OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Escritoras

Autora: Carmen G. de la Cueva

Ilustradora: Ana Jarén

Editorial: Lumen

Ano de publicación: 2023

Hoxe traio a este espazo unha das últimas novidades da editorial Lumen: Escritoras. Realmente, non sei ben como definir este libro –se é que iso é algo indispensábel á hora de falarmos sobre lecturas-. A obra narra, parcialmente, a vida dalgunhas destacadas escritoras (Carmen Baroja, María Lejárraga, María de Maeztu, Elena Fortún, Carmen Laforet ou Carmen Martín Gaite, entre outras) sen pretender a exhaustividade da biografía. Mais a narración ten algo especial que nos atrapa desde a primeira páxina. Percíbese nela unha amálgama de sensibilidade e tenrura, perfectamente artelladas a través de cada palabra e ilustración. E é que Escritoras pode abrirse coma unha caixa de costura que vai fiando o pasado e o presente das mulleres que buscaron e buscamos incesantemente un cuarto propio para escribir.

O fío que conecta todas estas vidas, incluída a da propia autora –nai e escritora-, é o da sororidade. Porque se algo queda patente despois da súa lectura é que a historia das creadoras vai ligada á da cooperación e o apoio mutuo entre compañeiras. Sorprendeume enormemente a información recompilada neste volume, que amosa extractos de correspondencia entre escritoras de diferentes tempos, como é o caso do contacto epistolar entre Elena Fortún e Carmen Laforet. Emocioneime moito ao lelo. Sentín que todas compartimos unha resistencia, á de escribir desde as marxes, rebelándonos contra tantos séculos de dogma e imposición.

En definitiva, un libro contra o silencio, un libro para enchernos de azos e alegría. Un libro que nos empurra a crer na nosa valía porque, tal e como sinala Carmen G. de la Cueva, cando unha muller escribe non pertence a ninguén máis que a ela mesma.