A banda de rock galega avanza en exclusiva na súa plataforma de YouTube o corte número catro do seu traballo ‘Unha noite no interior dunha faísca’ (Lobicán Records 2023), que verá a luz o vindeiro 18 de marzo

‘Vaia onde vaia’ é un ska clásico que invita ao bo rollo e ao baile e no que salienta a voz da baixista Xulia Fuentes como cantante

A banda de rock galega Ruxe Ruxe vén de estrear este luns, 27 de febrero, novo tema e novo videoclip. ‘Vaia onde vaia’, que se pode escoitar en exclusiva no perfil de YouTube do grupo, é un novo avance do seu disco ‘Unha noite no interior dunha faísca’ (Lobicán Records, 2023), que verá a luz en todas as plataformas o vindeiro 18 de marzo.

‘Vaia onde vaia’ é un novo aperitivo do que o público poderá escoitar ao vivo na Sala Capitol o sábado 25 de marzo, no concerto de presentación do novo traballo discográfico de Ruxe Ruxe. Trátase dun ska clásico que invita ao bo rollo e ao baile, e no que a banda sorprende ao público cun xiro de de guión: desta quenda, a voz é a da súa baixista, Xulia Fuentes. Gravado na Unitaria de Santiago de Compostela por Alberto Lora (Galunk Producións), a nova pista conta coa dirección de Marcos PTT e os bailes de Smara, Hugo, Sandra Camalea, Ruth, Cris e Alexis.

‘VAIA ONDE VAIA’

Hoxe espertei con ganas de escapar.

Botarme a correr e non mirar atrás.

Largarme de aquí e non volver nunca máis.

Pero o mundo está tan derruído 

vaia a onde vaia. 

Todo é igual de deprimente

vaia a onde vaia.

Así que eu voume pra a taberna 

ata que me caia.

Entrei, sentei ao fondo da barra.

Soaban os Clash e a xente toda bailaba.

Risas e cheiro a marihuana.

Pero o mundo está tan derruído 

vaia a onde vaia. 

Todo é igual de deprimente

vaia a onde vaia.

Así que eu voume pra a taberna 

ata que me caia.


RUXE RUXE 

Ruxe Ruxe é un grupo de música galego nacido en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996, da man de catro amigos do instituto, tres dos cales (Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira) conforman agora o núcleo veterano da banda. A baixista Xulia Fuentes incorporouse á banda no ano 2019. A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. Nas súas letras, en galego e de temática moi variada, predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico.

En 1999 sacaron o seu primeiro disco, de título homónimo. Ademais de 13 LP’s, teñen varios EP’s, unha banda sonora, unha curtametraxe, un documentario sobre o grupo e incontábeis colaboracións, sumando concertos durante máis de dúas décadas por toda España, Portugal e Italia. O seu 25 aniversario celebrouse no ano 2021 cunha exposición que recolleu o universo gráfico do grupo, protagonizada por algúns dos deseñadores máis influentes da nosa historia recente. Ao mesmo tempo, 32 bandas galegas rendéronlles homenaxe coa gravación do disco tributo ‘25 anos ruxindo’.

Tras 26 anos de carreira, Ruxe Ruxe ven de pechar un 2022 cheo de concertos e festivais con tanta sona coma o Resurrection Fest, o Surfing the Lérez ou o Festival de la Luz, entre moitos outros. E iso foi porque, como todos saben xa, a banda de Aríns está a facer os mellores directos da súa dilatada historia.

Este 2023, o grupo presenta o seu esperado novo disco, ‘Unha noite no interior dunha faísca’ (Lobicán Records, 2023), que verá a luz en todas as plataformas o vindeiro 18 de marzo e que promete unha evolución, un cambio significativo no son da banda e moitas sorpresas.

Ruxe Ruxe é, sen dúbida, un referente do rock galego, movéndose á marxe dos grandes poderes da cultura, das modas e do politicamente correcto. “Co espírito de loita por bandeira, do rock do país, do rock libre e de combate, do realismo máxico e do corpo a corpo sincero, directo e emocional”, a esencia do ADN dos Ruxe Ruxe queda patente en cada disco editado e en cada concerto que deron dende os seus inicios no ano 96. “Ser de aquí e dun tempo”, que diría Celso Emilio Ferreiro; “rapaces da aldea máis non uns ninguéns”, que diría Xosé Neira Vilas.

20230327-NP-Ruxe-Ruxe