Fallo do VII Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA


Fran Fernández Dávila e Amauta Castro foron os autores galardoados na presente edición deste certame poético


No mediodía deste pasado venres, 15 de novembro de 2024, fallouse o VII Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ e a Xunta de Galicia.

O xurado, integrado por Adolfina Mesa, Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Cecilia F. Santomé e Xosé Otero Canto, decidiu por maioría de votos emitir o seguinte fallo:

Primeiro premio á obra ALBATROS, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, correspondía a Francisco Javier Fernández Dávila (Fran Fernández Dávila).

Segundo premio á obra A VASTEZA DO NÓ, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, pertencía a Rafael Xoán Muñoz Castro (Amauta Castro).

De ALBATROS o xurado dixo que amosa unha voz poética fresca cuns versos que retumban, que achegan a poesía a outras dimensións. Un poemario de vangarda, talvez unha bomba poética cuxos elementos van irradiar a outros eidos literarios ou non.

De A VASTEZA DO NÓ,  o xurado destaca a composición de estrofas breves que poden lembrar á vertente poética grecolatina. Tamén destaca a creación de sinestesias de alto rendemento poético. A composición dun escenario do desexo, coa descuberta do corpo a través dunha linguaxe de gran acerto literario.

A entrega de premios celebrarase o vindeiro sábado 23 de novembro no local social de Pino.

Publicación da obra dixital 25 N VOCES CONTRA O MACHISMO en Culturalia GZ

Como a realidade é terriblemente teimosa en impedir que deixemos de conmemorar a data do 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde Culturalia GZ tamén teimaremos en enfrontar esta continxencia negativa a nivel social, que ten como vítima principal á muller, coa palabra loitadora que representantes do eido literario, artístico ou educativo achegan para armar unha publicación diversa e comprometida como a que conforma esta pequena obra dixital.

25 N Voces contra o machismo xunta nun único berro a vontade e o compromiso de nove autoras que desde a súa perspectiva singular buscan afianzar a forza colectiva necesaria para rematar de maneira definitiva contra a lacra secular do machismo. A arte, a través da imaxe ou da palabra, de Andrea Fernández Maneiro, Lourdes Maceiras, Mariña Maceiras Segovia, Adolfina Mesa, Carlota Millor, Silvia Pardo Galdo, Clara Pino, Silvia Tasende e Patricia Torrado Queiruga.

GRAZAS!

25-N-VOCES-CONTRA-O-MACHISMO

Enlace á obra 25 N VOCES CONTRA O MACHISMO

Presentación do libro “IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria” na Casa da Cultura de Vilaba [Galería fotográfica]

Onte o salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba acolleu, con notable afluencia de público, a presentación do libro IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria, editada por Alvarellos Editora, coa colaboración do Concello de Vilalba. Esta obra nace a partir do «Proxecto Irmás», impulsado por Culturalia GZ e baixo a coordinación de Beatriz Dourado.

En IRMÁS oito autoras actuais renden homenaxe a outras tantas mulleres silenciadas da época das Irmandades da Fala (1916-1936).

As autoras participantes no libro son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés.

As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.

No acto deste sábado, presidido pola alcaldesa de Vilaba, Elba Veleiro, tomaron a palabra, ademais da propia alcaldesa, Beatriz Dourado, en calidade de coautora e coordinadora da obra; Martiño Maseda, representando a Culturalia GZ, entidade promotora desta iniciativa; Henrique Alvarellos, como editor da obra; e seis das oito coautoras participantes: Cecilia Fernández Santomé, Rochi Nóvoa Vázquez, Beatriz Dourado, Eilún del Pazo Moa, Lupe Bao e Patricia Torrado Queiruga. Nas súas respectivas intervencións, todas amosaron a súa congratulación por formar parte desta obra que tece irmandade reivindicativa e literaria, ademais de manifestaren o desexo plausible de que teña continuidade no tempo.

Lembrar que a capa do libro é autoría de Adolfina Mesa.

Velaquí unha galería fotográfica que recolle distintos momentos durante a presentación de onte:

*A imaxes foron facilitadas polo propio Concello de Vilalba.

Presentación da obra “IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria”, de varias autoras, na Casa da Cultura de Vilalba

Este sábado presentarase en Vilalba, ás 12 h. na Casa da Cultura, o libro IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria. Nesta obra, editada por Alvarellos Editora, coa axuda económica do Concello de Vilalba, oito autoras actuais renden homenaxe ás mulleres silenciadas das Irmandades da Fala (1916-1936).

As autoras participantes son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés.

As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.

Esta obra nace a partir do «Proxecto Irmás», impulsado por Culturalia GZ e coordinado por Beatriz Dourado. A capa é obra de Adolfina Mesa.

NP_G_Irmas_alvarellos-ed_2023