O espectáculo familiar de gran formato INVENTIO chega a Lugo o vindeiro 5 de novembro

O espectáculo familiar de gran formato Inventio chega a Lugo o vindeiro 5 de novembro

  • Esta proposta escénica galega de circo, danza e ilusionismo inspirada no Camiño de Santiago brindará dúas funcións no Auditorio Gustavo Freire ás 17.30 h e ás 20 h do sábado
  • Comedia, maxia, danza e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos que estará de xira ata mediados de xaneiro do 2023 por España e Portugal
  • Os billetes para as funcións están á venda na plataforma web entradas.ataquilla.com

O espectáculo Inventio chegará a vindeira semana a Lugo logo do seu paso por Ferrol, Santiago e mais Salamanca. Esta proposta de gran formato concibida para público familiar brindará dúas funcións o sábado 5 de novembro, ás 17.30 h e ás 20 h, no Auditorio Gustavo Freire. Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de 24 meses non pagan sempre que non ocupen butaca.

Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e seis artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Logo do seu paso por Lugo, a xira de Inventio proseguirá por Pontevedra (11-13 novembro), Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

20221025-Xira-Inventio-LUGO

Representación da ópera folk ‘María Soliña’ no Auditorio Gustavo Freire de Lugo

O espectáculo escenificarase mañá, sábado 4, no Auditorio Gustavo Freire

·       O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu a un dos ensaios da peza de Nacho Mañá

·       Esta ópera mestura a música clásica coa música folk e nela participan, entre outros, Anxo Lorenzo e Anxo Pintos

Xa está todo listo para a ópera María Soliña que se vai representar no Auditorio Gustavo Freire de Lugo mañá sábado 4. O espectáculo é autoría do compositor Nacho Mañá e mestura a música clásica coa música folk dun xeito pioneiro que ten como resultado a primeira ópera folk galega. A representación de María Soliña na cidade lucense é posible grazas á colaboración do Concello de Lugo e mais da Xunta de Galicia no marco da convocatoria extraordinaria de subvencións para espectáculos musicais como parte da programación do Xacobeo 21-22.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiu a un dos últimos ensaios da ópera folk galega María Soliña, antes da súa escenificación. As entradas pódense adquirir na web Enterticket a un prezo de 15 euros máis gastos de xestión. Na billeteira terán un custo de 18 euros.

Unha Soliña revisada

A obra narra a historia de María Soliña, unha canguesa de 70 anos que no século XVII foi acusada de bruxería polo Tribunal da Inquisición de Santiago e foi despoxada de todos os seus bens por parte dos poderes eclesiásticos. Nacho Mañá baseouse na peza teatral “A defensa da vila” de Xosé Manuel Pazos, exalcalde de Cangas e tamén dramaturgo, pero reinterpretouna desde unha perspectiva máis moderna, facendo fincapé nos valores de loita e poder feminino que Soliña encarnou ao longo da súa vida.

A soprano Patricia Rodríguez será a responsable de dar vida a María Soliña mentres que o tenor Diego Neira interpretará o papel do seu home, Pedro Barba. O contratenor Christian Gil-Borrelli será Sabela,a personaxe antagonista da historia, e o resto do elenco completarase co baixo Beltrán Iraburu no rol do inquisidor, co actor Lois Soaxe como o narrador cego e coas Arreneghadas no coro.

A designación de ‘opera folc’ para este espectáculo non é unha cuestión gratuíta. A mestura da música clásica e mais o folk galego queda patente no uso de instrumentos a cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430 e nas contribucións do gaiteiro Anxo Lorenzo e do mestre de zanfona Anxo Pintos. A dirección musical de María Soliña é reponsabilidade de Roc Fargas e a dirección escénica leva o selo de Sigfrid Monleón.

Velaquí a nota informativa.

http://culturaliagz.com/wp-content/uploads/2021/12/soprano_Patricia_Rguez-opera_Maria_Solina.mp3

http://culturaliagz.com/wp-content/uploads/2021/12/director_musical-Roc_Fargas-Maria-Solina.mp3

http://culturaliagz.com/wp-content/uploads/2021/12/Jacobo_Sutil_Agadic.mp3