XI Convivio da Cultura Galega

Este próximo 13 de xullo, sábado, festéxase a XIª edición do Convivio da Cultura Galega e farase, coma sempre, tendo moi presente a Manuel María e a súa obra. Un ano este en que se van facer vinte anos, xa, que finou.

Un dos momentos bonitos deste día será o concerto que para as 18 horas teñen previsto facer Os Carunchos. Entre os carballos, ameneiros e bidueiras de Santa Isabel poderemos desfrutar, cantar e bailar co seu último traballo, en que cantan a Manuel María, Unha gorxa chea de paxaros.

Mais moito antes, pola mañá, ás 11.15, a Casa-Museo Manuel María será o punto de encontro onde dará comezo a xornada, coa acollida da coral Solfa. De alí irase cara ao cemiterio onde se levará a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta.

Xa en Santa Isabel, ao pé do río Miño, e antes do xantar, ás 12.30, teremos a actuación da Banda de Música Sons e Soños. Integrada por músicos de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, nesta ocasión estará acompañada pola cantora Tabea Graser.

Despois, poderemos desfrutar do xantar en convivio (a organización pon as mesas e cadeiras e cada un/unha trae a súa propia comida. Para reservar sitio é necesario avisar antes das 23 h. do 10 de xullo, mércores)

A festa continuará pola tarde, ás 16.30, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Parabéns, Tradivivas Agra, Vento Mareiro e Reviravolta, que darán posteriormente paso aos Carunchos.

MILESIOS estrea o seu último traballo CARTOGRAFÍAS na Casa-Museo Manuel María

MILESIOS ESTREA ESTE SÁBADO EN CONCERTO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, O SEU ÚLTIMO TRABALLO CARTOGRAFÍAS

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 8 de xuño, ás 20 h, a estrea do último traballo de Milesios (2009), “Cartografías”. Melodías tradicionais, arranxadas polo propio grupo, e algunhas composicións propias fan parte deste novo traballo musical co que os Milesios continuan a súa viaxe coas súas cartografías musicais que evocan lugares de Italia, Bretaña, Irlanda e, por suposto, Galiza (podedes saborealo entrando na súa web https://milesios.gal/)
Cartografías é o terceiro disco, despois de Alén mar e Indoevindo.

Reservas (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Presentación do poemario “non aparecen bicis”, de Suso López, na Casa-Museo Manuel María

Poesía, música e audiovisual este sábado na presentación do poemario “non aparecen bicis” de Suso López

O produtor dos filmes “DHOGS”, “Welcome to ma maison” ou “Ulises”, o meirego Suso López, vén este sábado, día 1 de xuño, á Casa-Museo Manuel María, para presentar, ás 19 h, o seu primeiro poemario individual “non aparecen bicis”, editado en Edicións Positivas. Suso leva tempo participando en obradoiros de escrita creativa e colaborou xa en varias obras colectivas.
A súa poesía virá misturada, nesta presentación, coa súa propia música, interpretará tres pezas, así como coa proxección de dúas curtas “Ulises” e “Sandwich cat”.
A entrada é libre mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

quero ser un lago solitario
cun parrulo no centro
que me faga cóxegas na barriga

un lago en calma
non demasiado grande

Paco Nogueiras presenta o seu espectáculo “Son animal”, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 25 de maio, ás 17 horas, volta, pola Casa-Museo Manuel María, Paco Nogueiras. E faino para presentar o seu último traballo, o cuarto, tirado este mes de maio, que leva por título Son animal. Un libro-dc editado por Kalandraka e con ilustracións de Marc Teager. 

Doce cancións que teñen como protagonistas a animais domésticos como o can, o gato, a vaca, a galiña, o porco, o burro… e outros silvestres como a ra ou o grilo.

O concerto vai dirixido para nenas e nenos entre os 3 e os 9 anos.Para asistir é necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Concerto de IALMA na Casa-Museo Manuel María

Este domingo, 19 de maio, ás 12 h, a Casa-Museo Manuel María acolle un concerto do grupo IALMA. Un cuarteto de mulleres de Bruxelas (Verónica Codesal, Magali Menendez, Natalia Codesal e Marisol Palomo), fillas de familias emigrantes galegas, con máis de vinte anos de carreira artística e sete exitosos traballos publicados, que cantan en galego e que levan a música galega por todo o mundo. Elas estarán acompañadas de dous grandes músicos, Didier Laloy, considerado un dos representantes máis activos do renacemento do acordeón diatónico e do salientábel guitarrista Karim Baggili.

As voces tradicionais de Ialma fusiónanse con sons, melodías e arranxos modernos, dando cancións moi frescas e vivas, que mostran a súa propia historia e a de tantos emigrantes, e coas que percorren os mellores festivais de música folk, de raíz, de fusión e divulgación. Grandes artistas como Guadi Galego, Dulce Pontes, Mercedes Peón, Kepa Junquera, Xurxo Fernandes… apostaron pola súa marabillosa colaboración. 

Este domingo traerán a Outeiro de Rei o seu último proxecto Camiño, traballo que conta a historia da avoa dunha das integrantes do grupo e que está cheo de cancións emocionantes e moi alegres. 

Para asistir ao concerto é necesario reservar (billete 5 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.