O Festival Atlántica, NOGA e Sete Falares celebran o Día Internacional da Narración Oral con espectáculos solidarios e un manifesto de Paula Carballeira

As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo co obxectivo de visibilizar e poñer en valor a arte de contar en galego

Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país nesta gran festa da narración oral

Aínda que Atlántica vaise a celebrar no verán, estes días xunta esforzos co festival Sete Falares de Pontevedra e co Colectivo Narración Oral Galega (NOGA) para situar no mapa dos manifestos e reivindicacións a lingua do país e ás historias que nos identifican. Así, coincidindo co 20 de marzo, data de celebración do Día Internacional da Narración Oral, as tres entidades están a preparar unha axenda ateigada de propostas contratadas por diferentes concellos en bibliotecas, teatros, auditorios e tamén sesións solidarias en hospitais e residencias da terceira idade.

A autoría do manifesto desta cuarta edición do Día da Narración en Galicia é de Paula Carballeira, recoñecida escritora, actriz, dramaturga e unha das pioneiras da narración oral do país. No seu texto convida a todos a contar e contarse, poñendo o foco na importancia de dar luz ás voces silenciadas, agochadas, perdidas. Un convite a ser parte da historia, a ser inmortal… “se queres”.

O manifesto xa está a ser distribuído en centros de ensino, bibliotecas e concellos e pódese compartir desde ás redes sociais do Festival Atlántica, Sete Falares e Noga. Tamén nas devanditas redes estará dispoñible o programa completo de actividades que se van desenvolver nos concellos de Ares, Arteixo, Carballeda de Avia, Barco de Valdeorras, Betanzos, Boiro, Cambados, Campolongo, Chantada, Dodro, Fene, Lugo, Mañón, Marín, Mazaricos, Meis, Moaña, Monfero, Monterroso, Mugardos, Muros, Narón, Oleiros, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Ribeira, Rubiá, Sandiás, Santa Comba, Santiago de Compostela, Soutomaior, Tordoia, Vigo e Ponte de Lima (Portugal).

Entre a vintena de artistas participantes figuran Aida Cobas, Alba de Vales, Amor Herrera, Ana Meilán, Ángeles Goás, Bea Campos, Brais das Hortas, Cándido Pazó, Carlos Rebolo, Charo Pita, Cris Collazo, Cris de Caldas, Inma Soto, Larraitz Urruzola, María Iglesias, Marta Ortíz, Monicreques de Kukas, Olga Abad, Pablo Díaz, Paco Nogueiras, Paula Carballeira, Pavís Pavós, Quico Cadaval, Raquel Queizás, Sole Felloza, Vero Rilo e Xabi do Camiño.

A ARTE MÁIS ANTIGA DO MUNDO

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que NOGA insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes. Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio situando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.

No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz e celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

20240315-Dia-Internacional-da-Narracion-Oral-20M

O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral con solidariedade e lectura do Manifesto

As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo e nelas participan tamén -nas cidades correspondentes- Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes de NOGA, a asociación de profesionais da Narración Oral de Galicia

Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo

A XI edición do Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, máis o encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, o 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vaise desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.

As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vigo, Lalín, Sanxenxo, Combarro, Ordes, A Laracha, Baiona, Burela, Narón, Culleredo, Meis, Moaña, Padrón, Salcedo, Negreira, Monforte, Forcarei, Vedra, A Guarda, Carral, Carballo, Teo. Será un día de festa e tamén de reivindicación.

Nesta edición a celebración salienta polo seu carácter moi solidario, xa que @s artistas o día 20 de marzo, percorreran as aulas e salas do Hospital Clínico de Santiago, do Provincial de Pontevedra, do Salnés e Montecelo levando historias aos pacientes de todas as idades dos diferentes centros médicos.

