A LÚA VAI ENCUBERTA, texto teatral de Manuel María, que representan A Quinta do Cuadrante e Incediaria nunha xira por Galicia

A lúa vai encuberta, texto dramático escrito por Manuel María, levado ao cenario por A Quinta do Cuadrante e Incediaria, representarase este sábado 2 de outubro, ás 20 h, en VILALBA. Este proxecto teatral foi o gañador do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais que convoca a Casa-Museo Manuel María e o pasado 10 de setembro estreouse en Ourense, comezando, así, a xira por todo o país (achegamos cartaz coas datas de representación neste último trimestre 2021).

Para asistirdes á representación en Vilaba podedes retirar as localidades (son numeradas) na Casa da Cultura de Vilalba ou a través do portal https://entradasvilalba.es

En 1977 celébranse as primeiras Eleccións Xerais despois da ditadura franquista.

Ese mesmo ano, o grupo teatral da Asociación Cultural Auriense trata de continuar cos ensaios de A lúa vai encuberta de Manuel María pero, no medio do proceso, o colectivo desfaise definitivamente e o tempo queda en suspenso até que, corenta e catro anos despois, dúas novas compañías se unen para retomar o traballo no punto en que o deixaron co obxectivo de levar a escena a obra e descubrir as razóns da disolución.

Na procura dunha verdade oculta, a mestura de tempos e a combinación de realidade e ficción permitirá identificar o descoñecemento programado da nosa historia máis recente e a súa consecuente falta de conciencia de identidade nacional galega.

A lúa vai encuberta é unha peza arredor da realidade galega e da loita incesante por conformar unha identidade propia, confrontándonos co noso pasado recente e as súas contradicións, desvelando un discurso que hoxe en día está sendo, senón ocultado, moitas veces silenciado e que explica, en certa maneira, as razóns de por que hoxe en día o noso país ten os trazos políticos, sociais e económicos que o caracterizan.

Como di Edward Hallet na cita do inicio, o estudo do pasado é a única maneira de poder entender o noso presente, así como só podemos entender o pasado coa luz que nos achega a nosa análise do presente. Tamén neste sentido, Marc Bloch, un dos historiadores máis importantes do século XX, sostén que “toda historia é historia contemporánea”. Así é como Incendiaria e A Quinta do Cuadrante levamos a escena o texto de Manuel María, como unha fonte esencial para, a través dela, entender as diferentes forzas sociais e políticas que nos conformaron como país, e polo tanto, como persoas que o habitamos.

Achegamos con esta mensaxe o trailer do espectáculo https://vimeo.com/615012780 

e un artigo de Manuel Xestoso sobre o mesmo https://www.nosdiario.gal/articulo/escena/o-silencio/20210922184836129129.html

Representación da obra “Arsénico por caridade. Resurrección” no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, programa para o sábado 8 de febreiro de 2020, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba a representación da obra “Arsénico por caridade-Resurrección”, a cargo da Escola Municipal de Teatro.

Velaquí cartaz e nota informativa de dita representación teatral.

IESCHA.- Proxección do filme O QUE ARDE no Auditorio Municipal de Vilalba

Tamén o mes de novembro, concretamente o venres 15 de novembro ás 21:00 h., o IESCHA organiza, en colaboración co Concello de Vilalba, a proxección do galardoado filme de Oliver Laxe, O QUE ARDE. Será no Auditorio Municipal de Vilalba e coa entrada de balde.

Nos seguintes enlaces van o cartaz e a nota informativa de tal evento cultural.

*Información achegada desde o IESCHA.