas da poesía galega actual, xunto aos xa ben coñecidos e recoñecidos Antón Fortes e Modesto Fraga. Acompañaranos poetas mindonienses como Eva García González, Carmen Lage Fernández, Carmen Rodríguez Lage e África Sánchez, da Mariña como a laurentina Marina Oural Villapol, da Terra Chá como Antón de Guizán, lucenses como Montse González e a poeta labrega de Taboada Ana Vila Portomeñe. Á poesía musicada ponlle voz Paloma Suanzes.
Ademais contamos con Trioliro Regueifeiros, un trío composto por Luis “O Caruncho”, Josiño da Teixeira e Bieito Lobarizas, tres expertos na arte da improvisación poética que nos farán rir coas seus diálogos e ocorrencias rimadas.
Tamén intervirá alumnado do IES San Rosendo (Iria Rivas, Silvia García, Carmen Pavón Souto e Chema Merino) e do CEIP Álvaro Cunqueiro.
ACTIVIDADES PROGRAMADAS
»TENDAL DE POESÍA: “Paxaros na cabeza” [Auditorio Pascual Veiga]
Instalación de traballos coordenados polo profesorado con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo e do CEIP Álvaro Cunqueiro.
Horario de visitas: Sábado, 29 de abril, e domingo, 30 de abril: de 17:30 a 21:30 horas. O luns, 1 de maio: de 17:30 ata 21:00 h.
»OFRENDA-HOMENAXE A EDUARDO LENCE-SANTAR
Cemiterio Vello: Luns, 1 de maio, 17:00 h.
Loador: Armando Requeixo
Con motivo de cumprirse o 25 de abril o centenario do nomeamento de E. Lence-Santar como primeiro Cronista oficial de Mondoñedo.
»MONDOÑEDO é POESÍA 2017
Luns, 1 de maio
Nas rúas e prazas coa seguinte orde e horarios:
17:30 h.: Praza da Concello
Daniel Irimia Yáñez, Montse González Álvarez, Marina Oural Villapol, Carmen Pavón Souto e Silvia García. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:00 h.: Praza da Catedral
Antón de Guizán, África Sánchez, Eva García González , Chema Merino e Silvia García Fernández. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:30 h.: Praza Jaime Cabot (ao lado do Auditorio Pascual Veiga)
Carmen Rodríguez Lage, Carmen Lage, Antón Fortes –Torrres, e Iria Rivas. Poema musicado: Paloma Suanzes.
No Auditorio Municipal Pascual Veiga
De 19:00 a 20.30 h.-Recital poético-musical
Música: Paloma Suanzes.
Regueifas: Trioliro Regueifeiros (Luis “O Caruncho”, Josiño da Teixeira e Bieito Lobarizas).
Poetas: Tamara Andrés Padín, Ana Vila Portomeñe, Xavier Rodríguez Baixeras, Eva Veiga, Miriam Ferradáns Ferradás, Modesto Fraga, Marta Dacosta e Manuel Rivas.
Publicacións*
–Papel de color
Publicación conmemorativa de MONDOÑEDO é POESÍA 2017 con deseño e ilustracións de Antón Caxoto e textos poéticos dos e das poetas e músicos participantes.
*Esta publicación entregarase gratuitamente aos asistentes ao final do recital poético-musical no Auditorio Municipal Pascual Veiga.
Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Patrocina: Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Educación, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo.
Colaboran: Concello de Mondoñedo, CEIP Álvaro Cunqueiro e IES San Rosendo.