por martinho | Ene 6, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Fillas de Cassandra presenta Últimas Dionisíacas, o seu novo directo, “un convite ao festexo colectivo e catártico” que verá a luz o 16 de febreiro en Vigo
A presentación do novo show de María SOA e Sara Faro, no que estarán acompañadas doutras dúas músicas, terá lugar o venres 16 de febreiro ás 22.00h no Auditorio Mar de Vigo e as entradas xa están á venda en www.teuticket.com
Nestas Últimas Dionisíacas, Fillas de Cassandra revisitará os temas máis recoñecidos de Acrópole, o seu álbum debut, desde unha electrónica máis escura e potente, mais tamén dará a coñecer temas inéditos que formarán parte do seu próximo LP
Logo de derrubar a Acrópole e subir aos altares das grandes salas de concertos e festivais do país coas súas letras directas e a forte conexión co público, Fillas de Cassandra bota unha última ollada á polis. Este 2024 o dúo regresa cun novo directo, Últimas Dionisíacas, unha proposta na que demostrará que a mestura entre o tradicional, o pop e o techno ten un efecto catártico. A presentación terá lugar o venres 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo e as entradas están á venda desde esta mesma mañá a través da plataforma www.teuticket.com
Fillas de Cassandra, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro, subirase de novo aos escenarios o vindeiro mes de febreiro cunha nova proposta escénica e musical, na que fará unha nova lectura dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público.
“Últimas Dionisíacas é un espectáculo que aposta polo inédito, que existe só no aquí e agora do directo, sen chegar a reproducirse nunca. Cantos efímeros, revisitacións da Acrópole e parte do que ha de ser o noso próximo traballo discográfico convive nunha única escena atravesada pola luz, a escenografía e moito do in-desvelable”, explica o dúo.
Así, neste novo directo, concibido por Sara Faro e María SOA como un “festexo colectivo e catártico, que só pode acontecer na convivencia entre o público e o palco”, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante. Ademais, entre as novidades da proposta, o dúo estará acompañado doutras dúas músicas (Tania Caamaño e Marina Vidal), apostando así pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.
A presentación de Últimas Dionisíacas, a nova proposta musical e escénica de Fillas de Cassandra, terá lugar o venres 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo. A apertura de portas será ás 21.30 horas e o concerto comezará ás 22.00 horas. As entradas pódense adquirir desde esta mesma mañá, desde 18 euros, a través de www.teuticket.com
20240104-NP-Fillas-de-Cassandra-presenta-Ultimas-Dionisiacas
por martinho | Jul 13, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O tema, o primeiro que o dúo lanza após a publicación do seu álbum Acrópole, está producido por MaríaSOA e os djs Galician Army
A relación entre o presente e o pasado atópase tanto a nivel textual coma no corpus formal da canción, na que se mestura música tradicional, electrónica e pop contemporáneo
Fillas de Cassandra, un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente, vén de publicar nas principais plataformas dixitais o seu novo sinxelo: Tataravoa. No tema, producido por MaríaSOA e os djs Galician Army (Sergio Vallejo e Alberto Prado), as creadoras renden tributo ás devanceiras e ás formas que elas atoparon á hora de poder rebelarse contra o establecido. A peza, cun retrouso pegadizo no que entoan a “tatara tatara tatara tatara avoa” a ritmo de muiñeira, xa se pode escoitar nos directos que Fillas de Cassandra está a ofrecer este verán no marco da xira de presentación do seu primeiro álbum, Acrópole.
Tataravoa, composta e escrita por Fillas de Cassandra, nace da intención poñer en valor o papel e a importancia das avoas e das antepasadas nas nosas vidas, “desas pequenas loitas e conquistas que acadaron, que quedaron e que chegaron a día de hoxe”, segundo afirman as artistas. Precisamente, as voces das avoas de María Pérez e Sara Faro pechan un tema no que a relación entre pasado e presente é explícita. Atópase tanto a nivel textual, cando cantan “se nos visen no palco / coa forza dun vendavale / non sei ben se chorarían / ou ben subirían con nós a cantare”, así coma no corpus formal da canción, que aúna elementos chave da música tradicional co piano, a música electrónica ou o pop contemporáneo.
Tataravoa é o primeiro tema que Fillas de Cassandra lanza, precisamente, logo da publicación de Acrópole o pasado mes de febreiro. A estrea en directo do mesmo, con voz e pandeireta, foi no marco do ciclo coruñés Vangal, no ateigado patio da Fundación Luis Seoane. Nese momento, o dúo Galician Army -que publicou recentemente o seu primeiro álbum, Nós- interésase nunha colaboración para a produción do mesmo e, dous meses despois, ambas formacións interpretan ao vivo o sinxelo durante unha actuación no Arde Lucus. A pasada semana a súa actuación conxunta tamén foi moi celebrada no Atlantic Pride coruñés.