Entre os artistas participantes figuran Vero Rilo, Atenea García, Raquel Queizás, Dani Blanco, Carlos Rebolo, Charo Pita, Ángeles Goás, Cris Collazo, Olga Abad, Celso F. Sanmartín, Ana Meilán, Ramiro Neira, Pablo Díaz, Larraitz Urruzola, Cris de Caldas, Carme Domech, Quico Cadaval, Sole Felloza, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento e a Street Band de jazz.

Ademais, nesta edición o histórico narrador, mestre de narradores, escritor e director de teatro José Campanari é o autor do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos de tecnoloxías e pausas inexistentes a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros ao redor dunha mesa, para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

A información sobre as diferentes actividades vaise difundir a través das redes sociais das entidades participantes.

Unha arte de sempre e moi viva

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que a asociación de profesionais da Narración Oral Galega (NOGA) insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes.

Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio poñendo a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias. No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

20230317-NP-Dia-Mundial-da-Narracion-Oral-2023


O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral con espectáculos e lectura do Manifesto

O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral con espectáculos e lectura do Manifesto

·       As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo e nela colaboran Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes do Colectivo NOGA

·       Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo

A X edición do Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, máis o encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, o 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vanse desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.

As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Marín, A Laracha, Narón, Culleredo, Portonovo, Cangas, Alfoz, Soutomaior, Oleiros, Fene, Brión, Ribeira e Ourense. Será un día de festa e tamén de reivindicación.

Entre os artistas participantes figuran Vero Rilo e Penadique, José Luis Gutierrez ‘Guti’, Erica González, Raquel Queizás, Dani Blanco, Cristina Collazo, Charo Pita, Pablo Díaz, Atenea García, Celso F. Sanmartín, Anxo Moure, Servando Barreiro, Ramiro Neira, Larraitz Urruzola, Mirari Urruzola, Cris de Caldas, Iseo a Moura, Candido Pazó, Quico Cadaval, Sole Felloza, Paula Carballeira, Tarabelos, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.

Ademais, nesta edición o escritor, investigador e creador da web Galicia Encantada Antonio Reigosa é o autor do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

A información sobre as diferentes actividades vaise difundir a través das redes sociais das entidades participantes.

Unha arte de sempre e moi viva

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións que o colectivo de narradores e narradoras galegas insta a ser retomadas, principalmente naqueles concellos e espazos que permanecen pechados dende o comezo da pandemia.

Para os eventos culturais e para os artistas en particular estes dous anos foron moi duros, de reinventarse e adaptarse a mil situacións diferentes e conmemoran o seu día coa alegría e coa ilusión de tempos novos ubicando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.

No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

CRÉDITOS | Manifesto: Antonio Reigosa | Deseño do cartel do 20M: Ekinocio.

IMAXES EN ALTA | bit.ly/NarracionOral2022

Festival Atlántica.- Pablo Díaz pecha a celebración do Día da Narración Oral cunha actuación en Vite

Pablo Díaz pecha a celebración do Día Internacional da Narración Oral cunha actuación no CSC de Vite

·       ‘Contando números, cantando cores’ é un espectáculo para o público familiar

·       A función será ás 19 horas no CSC de Vite e para asistir cómpre a inscrición telefónica previa

O artista Pablo Díaz actuará este venres, 26 de marzo, no CSC de Vite ‘José de Saramago’ dentro da programación do Festival Atlántica para festexar o Día Internacional da Narración Oral. O espectáculo, titulado ‘Contando números, cantando cores’, está concibido para público familiar e comezará ás 19 horas. A entrada é gratuíta pero para asistir cómpre inscribirse previamente no teléfono 981 542 490.

Ao longo da súa traxectoria profesional, Pablo Díaz decatouse do importante que é para os cativos tratar e reflexionar sobre a igualdade de oportunidades entre nenos e nenas, maiores e pequenos, equidade, e, sobre todo, respecto ás persoas que desde o principio das nosas vidas debemos valorar. Para lograr este obxectivo, o artista utilizará contos, algúns deles con música, para rematar cun pequeno concerto con cancións que versen sobre esta temática e tamén algúns dos seus temas máis populares.

