O Proxecto Lugares salienta o valor das comunidades locais e da hibridación de disciplinas para transformar o Camiño De Santiago

O Proxecto Lugares salienta o valor das comunidades locais, da experimentación e da hibridación de disciplinas á hora de transformar, dun xeito sostible, o Camiño de Santiago

A iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia e pola Fundación “La Caixa”, celebra este martes en Palas de Rei a primeira xornada dun espazo de debate e pensamento no que participan máis de vinte profesionais da arquitectura, da paisaxe, do deseño, da artesanía e da comunicación 

O seminario continuará mañá mércores 19 coa presentación dunha serie de boas prácticas á hora de deseñar e realizar novas intervencións no espazo público polo que transita o Camiño de Santiago

A alcaldesa de Larouco e a directora da Axencia Turismo de Galicia recibirán mañá pola tarde, nas covas de Seadur, ao grupo de expertas que traballará durante toda a semana na comarca de Valdeorras

O Castelo de Pambre acolle este martes 18 a apertura do  Proxecto Lugares, unha iniciativa innovadora impulsada pola Xunta de Galicia e pola Fundación “La Caixa” para transformar, dun xeito colaborativo e sostible, o espazo público do Camiño de Santiago. Ao longo de toda esta semana, e nun ámbito de actuación que abrangue os municipios de Palas de Rei e Larouco, máis dunha vintena de profesionais da arquitectura, da paisaxe, do deseño e da artesanía debatirán, pensarán e deseñarán, da man da comunidade local da Ulloa e de Valdeorras, posibles intervencións para implantar no territorio. 


A comisaria da iniciativa, Natalia Balseiro, salientou esta mañá o carácter innovador do proxecto, tanto pola mirada transdisciplinar do mesmo -que aúna nun mesmo proceso arquitectura, paisaxe, deseño, artesanía, comunicación e mediación- como da metodoloxía aplicada desde a súa concepción. “Un dos principais valores do proxecto reside no seu proceso ou desenvolvemento. A innovación desde a conversa, o pensamento, a investigación e práctica ou mesmo desde a publicación dos resultados deste traballo, coa intención, ademais, de que se poida replicar noutros lugares ou momentos”. Neste sentido, Balseiro destacou o carácter cultural de Proxecto Lugares e a súa implicación co territorio.  “Entendemos a cultura como unha ferramenta para xerar e afianzar os lazos entre as comunidades. E con Lugares queremos precisamente relacionar ás expertas coas axentes locais para implicalas na transformación do  territorio que habitan”, afirmou.  

O tenente de alcalde de Palas de Rei, Amador Sande, a responsable territorial da Fundación “La Caixa”, Susan Santos; e a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro, foron as responsables de dar a benvida ás e aos asistentes ao seminario. Ao longo da mañá sucedéronse as intervencións de expertas e expertos. Foi o caso do director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, quen defendeu a oportunidade que supón o Camiño de Santiago para o desenvolvemento das áreas rurais. Concretamente, Andrade defendeu “a alta calidade paisaxística” das zonas polas que decorre a ruta xacobea “grazas á actividade agrícola e gandeira” posta en marcha pola veciñanza que se dedica á gandeiría, e que definiu como “os xestores do territorio”. “Hoxe en día o 50% das explotacións agrarias están dirixidas por persoas dunha media de idade de máis de 60 anos. O reto para manter e preservar esta calidade paisaxística en Galicia é o relevo xeracional. O Camiño pode contribuír á sostibilidade social dos territorios e revalorizar o rural”, aseverou o experto. 

Pola súa banda, a bioenxeñeira e paisaxista Paola Sangalli apuntou á necesidade de pensar na beleza á hora de repensar e recuperar a paisaxe tanto en áreas rurais coma urbanas. Neste sentido, avogou por solucións sostibles e baseadas na natureza, “que son as que realmente nos permitirán facer frente aos desequilibrios ou desafíos como o da emerxencia climática”. Pola súa banda, a mediadora cultural Amparo Moroño avanzou, na súa ponencia, que a paisaxe é un espazo de pensamento, no que traballar coas e cos artistas, pero moi especialmente coas e cos habitantes do territorio, “quen realmente constrúe a propia paisaxe”. “O diálogo cultural, as prácticas artísticas colaborativas e o pensamento colectivo son partes fundamentais da metodoloxía dos procesos de mediación no territorio para favorecer a súa transformación”, dixo. 

