Día de Rosalía 2024 na Biblioteca Rural San Martiño de Pino [Galería de imaxes]

Este pasado venres 23 de febreiro celebrouse na Biblioteca Rural San Martiño de Pino o DÍA DE ROSALÍA 2024, ao tempo que se realizou a entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que vén convocando a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ.

O acto comezou co saúdo de Inés Lozano Carral, presidenta da Asociación Cultural de Pino.

A continuación, Martiño Maseda realizou a lectura do Manifesto da AELG polo Día de Rosalía, cuxa autoría nesta edición correspondeu ao escritor Carlos Callón.

Deseguido tivo lugar a entrega de premios ás autoras galardoadas no III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO:

Laura Sánchez Castro, gañadora do segundo premio pola obra Engrañaxes, non puido asistir ao acto, mais si achegou un vídeo onde, ademais de ofrecer a súa gratitude polo premio, contou brevemente o seu caligrama.

A que si estivo presente en Pino para recoller o galardón foi Patricia Torrado Queiruga, gañadora do primeiro premio pola obra súa Última noite en Caldaloba, quen tamén ofreceu unha breve explicación do seu caligrama, ao tempo que salientaba a súa gratitude porque Pino, e a Terra Chá, xa formaba para da súa memoria do corpo (emulando palabras do escritor de nacenza chairega, Xesús Rábade Paredes).

Rematada a cerimonia de entrega de premios, varias mulleres presentes participaron na actividade Enmarcando a Rosalía, na que realizaron a lectura de textos rosalianos e deixándoos adheridos nun cadro coa imaxe de Rosalía de Castro.

En varios momentos do evento contouse coa interpretación de pezas musicais a cargo de Avelino Roca acompañado polo grupo de música de nenas e nenos de Pino.

GALERÍA VIDEOGRÁFICA

*Autoría das imaxes: José Manuel Pena Regueiro e Martiño Maseda

Entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO e Actos conmemorativos do Día de Rosalía 2024

Coincidindo coa conmemoración do DÍA DE ROSALÍA 2024, o vindeiro venres 23 de febreiro, ás 19 h. na Biblioteca Rural San Martiño de Pino, celebrarase o acto de entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que convoca a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ.

No acto de entrega estarán presentes as persoas gañadoras da edición de 2023 do citado certame:

Patricia Torrado Queiruga, que acadou o primeiro premio pola obra Última noite en Caldaloba

Laura Sánchez Castro, gañadora do segundo premio coa obra Engrañaxes

Como xa apuntamos antes, esta entrega de premios enmarcarase dentro dos Actos conmemorativos do Día de Rosalía co seguinte programa:

  • Saúda da presidenta da Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino
  • Lectura do Manifesto polo Día de Rosalía, autoría de Carlos Callón, en representación da AELG
  • Presentación dos caligramas gañadores e entrega de premio ás persoas autoras dos mesmos
  • Lectura de textos por parte dos asistentes ao evento
  • Interpretación dunha peza musical sobre un texto rosaliano

Fallo do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO

O xurado do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que convoca a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ, e co apoio da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Cospeito, acordou o seguinte fallo:

1º Premio para a obra ÚLTIMA NOITE EN CALDALOBA, da cal resultou ser autora Patricia Torrado Queiruga, de Porto do Son.

2º Premio para a obra ENGRANAXES, cuxa autoría correspondeu a Laura Sánchez Castro, de Santiago de Compostela.

A entrega dos galardóns levarase a cabo no local da Biblioteca Rural San Martiño de Pino, nunha data que será anunciada proximamente.

Acto de doazón de exemplares da obra e da biblioteca de Darío Xohán Cabana na Biblioteca Rural de San Martiño de Pino [Galería fotográfica]

Na imaxe, familiares de Darío Xohán Cabana con representantes da Asociación Cultural de Pino

Na xornada vespertina do sábado 20 de maio, o local da Biblioteca Rural de San Martiño de Pino acolleu o acto de doazón de exemplares da obra e da biblioteca de Dario Xohán Cabana. Dito espazo cultural resultou escaso para a afectuosa acollida manifestada pola veciñanza de Pino e doutros lugares que se achegou para recibir unha parte do legado literario do escritor (da parroquia natalicia de Roás, en Cospeito) a esta biblioteca rural chairega. A súa viúva Amelia, a súa filla Alexandra e a súa neta Leonor foron receptoras da gratitude e o agarimo que lles ofreceron as persoas que alí se congregaron.

O acto, organizado pola Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ, fíxose amigable e emotivo xa na intervención inicial da presidenta da citada asociación, Inés Lozano Carral, quen, coas súas palabras, quixo ser voceira do recoñecemento colectivo experimentado ante a dimensión de tal doazón literaria. Despois interveu Ana Castro Pardo que, atendendo ó seu labor docente, realizou un esbozo da figura de Darío Xohán Cabana. A continuación, o escritor Martiño Maseda recitou unha carta-poema creada ex professo para tal celebración. Un momento especialmente emocionante aconteceu cando se proxectou un vídeo con imaxes do propio Darío, no que tamén apareceron outras persoas que quixeron homenaxealo lendo textos das súas obras Galván en Saor e As aventuras de Breogán Folgueira. ou dicindo, a través dunha frase encadeada, unha inesgoble expresión de GRAZAS. Deseguido tomou a palabra Alexandra Cabana Outeiro que, ademais de realizar unha sentida defensa dos libros como un alimento vital necesario, declarou o seu agradecemento polos instantes acontecidos durante o acto de doazón. Agradecemento ao que se sumou a súa nai Amelia Outeiro, quen tamén trasladou a satisfacción de ver como froitos literarios do seu compañeiro de vida, Darío Xohán Cabana, repousaban nos andeis da Biblioteca Rural de Pino para que os desfrutasen as persoas usuarias de devandita biblioteca.

O evento rematou coa interpretación do himno galego por parte de Avelino Roca (secundado polo coro de voces das demais persoas asistentes) co acompañamento musical ao acordeón de Suso Álvarez. Aínda que a súa conclusión definitiva prolongouse coa conversa entre os presentes aderezada coa degustación dun ágape.

Enlace á GALERÍA FOTOGRÁFICA

https://drive.google.com/drive/folders/15JBBNRI9_I3Lx0IAvmxtECUp7x7bUp77?usp=share_link

*Reportaxe fotográfica realizada por José Manuel Pena Regueiro

Conversa con… Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro na Biblioteca Rural San Martiño de Pino

O vindeiro 7 de xaneiro de 2023, a partir das 17 h., a Biblioteca Rural San Martiño de Pino (no local social, antiga escola de Pino) acollerá unha conversa literaria cos escritores Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro. Este encontro literario, que será moderado por Martiño Maseda, está organizado pola Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino e a Biblioteca Rural San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ, a Editorial Galaxia e a Librería Díaz.