Pablo Díaz é un prestixioso músico coruñés que debutou no 2009 apadriñado por Santiago Auserón co traballo discográfico Tic tac (ed. Kalandraka). A obra acadou un éxito espectacular en Galicia, a primeira edición do traballo esgotouse en tres meses e vai xa pola quinta edición con máis de 5000 exemplares vendidos. Con este traballo resultou un dos tres finalistas nos premios galegos da música Martín Códax e foi o gañador do galardón “Anisia Miranda á creatividade infantil” no 2011.

En novembro do 2013 publicou o seu segundo traballo, Toc toc (ed. Galaxia), que serviu para reafirmalo na escena musical galega: premio ao mellor traballo de música infantil nos Martín Códax 2014 e unha xira por máis de 50 concellos de Galicia. Un ano máis tarde presentou un novo traballo máis íntimo e dedicado ao público de menor idade, Xente miúda, moita fartura, apostando nesta ocasión pola autoprodución e coa colaboración de Tito Calviño e Carmen Rey.

A finais do 2016 publicou Tic tac toc, ilustrado por Almudena Aparicio. Con este espectáculo fixo unha xira por 50 concellos da nosa comunidade. O último traballo de Pablo Díaz é Coas miñas mans, que saíu ao mercado en xuño do 2018 con moi boa acollida por parte do público familiar. Como contacontos infantil leva feito centos de sesións dedicando unha boa parte da súa obra aos rapaces de entre 0 e 3 anos.

Con este espectáculo clausúrase a programación desenvolvida polo Festival Atlántica para festexar o Día Internacional da Narración Oral e que contou coa colaboración dos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, e tamén do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña.

AVISO: A actividade desenvolverase cumprindo coas medidas sanitarias do protocolo COVID-19 vixente no momento da súa realización.CRÉDITOS Deseño do cartel do 20M: Ekinocio.

O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral cunha quincena de espectáculos

O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral cunha quincena de espectáculos

  • A actividade desenvolverase este 20 de marzo e nela colaboran Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes do Colectivo NOGA
  • Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo

Aínda que este ano o Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, o veterano encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, este sábado, 20 de marzo, e grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, e tamén do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, unha quincena de espectáculos vanse desenvolver en múltiples puntos de Galicia. Ademais, en Santiago a festa prorrogarase ata os días 23, 25 e 26 de marzo.

As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, centros socioculturais, teatros e auditorios de Compostela, As Neves, O Porriño, Mondariz, Fene, Brión, Ribeira, Ourense, A Coruña e Pontevedra. Será un día de festa e tamén de reivindicación dun oficio que está a sufrir un difícil momento, no que a maioría dos seus integrantes perderon máis do 60 % do seu volume de traballo.

Entre os artistas participantes figuran Lorena Pinheiro, Raquel Queizás, Dani Blanco, Charo Pita, Pablo Díaz, Vero Rilo, Celso F. Sanmartín, Chus Álvarez, Anxo Moure, Ramiro Neira, Cris de Caldas, Marta Ortiz, Quico Cadaval, Sole Felloza ,Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.

Ademais, nesta edición a escritora Fina Casalderrey é a autora do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

As actividades desenvolverase cumprindo coas medidas sanitarias do protocolo COVID-19 vixente no momento da súa realización. O aforo é reducido e as reservas xestiónanse en cada lugar de función. A información relativa aos espectáculo difundirase publicamente en breve.

Unha arte de sempre e moi viva

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Unha enquisa entre os integrantes do colectivo NOGA (Narradores Orais de Galicia) así o deixa claro: non hai día no que nalgún lugar da xeografía non estea un narrador contando historias. Neste 2021, o Festival Atlántica quere situar a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.

No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

CRÉDITOS | Manifesto: Fina Casalderrey | Deseño do cartel do 20M: Ekinocio.

