O IESCHA EN CONTRA DO PECHE DO COLEXIO DE BAAMONDE

A xunta directiva do IESCHA manifesta publicamente a súa oposición ao intento de pechar en Baamonde –con todos os pais e nais en contra- un Colexio ao que aínda asisten 30 nenos e nenas.
Velaí unha ocorrencia -presentada como decisión política do goberno municipal de Begonte- que contribúe a seguir baleirando o rural coa supresión dun servizo público esencial, cando xa conta desde hai moitos anos cos recursos humanos –que fan a súa achega á dinamización da vila- e as instalacións que posibilitan a prestación deste servizo, fulcral en calquera nación desenvolvida.
Ao tempo, a Xunta de Galicia vén de facer público que a loita contra a despoboación do medio rural vai ser o eixo vertebrador dos proxectos cos que solicitará as axudas da UE do fondo Next Generation EU, un plan que quere facer fronte á grave crise económica e social trala pandemia de COVID-19.
Cando seremos quen de poñer o ensino –como a sanidade- á cabeza das prioridades dunha sociedade que quere ser do benestar?
Que haberá máis importante que a sanidade ou o ensino para que unha nación siga a ter vida?
O Colexio é vida; preservémola.
A Cultura é segura; non sequemos unhas das súas fontes.

Enlace ao Comunicado.

VILALBA, 8 DE XANEIRO DE 2021
A XUNTA DIRECTIVA DO IESCHA