Inauguración da Exposición colectiva a favor de A CREBA

Este venres 13 de decembro, ás 20 horas na Casa da Cultura de Outes, inaugurouse a Exposición colectiva a favor da Asociación A`CREBA.

Trátase dunha exposición comisariada por Cristina Carballedo a través de SUMARTE. Proxecto expositivo, e na que participan case unha trintena de artistas (Antonio Abad, Óscar Aldonza, Isabel Blanco, Abel Barandela, Carlos Barcón, Xavier Blanco, Tino Canicoba, Xavier Carrasco, Nacho Carnota, Corin Cervera, Luis de la Cuevas, Jorge ESpiral, Pedro Gª Losada, Lomartí, Miguel Anxo Macía, Emilio Mariño, Adolfina Mesa, Novais, Adrián Pandolfo, Manolo Rivera, Peña Romay, Noa Persán, Antón Sobral, Antonio Souto, Veiras Manteiga, Laureano Vidal, Mila Vázquez e Xoán Vila). E cuxa finalidade será recadar beneficios a favor de A CREBA, unha asociación para a saúde mental, concretamente, o 40% do diñeiro que se reúna durante a mostra expositiva.

Os artistas participantes amosarán e venderán as súas obras desde o 13 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2020 na citada Casa da Cultura de Outes.

Velaquí unha pequena galería de imaxes, xentileza de A CREBA e SUMARTE, que reflicten momentos da inauguración.

*Información e imaxes recollidas da Asociación A CREBA e de SUMARTE. Proxecto expositivo.

Galería fotográfica da Exposición PENÉLOPES, de Adolfina Mesa, inaugurada no Castelo de Pambre

O pasado sábado 3 de agosto o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) organizou a inauguración da Exposición pictórica PENÉLOPES, da artista multidisciplinar Adolfina Mesa. En dita inauguración, ademais de participar a mencionada autora da exposición, tamén tomou a palabra o comisario da mesma, Braulio Vilariño, e o presidente do IEU, Francisco Pardo Teijeiro.

Ao rematar o acto de presentación, as persoas asistentes puideron desgustar un ágape con produtos da zona.

PENÉLOPES poderá visitarse e admirarse na sala de exposcións do Castelo de Pambre (Palas de Rei) desde o 3 de agosto ata o 27 de setembro de 2019.

Velaí unha galería fotográfica na que se recollen distintos momentos do acto inaugural expositivo.

*Reportaxe fotográfica a cargo de Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ.

Exposición PENÉLOPES, de Adolfina Mesa, no Castelo de Pambre, organizada polo Instituto de Estudos Ulloáns

O sábado 3 de agosto ás 12:00 h. inaugurarase na sala 2 do Castelo de Pambre a exposición “Penélopes” da pintora e poeta Adolfina Mesa. Dita exposición está organizada polo Instituto de Estudos Ulloáns (IEU). Presentarán o acto Braulio Vilariño, comisario da exposición, e Francisco Pardo Teijeiro, presidente do IEU, ademais de contar de coa presenza da propia autora da exposición, Adolfina Mesa.

Velaquí un acceso onde se pode consultar o curriculum e as obras de Adolfina Mesa http://ieu.gal/exposicions/

A exposición PENÉLOPES permanecerá aberta ao público desde o 3 de agosto ata o 27 de setembro de 2019.

*Información achegada polo Instituto de Estudos Ulloáns

Exposición ANTAGONÍA, de Adolfina Mesa, na Biblioteca Pública de Lugo

O luns, 10 de xuño, ás 19:00 horas na Biblioteca Pública de Lugo inaugurarase a Exposición ANTAGONÍA, da artista Adolfina Mesa. Nese acto de inauguración contarase coa presenza de:

María Elena García Pazos, Directora da Biblioteca Pública de Lugo

María José Gómez, Xefa Territorial de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en Lugo

José Manuel Balseiro, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo

Adolfina Mesa, autora da Exposición

Estamos ante unha Exposición composta, aproximadamente, por unha trintena de obras, e que permanecerá a disposición do público que desexe visitala durante un mes, do 10 de xuño ao 10 de xullo de 2019, no espazo expositivo da mencionada biblioteca lucense.

De ANTAGONÍA fala a súa creadora do seguinte xeito:

A Exposición Antagonía tematicamente está centrada na súa maior parte no marco do feminino e dentro do estilo do expresionismo, onde a artista trata de sacudir as emocións e a conciencia do espectador a través da súa obra, transformando esteticamente a apariencia humana e dos elementos protagónicos que conforman cada obra a través das súas cores e trazos desgarrados, con matices liricamente reflexivos onde procura a delicadeza poética ata unha dureza incuestionable como punto de reivindicación, reflexión e protesta.
Dentro do feminismo procura ter sempre presente a imaxe da muller na súa obra como símbolo de loita firme e incansable pola liberdade, igualdade de dereitos e visibilidade dentro da arte e todos os ámbitos sociais onde está presente a muller, así como intentar acabar coa lacra do machismo e a violencia de xénero.
Adolfina Mesa amosa a súa mirada antagónica á realidade ainda existente no presente, procurando a posibilidade dunha sociedade e un mundo onde todos sexamos iguais en condicións e dereitos, onde a muller deixe de ter o papel de submisa, oprimida, invisibilizada, infravalorada en todos os ámbitos, maltratada, castrada, violada ou morta.

Velaquí dúas imaxes que recollen o catálogo da Exposición ANTAGONÍA

Colaboran: Xunta de Galicia, Xacobeo 2021

Difunde Culturalia GZ