MANIFESTO | De Fina Casalderrey

Quen nos cativou algunha vez cun deses contos que nos abrazou, nos sorprendeu e nos sacudiu as emocións todas multiplicando as nosas endomorfinas gozosas? Quizais foi esa mestra que deu coa fórmula máxica para que fósemos á escola felices? O pai que deitou palabras doces no noso oído para borrarnos un pesadelo? Foi acaso a avoa que manexa os rudimentos do narrador de maneira natural para nos desvelar historias do noso rico folclore, as mesmas que ela recibira noutrora da súa avoa onda o lume morno dunha lareira? Talvez foi un narrador ou unha narradora profesional, capaz de sucar os mares e derrubar fronteiras coa autoridade de quen domina os segredos da oralidade? Ben seguro que se trata de alguén que nos ama, pois, como diría o gran contador galego Xabier P. Docampo, “contar é o acto de amor máis sublime que un ser humano pode realizar”.

Hoxe, 20M de 2021, imaxino un despregue apoteótico de afectos, de historias marabillosas, vellas e novas, coñecidas e inéditas, de risa, de medo, de amor, de intriga… voando alto, cal aves migratorias, por riba de todos os tellados e de todas as pandemias do planeta —dende Suecia a Australia, dende Galicia ao resto de España, a Canadá, México…—, pousando nos teatros, nas escolas, nos hospitais, nas rúas, nas casas… o seu poder de sedución para entraren polos cinco sentidos de milleiros e milleiros de nenas e nenos, vacinándoos contra todo o feo, sementando no seu espírito as máis ricas e variadas sensacións, esas que fan soñar grande.

Neste xusto instante, nun punto minúsculo do mapa de Galicia, unha nena de ollos preguntóns chamada Sofía abre fascinada as portas ao mundo da narración oral. A piques de cumprir catro meses de vida —e despois de escoitar na voz que a aleita os primeiros contos de lobos e raposos, mouras de longos cabelos que se peitean con peites de ouro, serpes encantadas e carapuchiñas, parrulos feos… —, Sofía experimenta o pracer de ser ela quen balbuce o máis fermoso dos relatos como agasallo á súa nai. Ambas as dúas, felizmente sorprendidas, míranse aos ollos nunha danza única. A nai déixase levar polo entusiasmo da pequena contadora e comproba que o mundo enteiro cabe nas pupilas excitadas de Sofía, a nena que cos seus balbucidos emprende os primeiros voos na arte de narrar. Ese privilexio!

Contar e escoitar, crear mundos… é unha necesidade perenne do ser humano dende o comezo dos tempos e das idades.

AXENDA | DÍA INTERNACIONAL DA NARRACIÓN ORAL

Sábado 20 de marzo

As Neves | 12 h | Biblioteca Municipal | Lorena Pinheiro

Pontevedra | 12 h | Teatro Principal | Pavis Pavós. Migallas. Polo Correo do Vento

Ourense | 12 h Biblioteca Pública | Cris de Caldas

Brión | 12 h | Sala Municipal de Exposicións | Charo Pita

Fene | 12h | Biblioteca Municipal | Sole Felloza

A Coruña | 12 h | Librería Lume | Chus Álvarez

Ribeira | 12 h | Centro Cultural Lustres Rivas | Raquel Queizás

Mondariz | 18 h | Auditorio do Centro Social | Lorena Pinheiro

O Porriño | 18 h | Centro Cultural | Vero Rilo

Santiago de Compostela | 12 h | Cidade da Cultura | ‘Galicia máxica’ de Marta Ortiz (Infantil)

Santiago de Compostela | 18 h | Carballeira de Conxo | Raquel Queizás (Infantil)

Martes 23 de marzo

Santiago de Compostela | 19 h | CSC das Fontiñas | Quico Cadaval (Público adulto)

Xoves 25 de marzo

Santiago de Compostela | 18 h | CSC de Santa Marta | Sole Felloza (Público infantil)

Venres 26 de marzo

Santiago de Compostela | 19 h | CSC de Vite | Pablo Díaz (Público infantil)