por martinho | Oct 31, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Volta Pakolas á Casa-Museo Manuel María, este sábado, día 4 de novembro, ás 17 horas para presentar o seu último traballo “A Ramona pequena vai á lúa”.
Cantará e contará a historia de Ramona pequena que a través da máquina do tempo volta á súa infancia, para nos convidar unha nova aventura cantareira e didáctica.
Cómpre reservar billete (2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
A actividade vai dirixida para nenas e nenos entre 3 e 10 anos.
por martinho | Oct 24, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Música da boa e diferente, para toda a xente con ganas de desfrutar e bailar, é a proposta que este sábado, ás 20 horas, o grupo pontés NIMBOS fará na Casa-Museo Manuel María. Cinco mozos, cuxa base musical é tradicional mais que o mostran dunha maneira un pouco diferente, combinando e fusionando a súa proposta con novos ritmos.
Mario Arranz, no contrabaixo, Álvaro García, na guitarra, Xalo Rubio, no acordeón, Diego Barro, na percusión, e Antía Franco, na voz, gaita e frauta, son Nimbos. Entre o seu repertorio, a formación musicaliza poemas de distintos autores galegos, entre os que está o guitiricense Díaz Castro, cuxo poemario acabou por dar nome ao grupo, e composicións musicais propias como a “Foliada da Borraleira”.
As persoa interesadas en asistir deben facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.
Deixámosvos aquí algún pequeno vídeo desta formación
https://www.facebook.com/100093512475200/videos/608066861448040
https://www.facebook.com/100093512475200/videos/1010203866765099
por martinho | Oct 18, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
A Casa-Museo Manuel María celebra este sábado, ás 17.30 hrs, cunha gala-concerto a fase final da IIª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A gala contará como intérpretes convidados aos músicos galegos Esperanza Mara, soprano, e Juanma Varela, pianista. Os dous ofrecerán un concerto en que, alén de tocar as cinco pezas finalistas do certame, interpretarán oito cantigas e melodías galegas da compositora e pianista Eugenia Osterberger, figura salientábel no mundo musical e cultural de Galiza do último terzo do século XIX.
O concerto está dividido en dúas partes. Na primeira interpretaranse as cinco cancións finalistas do concurso, Tes un brilo amortecido, Baladiña do salouco confidente, Lembranza da Lagoa de Cospeito, Soños no meu fogar e Falan uns campesiños aos que lles expropiaron as terras, compostas por Teo Montero, Manuel Tizón, Brais González, Gerald David Vázquez e Xesús Xosé Iglesias.
A continuación, e mentres o xurado realice a deliberación para determinar a canción gañadora, o público asistente poderá desfrutar dun ciclo de cantigas e melodías galegas para voz e piano de Eugenia Osterberger. Concretamente, Juanma Varela e Esperanza Mara, interpretarán Adiós, miña Manoeliña; Almendriñas nas orellas; Casadiña de tres días; Mariquiña, non te fíes; Agora que ven a leva; Non ch’as quero, non ch’as quero; Adiós, adiós, queridiña; Arriba, pandeiro roto.
Esta Gala-Concerto é pública e gratuíta mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698177621.
por martinho | Oct 10, 2023 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
Este sábado, día 14 de outubro, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María recuperan a actividade cultural, despois do verán, e fano cunha proposta familiar, especialmente dirixida para nenas e nenos entre 4 e 11 anos, que se desenvolverá no auditorio da citada Casa-Museo. A proposta é unha adaptación ao teatro de monicreques por parte da compañía Títeres Alakrán do libro A pita Xefa, de Marta Lado, obra, esta, gañadora en 2021 do Premio Fina Casaldarrey de Literatura Infantil pola igualdade.
A peza, que anima a cuestionarse dun xeito divertido os esquemas sexistas dominantes, trata dunha pita que cun soño pode facer moitas cousas como salto de lonxitude, bailar claqué… mais, sobre todo, pode conseguir o máis importante, mudar as normas do galiñeiro.
A obra dura 45 minutos e para asistir é necesario inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whtatsapp 698177621 (billete: 2 euros)
por martinho | Sep 27, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Este próximo domingo, 1 de outubro, dan inicio ás actividades do novo curso desde a Casa-Museo Manuel María e fano cunha camiñada que irá desde o adro da igrexa de Saavedra (en Begonte) até Barrazoso Vello (na parroquia de Gaibor, tamén en Begonte). Esta actividade condimentarase con algún poema e texto de Manuel María durante o seu decorrer.
Ás 10 hrs quedarán diante da Casa-Museo para achegarse todos xuntos, en automóbeis particulares, ao inicio do itinerario (se houber xente que queira ir xa directamente para o punto de inicio do percurso tan só terá que comunicalo cando se anote).
A distancia do itinerario é de seis quilómetros e medio e a dificultade é baixa. Suponse que en tres horas debería terse finalizada.
O guía será o divulgador cultural Orlando Viveiro.
Para a inscrición (a actividade é de balde) calquera persoa interesada deberá enviar un correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
No seguinte texto de Orlando Viveiro amósase unha idea do que se poderá desfrutar o próximo domingo.
As lendas do santuario dos Milagres de Saavedra permiten ás persoas viaxeiras mergullarse no seo de mundos que a día de hoxe fican case esquecidos. Tentaremos descubrilos nesta andaina polo Camiño Real que chega aquí despois de cruzar o Miño pola ponte medieval de Rábade e marcha de seguido en dirección ás terras de Vilalba.
A rota avanza pola Agra dos Castros en dirección a Fontefilloa para ollarmos as carballeiras de Covelas, onde sobrancea o seu fermoso exemplar centenario. Pasado o regato da Forcada do Lobo atopamos Altide, lugar de Santa María de Trobo, no cal visitaremos o extraordinario carballo da Casa do Roxo para continuar camiño de Martín logo de pasar o regato de Altide que descende cara ás Veigas de Baltar.
Desde este cruzamento de vías, sinalado por un fermoso cruceiro, ascenderemos até o Pertegueiro, parroquia de San Xiao de Gaibor, para marchar de seguido polos barrais de Vigo e A Vila onde se conservan interesantes construcións que certifican a antigüidade do roteiro que levamos. A paisaxe outoniza enrodelará de cores a nosa andaina mentres avanzamos demoradamente na procura do Barrazoso Vello, o punto onde remataremos a viaxe.