O dúo conformado por María Soa e Sara Faro recupera as heroínas dos textos clásicos gregos para achegar unha visión feminista e contemporánea da súa contorna nun LP producido por Berto

A presentación en directo de ‘Acrópole’ terá lugar o 4 de marzo na Sala Capitol e as entradas sairán á venda a través da páxina web do recinto compostelán

Fillas de Cassandra, que bebe da tradición e das músicas contemporáneas, é un dos proxectos máis prometedores do panorama musical galego emerxente

O primeiro álbum de estudio de Fillas de Cassandra publicarase este mes de febreiro. ‘Acrópole’, que así se chama o LP, verá a luz nas distintas plataformas dixitais o vindeiro venres 24. O debut discográfico do dúo conformado polas viguesas María Soa e Sara Faro, que toma como inspiración fundamental o nome das heroínas da mitoloxía e dos textos clásicos gregos, chega da man de Tremendo Audiovisual e coa produción de Berto. Neste traballo, Fillas de Cassandra viaxa pola historia para poñer en relación as personaxes co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea. 

Fillas de Cassandra é un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente. As voces e as líricas de María Soa e Sara Faro son protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron nos seus directos ao longo de 2022 e nos tres primeiros cortes que xa se coñecen de ‘Acrópole’: ‘Antígona’, ‘Moiras’ e ‘Lisístrata’. Todos eles publicáronse acompañados de videoclips autoproducidos e dirixidos por elas mesmas apoiadas por Santi Iglesias na cámara. 

A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que Fillas de Cassandra tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da clásica ou o pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas. O resultado deste último ano de traballo poderase escoitar nas plataformas dixitais desde o 24 de febreiro, mais o primeiro directo de presentación de ‘Acrópole’ terá lugar o 4 de marzo na Sala Capitol. As entradas para o evento en Santiago, no que tamén se presentará a nova cooperativa cultural Nave de Lata, conformada polas promotoras Luneda Producións e Tremendo Audiovisual, estarán dispoñibles nos vindeiros días a través do espazo web www.salacapitol.com.

20230209-NP-Fillas-de-Casssandra-publicara-Acropole-o-24-de-febreiro