Sábado de contos en Santiago co Festival Atlántica
· Ás 10.30 horas, Charo Pita levará ‘Menú de contos’ ao Centro Sociocultural de Vite, unha función para cativos
· A partir das 18 horas, Noelia Carioca estará no Centro Sociocultural de Santa Marta cun espectáculo para nenos titulado ‘Contos e papaventos’
· O público adulto ten unha cita con Rubén Martínez e ‘Dous ventos’ a partir das 21 horas no Centro Xove da Almáciga
O Festival Atlántica comezará a xornada do sábado cunha sesión de Charo Pita no Centro Sociocultural de Vite para cativos con idades entre os 3 e 8 anos. A función, prevista para as 10.30 horas, levará por título ‘Menú de contos’ e para asistir cómpre reservar previamente a entrada no teléfono 981 542 490.
Neste espectáculo haberá historias con princesas, sapos, bruxos, bonecos, trens, fabas, reis, lúas ou camelos. Contos tan variados coma un menú de restaurante: historias salgadas á maneira das patacas fritas, outras tristeiras coma os botes de espárragos e mesmo tenras coma os toriños de pescada. Dependerá do menú do día. De como veña a contadora. De como sexa a fame dos que escoitan. Pero todas dun xeito ou doutro axudan a medrar porque teñen vitamina I de imaxinativas.
Xa pola tarde, ás 18 horas, Noelia Carioca estará co seu espectáculo ‘Contos e papaventos’ no Centro Sociocultural de Santa Marta. Esta narradora salmantina, co apoio de bonecos, obxectos e instrumentos musicais, vai ser quen de lles dar vida ás historias que brindará ao público para facelo voar alto coma os papaventos. Un espectáculo cheo de animais, poesía e ritmo para rir, soñar e gozar pensado para nenos de entre 3 e 8 anos. Aínda que a entrada é gratuíta, para asistir cómpre reservar por adiantado no teléfono 981 543 017.
Pola noitiña, a partir das 21 horas, o público adulto vai ter a oportunidade de gozar coas historias de Rubén Martínez nunha función titulada ‘Dous ventos’ no Centro Xove da Almáciga (entrada gratuíta, reservas na web festivalatlantica.gal). Os ventos que sopran desde a Venezuela natal deste contador mestúranse cos que zoan os contos do Mediterráneo, onde Martínez leva a vivir vinte anos. O resultado é unha amálgama de vivencias que se reflicten na cadencia e na voz de alguén que é de acá e de acolá, como os contos de ‘Dous ventos’.
Sobre os artistas
A galega Charo Pita naceu á idade de seis anos cando rematou de ler o seu primeiro libro. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94, como narradora en solitario, dentro de espectáculos bilingües inglés-galego, ou en sesións nas que se combinan os contos e a música. Como escritora ten máis dunha ducia de libros publicados. Recibiu algúns premios literarios, o premio Espiral Maior de poesía no ano 2001 e no 2018, ou o Manuel Murguía de narracións breves para adultos, entre outros. Participou tamén en proxectos musicais e teatrais como na Nena e o grilo no país das apertas xunto a Magín Blanco, en Estamos no verán xunto a Xoán Curiel ou en No país do vento da man de María Faltri e Jorge Juncal.
Noelia González, alias ‘Carioca’, é licenciada en Pedagoxía, pero dende que descubriu o poder da palabra dedícase á narración oral. Leva os seus contos a escolas, bibliotecas, prazas e garderías, sempre coa maleta chea de obxectos que toman vida nos seus espectáculos. Compaxina os contos coa docencia nunha escola de circo e coa interpretación.
Rubén Martínez é xornalista, músico, escritor, actor, contacontos e director do Festival de Narración Oral de Barcelona ‘Munt de mots’. Atesoura trinta e cinco anos de profesión, cheos de creatividade, traballo e moita imaxinación. Foi pioneiro da narración oral en Venezuela, Chile e Cataluña. Formador de narradores e narradoras orais no Programa Atrapa la Paraula, do Consorci de Biblioteques de Barcelona dende o ano 2002.
Máis Atlántica, máis contos
O Festival proseguirá durante os días 10 e 13 de novembro e o 5 e 6 de decembro con máis actuacións noutros concellos galegos. A información sobre os artistas pódese consultar na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Tamén están dispoñibles o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites. Dada a cambiante situación sanitaria, esta programación está suxeita a modificacións, pero calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.