A primeira xornada do Seminario do Proxecto Lugares conta con catro mesas redondas, que abordan diferentes intervencións arquitectónicas, paisaxísticas e artísticas contemporáneas no espazo público do Camiño de Santiago. Na primeira delas, titulada Achegamentos, referencias, técnicas e perspectivas desde as diferentes linguaxes da arquitectura, da artesanía, da paisaxe e do deseño, estivo moderada pola xornalista de El País e historiadora da arte Anatxu Zabalbeascoa e contou coa presenza e as experiencias achegadas pola paisaxista Paola Sangalli, a artesá Inés Rir, a arquitecta e mediadora Maé Durant e a deseñadora Uqui Permui. A beleza e a ética do sostible, a xeración de espazos que coiden das persoas ou a participación directa por parte da veciñanza nos proxectos de transformación no espazo público foron algunhas das liñas destacadas desta mesa.

Durante toda a xornada abordaranse cuestións como Achegamentos ao patrimonio desde a arquitectura, na que conversarán Ariadna Cantis (comunicadora e arquitecta), Carlos Pita (arquitecto), Pedro Calaza (director da Escola Galega de Paisaxe) e Paola Sangalli; ou Linguaxes, escalas, materiais. Un camiño cara á sostibilidade, con Ana Amado (arquitecta), Izaskun Chinchilla (arquitecta), Carlos Seoane (arquitecto) e Verónica Moar (artesá). Finalmente, Ariadna Cantis (comunicadora e arquitecta), Estelle Jullian (artista), María Fandiño (arquitecta) e Julia de la Cal (artesá) falarán arredor das intervencións situadas, a conexión co territorio e coas comunidades locais. 



Segunda xornada de seminario e inicio do taller en Seadur

Este mércores, 19 de abril, o Castelo de Pambre acollerá -en horario de mañá- a segunda xornada do seminario. Xa pola tarde, o grupo desprazarase até a comarca de Valdeorras, concretamente ao concello de Larouco, no que o xoves 20 dará comezo o taller do Proxecto Lugares nas covas de Seadur. Á súa chegada, contra ás 18.00 horas, as e os participantes serán recibidos pola alcaldesa do municipio, Patricia Lamela, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro.

AXENDA-E-PARTICIPANTES-18-e-19-de-abril

20230418-NP-Inicio-Seminario-Proxecto-Lugares-



Ferrol acolle a estrea absoluta de Inventio, un espectáculo galego de circo, danza e ilusionismo inspirado no Camiño de Santiago

Ferrol acolle a estrea absoluta de Inventio, un espectáculo galego de circo, danza e ilusionismo inspirado no Camiño de Santiago

  • O Teatro Jofre será a testemuña o venres 30 de setembro, ás 20.00 h, da estrea e do inicio da xira de Inventio, unha ambiciosa proposta na que participa un equipo creativo e artístico de máis de corenta persoas dirixido polo ilusionista Martín Varela
  •  Inventio é un espectáculo para público familiar cheo de comedia, maxia, danza e artes circenses concibido para divulgar o Camiño de Santiago e a cultura galega
  • Os billetes para a estrea absoluta e o resto das funcións que terán lugar en Ferrol ata o 2 de outubro están á venda en www.inventio.gal

Ferrol é a cidade elixida para a estrea absoluta de Inventio, o novo espectáculo de gran formato con ilusionismo, danza, artes circenses e música inspirado no Camiño de Santiago. Esta creación vaise presentar ao público por primeira vez no Teatro Jofre o vindeiro 30 de setembro, ás 20.00 horas. Inventiopermanecerá en Ferrol ata o 2 de outubro, onde brindará un total de cinco funcións antes de comezar a xira polo resto de Galicia e localidades seleccionadas de España e Portugal.

Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual, composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos… Todo isto e moito máis éInventio, un espectáculo para público familiar que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Unha experiencia sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca “unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir”. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventiorecupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses. Á fronte da dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José l. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario.

A estrea en Ferrol será o comezo dunha intensa xira que vai percorrer os principais escenarios galegos e mais outros espazos de España e Portugal. En total, Inventio recalará en doce puntos da xeografía ibérica ao longo dos meses de setembro do 2022 e xaneiro do 2023. Polo de agora están anunciadas as funcións de Santiago de Compostela (7-9 outubro), Salamanca (28-29 outubro), Lugo (4-5 novembro), Pontevedra (11-13 novembro), Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro), alén dos espectáculos en Ferrol. Toda a información actualizada sobre a xira está dispoñible no espazo web www.inventio.galInventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

20220913-NP-Estrea-Inventio-FERROL

Dossier_GAL