por Beatriz Dourado | Sep 30, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Un elefante na sala de estar
Autor: Berta Dávila
Editorial: XERAIS
Ano de publicación: 2022
Repito autora. Desta vez cunha obra que forma parte do catálogo Fóra de xogo, de Xerais, e que acadou o XIII Premio Jules Verne. Con todo, coido que pode ser de interese, tamén, para o público adulto –se é que existe fronteira algunha entre estes dous territorios-.
A trama xira ao redor do suicidio. Déixase claro desde o inicio e evítase, en calquera momento, camuflar ou subordinar este tema a outros. Un punto elemental da obra é o rigor desde o que se narra este feito e se abordan cuestións relacionadas coa saúde mental. A autora, desde o meu punto de vista, sae ben parada deste reto.
Outro dos acertos sitúase na maneira en que se constrúe unha protagonista ausente. Imos sabendo dela a través da mirada poliédrica do resto de personaxes, que dan contan do universo de Rosa.
Un elefante na sala de estar non é tan só un libro que fale de temas que estamos a recuperar no espazo público. Non. É moito máis. É memoria, reparación e afecto, entre outras moitas cousas.
Gustoume, especialmente, o peche da obra coa parábola hindú, que a seguir vos deixo:
“Catro sabios cegos querían saber como era verdadeiramente un elefante e pedíronlle ao rei que lles deixase tocar un.
Un tocou a cola do elefante e dixo: un elefante é coma unha corda.
Outro tocou o bandullo e dixo: un elefante é coma un tambor.
Outro tocou a orella e dixo: un elefante é coma un abano.
O último tocou unha das patas e dixo: un elefante é coma o tronco dunha árbore.
Como non se poñían de acordo preguntáronlle ao rei quen deles os catro dicía a verdade e o rei contestou así: o que cada un de vós dixo é unha cousa certa, pero todos estades equivocados. Un elefante é a suma de todo iso e, se ademais de vós houbese aquí catro sabios máis, outras catro cousas máis sería”.
por Beatriz Dourado | Abr 30, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Os seres queridos
Autora: Berta Dávila
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2022
Acabei de ler Carrusel de Berta Dávila pouco antes do comezo da pandemia, desexando mergullarme en máis libros da autora. No transcurso destes anos raros, por un motivo ou por outro, ou quizais porque a vida, tristemente, non chega para tantas lecturas, detiven ese anhelo. Até hai unha semana. E compenseino, ou iso quixen crer, mercando a un tempo Os seres queridos e Un elefante na sala de estar. Hoxe quero centrarme no primeiro.
Nuns días seguramente recibirei, coma boa parte das mulleres que temos fillxs, algunha mensaxe edulcorada felicitándome por ser nai, igual que me poderían felicitar por ter os ollos castaños ou por durmir boca abaixo. Nalgúns casos, gardarei silencio, noutros, intentando non resultar moi arisca, direi que non teño nada que celebrar. Sentireime, novamente, unha rara avis. Ou, quizais desta volta, non tanto, xa que o pouso deste libro acompaña, dalgunha maneira, ás disidentes.
Gústame que as novelas teñan a ousadía de abrir fiestras sobre tabiques moi ben cimentados, que amosen as fendas por onde se filtra a luz. Os seres queridos faino. E faino sen grandes sobresaltos, sen exceso de épica, sen pretender unha gran trama, mais reclamando o dereito a contar desde o outro lado, nomeando o que se oculta, a través da voz da súa protagonista. A crianza, a separación, a vida en parella, o aborto, os vínculos familiares ou as amizades son algúns dos elementos sobre os que se constrúe un relato verosímil, valente e cargado de afectos.
“Nunca experimentei o amor maternal porque non quero o meu fillo polo feito de ser súa nai, senón por quen é el; porque non me pertence, pertence ao mundo; porque non o instrúo nin o dirixo, apenas o acompaño, como el me acompaña a min. Levoume moito tempo descubrir que o vínculo entre o neno e eu non era necesariamente un imán ou unha maxia, aínda que pareza ser así para outras nais e, en concreto, para a maioría das nais da ficción. A descuberta foi reveladora: se o vínculo non era hipnótico e instantáneo, daquela podía, igual que fixera con calquera das outras persoas que amaba, construír o amor maternal, coma quen constrúe un tecido de punto e lle dá forma á súa primeira bufanda”.
A faixa branca do libro pon en letras maiúsculas XXXVIII PREMIO XERAIS DE NOVELA. Unha vez que a quitas a elegancia do espido supera calquera recoñecemento máis que merecido.