ABRAHAM CUPEIRO na Casa-Museo Manuel María

ESTE PRÓXIMO DOMINGO, 12 DE MAIO, ÁS 18.30, TEREMOS A OPORTUNIDADE DE ESCOITAR O CONCERTO-MONÓLOGO DE ABRAHAM CUPEIRO, “RESOANDO NO PASADO”, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Resoando no Pasado é unha colección de instrumentos que Abraham Cupeiro mostra a través dun concerto-monólogo en que viaxa ao pasado máis remoto da nosa especie a través dos sons dos instrumentos de vento. 

Desde unha pequena frauta de óso (46OOO a.c) até un grande Sousaphone orixinal do século XIX. Na colección, están representados instrumentos de todas as familias, lugares e épocas. Ao longo do concerto, todos eles resoan de novo e dan lugar a interesantes anécdotas, de xeito que nos achegan á parte máis humana dos instrumentos musicais. 

Resoando no Pasado é un proxecto para todos os públicos. Unha forma de se achegar a outras épocas e culturas a través dos instrumentos.

Reservas (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

BICOS CON LINGUA, unha comedia de Talía Teatro, este sábado na Casa-Museo Manuel María

BICOS CON LINGUA, UNHA COMEDIA DE TALÍA TEATRO SOBRE A NOSA LINGUA, ESTE SÁBADO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PARA PÚBLICO ADULTO E XUVENIL 

Talía Teatro, a histórica compañía teatral galega que vén de gañar sete galardóns dos Premios María Casares pola obra “Unha inimiga do pobo”, estará este sábado, 4 de maio, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María iniciando a programación da casa-museo no mes das letras. E faino cunha exitosa comedia sobre a realidade sociolingüística de Galiza, Bicos con lingua, que leva máis de vinte anos en xira.

Da man dos actores Artur Trillo e Toño Casais, esta peza está chea de humor, xestos, actitudes e costumes que reflicten unha radiografía da nosa lingua. Cunha montaxe sinxela e directa Talía Teatro pretende que as persoas espectadoras redescubran unha lingua que existe e crece na súa inmensa riqueza, a pesar dos usos, abusos e atrancos aos que está sometida acotío. 

Para asistir ao espectáculo é necesario reservar billete (5 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Representación da obra teatral VÍA MORTA na Casa-Museo Manuel María

Culturactiva e Pallasos en Rebeldía traen este sábado, día 27 de abril, ás 20 h, á Casa-Museo Manuel María o espectáculo teatral Vía Morta. Unha peza que tenta ser, máis que unha obra teatral, unha experiencia a través do teatro. Unha montaxe que procura traer a realidade dos refuxiados e refuxiadas ao público por medio dunha proposta que converte o espectador nun refuxiado máis.Vía Morta adéntranos nun campo de refuxiados e refuxiadas, onde unha médica siria – interpretada por Anabell Gago – agarda poder seguir a súa viaxe até Alemaña, onde espera encontrarse co seu fillo e netos. Mais o tren nunca acaba de chegar a esta vía morta e os refuxiados e refuxiadas comezan a desesperarse. Un pallaso –Iván Prado– dunha entidade de cooperación galega chega ao campamento e, ante a atenta e desafiante mirada do policía de fronteira –interpretado por Fran Rei–, realiza a súa performance clown para os nenos e nenas que están dentro do valado de arame. Asemade, aparece a ollada inocente, mais crítica, dunha nena –personaxe de Rocío Salgado– que non entende o que está a acontecer.

O espectáculo de sesenta e cinco minutos vai dirixido ao público adulto e para asistir é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Presentación este sábado do libro CONTÁRMONOS, do colectivo literario Comadres das Letras, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, ás 20 h, a Casa-Museo Manuel María acolle a presentación do libro Contármonospor parte do colectivo literario Comadres das Letras. 

Contármonos é un libro editado en 2023 e composto por catorce voces, que tivo a súa orixe nun obradoiro da escrita levado a cabo en Compostela en 2021 e 2022 e que dinamizou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) a través da poeta e narradora Eli Ríos. Daquel obradoiro tamén naceu o colectivo literario Comadres das Letras que serán as encarregadas, este sábado, de presentar este volume con máis de corenta textos creados ao redor da memoria histórica das mulleres e que sitúan a estas no centro. A actividade é aberta ao público xeral.

Previamente, ás 18.30 h, e na biblioteca da casa-museo, as Comadres das Letras manterán unha conversa con aquelas lectoras e lectores que xa teñan lido o libro e que se queiran achegar a Outeiro de Rei para dialogar con parte das súas autoras. Entre estas lectoras estarán presentes as participantes no clube de lectura Saleta, da propia casa-museo, que estiveron nestas últimas semanas lendo o libro.

Proxección do documental XOVE, DEMOCRACIA NUCLEAR, de Pedro Lechuga Mallo, na Casa-Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María programa para este sábado, 16 de marzo, ás 19 h, a proxección do documental “Xove, democracia nuclear”, do xornalista Pedro Lechuga Mallo. A peza audiovisual recupera as historias vividas durante a década de setenta na provincia de Lugo, e concretamente na Mariña, cando se fixo público en novembro de 1973 o proxecto de construción dunha central nuclear na enseada de Regodela, no concello de Xove.

No documentario, que recolle as importantes mobilizacións sociais que se levaron a cabo contra o proxecto de Fenosa, interveñen distintas persoas, entre elas, Emilio López Pérez, “Milucho”, destacado activista da loita contra a nuclear, que manterá logo da proxección un coloquio co público asistente. 

A asistencia á proxección é de acceso libre até completar o aforo do auditorio da Casa-Museo, mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.