VIII Ciclo de Teatro de Castiñeiro Milenario

Castiñeiro Milenario presenta unha nova edición, a oitava, do Ciclo de Teatro. Nesta edición contarán con tres representacións, todas elas dentro dos circuítos de teatro, tanto do afeccionado coma do profesional, promovidos pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A primeira obra será o 22 de setembro ás seis da tarde no local do Pobo da Asociación Veciñal do Castro. A compañía O Torques de Burela representará a obra titulada “ODT-TIVE“, unha comedia para todos os públicos.

A segunda obra será o 9 de novembro, a partir das sete da tarde, na Casa do Pobo da Asociación Veciñal do Castro a cargo da compañía Grupo de Teatro do Hospital de Lugo que representará a obra “Asasinato na tenda de roupa“, unha comedia, tamén con asasinatos polo medio dirixida a todos os públicos.

Para rematar este Ciclo o 30 de novembro ás sete da tarde na Casa da Cultura de Begonte e dentro do circuíto profesional da Deputación de Lugo, teremos a Bátega Teatro representando a obra “O Pano“, unha obra dramática dirixida a adolescentes e público adulto.

Agradecemos que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo continúe apoiando o teatro, tanto afeccionado como profesional, ao Concello de Begonte por ceder a Casa da Cultura e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por ceder as súas instalacións.

Velaí a ligazón relativa a este ciclo no blog  https://castinheiromilenario.wordpress.com/2024/09/06/viii-ciclo-de-teatro/ 

AC Castiñeiro Milenario
Campo de Arriba, 25. Saavedra 27375 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

Comunicado do IESCHA relativo á situación do CEIP de Baamonde

O IESCHA EN CONTRA DO PECHE DO COLEXIO DE BAAMONDE

A xunta directiva do IESCHA manifesta publicamente a súa oposición ao intento de pechar en Baamonde –con todos os pais e nais en contra- un Colexio ao que aínda asisten 30 nenos e nenas.
Velaí unha ocorrencia -presentada como decisión política do goberno municipal de Begonte- que contribúe a seguir baleirando o rural coa supresión dun servizo público esencial, cando xa conta desde hai moitos anos cos recursos humanos –que fan a súa achega á dinamización da vila- e as instalacións que posibilitan a prestación deste servizo, fulcral en calquera nación desenvolvida.
Ao tempo, a Xunta de Galicia vén de facer público que a loita contra a despoboación do medio rural vai ser o eixo vertebrador dos proxectos cos que solicitará as axudas da UE do fondo Next Generation EU, un plan que quere facer fronte á grave crise económica e social trala pandemia de COVID-19.
Cando seremos quen de poñer o ensino –como a sanidade- á cabeza das prioridades dunha sociedade que quere ser do benestar?
Que haberá máis importante que a sanidade ou o ensino para que unha nación siga a ter vida?
O Colexio é vida; preservémola.
A Cultura é segura; non sequemos unhas das súas fontes.

Enlace ao Comunicado.

VILALBA, 8 DE XANEIRO DE 2021
A XUNTA DIRECTIVA DO IESCHA