O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral cunha vintena de espectáculos
O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral cunha vintena de espectáculos
· A actividade desenvolverase este 20 de marzo e nela colaboran Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes do Colectivo NOGA
· Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo
Aínda que este ano o Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, o veterano encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, este sábado, 20 de marzo, e grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, unha vintena de espectáculos vanse desenvolver en múltiples puntos de Galicia.
As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, As Neves, O Porriño, Mondariz, Fene, Brión, Ribeira, Ourense, A Coruña e Pontevedra. Será un día de festa e tamén de reivindicación dun oficio que está a sufrir un difícil momento, no que a maioría dos seus integrantes perderon máis do 60 % do seu volume de traballo.
Entre os artistas participantes figuran Lorena Pinheiro, Raquel Queizás, Dani Blanco, Charo Pita, Pablo Díaz, Vero Rilo, Celso F. Sanmartín, Chus Álvarez, Anxo Moure, Ramiro Neira, Cris de Caldas, Marta Ortiz, Quico Cadaval, Sole Felloza ,Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.
Ademais, nesta edición a escritora Fina Casalderrey é a autora do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.
As actividades desenvolverase cumprindo coas medidas sanitarias do protocolo COVID-19 vixente no momento da súa realización. O aforo é reducido e as reservas xestiónanse en cada lugar de función. A información relativa aos espectáculo difundirase publicamente en breve.
Unha arte de sempre e moi viva
A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Unha enquisa entre os integrantes do colectivo NOGA (Narradores Orais de Galicia) así o deixa claro: non hai día no que nalgún lugar da xeografía non estea un narrador contando historias. Neste 2021, o Festival Atlántica quere situar a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.
No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.
CRÉDITOS | Manifesto: Fina Casalderrey | Deseño do cartel do 20M: Ekinocio.
MANIFESTO | De Fina Casalderrey
Quen nos cativou algunha vez cun deses contos que nos abrazou, nos sorprendeu e nos sacudiu as emocións todas multiplicando as nosas endomorfinas gozosas? Quizais foi esa mestra que deu coa fórmula máxica para que fósemos á escola felices? O pai que deitou palabras doces no noso oído para borrarnos un pesadelo? Foi acaso a avoa que manexa os rudimentos do narrador de maneira natural para nos desvelar historias do noso rico folclore, as mesmas que ela recibira noutrora da súa avoa onda o lume morno dunha lareira? Talvez foi un narrador ou unha narradora profesional, capaz de sucar os mares e derrubar fronteiras coa autoridade de quen domina os segredos da oralidade? Ben seguro que se trata de alguén que nos ama, pois, como diría o gran contador galego Xabier P. Docampo, “contar é o acto de amor máis sublime que un ser humano pode realizar”.
Hoxe, 20M de 2021, imaxino un despregue apoteótico de afectos, de historias marabillosas, vellas e novas, coñecidas e inéditas, de risa, de medo, de amor, de intriga… voando alto, cal aves migratorias, por riba de todos os tellados e de todas as pandemias do planeta —dende Suecia a Australia, dende Galicia ao resto de España, a Canadá, México…—, pousando nos teatros, nas escolas, nos hospitais, nas rúas, nas casas… o seu poder de sedución para entraren polos cinco sentidos de milleiros e milleiros de nenas e nenos, vacinándoos contra todo o feo, sementando no seu espírito as máis ricas e variadas sensacións, esas que fan soñar grande.
Neste xusto instante, nun punto minúsculo do mapa de Galicia, unha nena de ollos preguntóns chamada Sofía abre fascinada as portas ao mundo da narración oral. A piques de cumprir catro meses de vida —e despois de escoitar na voz que a aleita os primeiros contos de lobos e raposos, mouras de longos cabelos que se peitean con peites de ouro, serpes encantadas e carapuchiñas, parrulos feos… —, Sofía experimenta o pracer de ser ela quen balbuce o máis fermoso dos relatos como agasallo á súa nai. Ambas as dúas, felizmente sorprendidas, míranse aos ollos nunha danza única. A nai déixase levar polo entusiasmo da pequena contadora e comproba que o mundo enteiro cabe nas pupilas excitadas de Sofía, a nena que cos seus balbucidos emprende os primeiros voos na arte de narrar. Ese privilexio! Contar e escoitar, crear mundos… é unha necesidade perenne do ser humano dende o comezo dos tempos e das idades.