SOBRE FILLAS DE CASSANDRA
María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro son Fillas de Cassandra, creadoras e protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron xa nos seus directos ao longo de 2022. O dúo toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.
O pasado mes de febreiro publicaron nas principais plataformas dixitais Acrópole, un álbum conceptual no que Fillas de Cassanda viaxa polos textos clásicos para poñer en relación ás personaxes da mitoloxía grega co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea a través da música. O traballo, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, fía a súa narración a través de oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou mesmo Lisístrata.
20230712-NP-Tataravoa-novo-sinxelo-de-Fillas-de-Cassandra
por martinho | Mar 2, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
As entradas para o evento, que dará comezo ás 21.00h e no que tamén se presentará a nova cooperativa cultural Nave de Lata, formada por Luneda Producións e Tremendo Audiovisual, están á venda a través da web www.salacapitol.com
No seu directo, Fillas de Cassandra contará coas colaboracións especiais de Berto, Mondra e algunha outra sorpresa
‘Acrópole’ é o primeiro LP do dúo conformado por MaríaSOA e Sara Faro, producido por Berto, no que as artistas recuperan as heroínas dos textos clásicos gregos para achegar unha visión feminista e contemporánea da súa contorna
Fillas de Cassandra, un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente, presenta en directo, este sábado, 4 de marzo, a partir das 21.00h, o seu novo traballo discográfico, ‘Acrópole’, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. No seu directo, no que o dúo contará coas colaboracións especiais de Berto, Mondra e algunha outra sorpresa, Fillas de Cassandra trasladará o relato do álbum ao escenarios. O concerto terá unha fonda carga teatral, no que presentarán unha proposta moi narrativa, ao igual que o seu disco. “Queremos que a Capitol se transforme nunha acrópole”, afirma o dúo.
Desde ese mesmo día, ademais, o novo disco poderase adquirir fisicamente tanto na propia sala coma en tendas especializadas. As entradas para a cita, na que tamén se dará a coñecer a nova cooperativa cultural Nave de Lata, conformada polas promotoras Luneda Producións e Tremendo Audiovisual, están á venda a través de www.salacapitol.com.
SOBRE FILLAS DE CASSANDRA
María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro son Fillas de Cassandra, creadoras e protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron xa nos seus directos ao longo de 2022. O dúo toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.
SOBRE ‘ACRÓPOLE’
‘Acrópole’ é un álbum conceptual no que Fillas de Cassanda viaxa polos textos clásicos para poñer en relación ás personaxes da mitoloxía grega co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea a través da música. O traballo, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, fía a súa narración a través de oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou mesmo Lisístrata. O álbum está dispoñible desde o pasado 24 de febreiro nas principais plataformas dixitais.
por martinho | Feb 10, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O dúo conformado por María Soa e Sara Faro recupera as heroínas dos textos clásicos gregos para achegar unha visión feminista e contemporánea da súa contorna nun LP producido por Berto
A presentación en directo de ‘Acrópole’ terá lugar o 4 de marzo na Sala Capitol e as entradas sairán á venda a través da páxina web do recinto compostelán
Fillas de Cassandra, que bebe da tradición e das músicas contemporáneas, é un dos proxectos máis prometedores do panorama musical galego emerxente
O primeiro álbum de estudio de Fillas de Cassandra publicarase este mes de febreiro. ‘Acrópole’, que así se chama o LP, verá a luz nas distintas plataformas dixitais o vindeiro venres 24. O debut discográfico do dúo conformado polas viguesas María Soa e Sara Faro, que toma como inspiración fundamental o nome das heroínas da mitoloxía e dos textos clásicos gregos, chega da man de Tremendo Audiovisual e coa produción de Berto. Neste traballo, Fillas de Cassandra viaxa pola historia para poñer en relación as personaxes co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea.
Fillas de Cassandra é un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente. As voces e as líricas de María Soa e Sara Faro son protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron nos seus directos ao longo de 2022 e nos tres primeiros cortes que xa se coñecen de ‘Acrópole’: ‘Antígona’, ‘Moiras’ e ‘Lisístrata’. Todos eles publicáronse acompañados de videoclips autoproducidos e dirixidos por elas mesmas apoiadas por Santi Iglesias na cámara.
A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que Fillas de Cassandra tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da clásica ou o pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas. O resultado deste último ano de traballo poderase escoitar nas plataformas dixitais desde o 24 de febreiro, mais o primeiro directo de presentación de ‘Acrópole’ terá lugar o 4 de marzo na Sala Capitol. As entradas para o evento en Santiago, no que tamén se presentará a nova cooperativa cultural Nave de Lata, conformada polas promotoras Luneda Producións e Tremendo Audiovisual, estarán dispoñibles nos vindeiros días a través do espazo web www.salacapitol.com.
20230209-NP-Fillas-de-Casssandra-publicara-Acropole-o-24-de-febreiro