Coincidindo coa conmemoración do DÍA DE ROSALÍA 2024, o vindeiro venres 23 de febreiro, ás 19 h. na Biblioteca Rural San Martiño de Pino, celebrarase o acto de entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que convoca a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ.
No acto de entrega estarán presentes as persoas gañadoras da edición de 2023 do citado certame:
Patricia Torrado Queiruga, que acadou o primeiro premio pola obra Última noite en Caldaloba
Laura Sánchez Castro, gañadora do segundo premio coa obra Engrañaxes
Como xa apuntamos antes, esta entrega de premios enmarcarase dentro dos Actos conmemorativos do Día de Rosalía co seguinte programa:
- Saúda da presidenta da Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino
- Lectura do Manifesto polo Día de Rosalía, autoría de Carlos Callón, en representación da AELG
- Presentación dos caligramas gañadores e entrega de premio ás persoas autoras dos mesmos
- Lectura de textos por parte dos asistentes ao evento
- Interpretación dunha peza musical sobre un texto rosaliano