A Rede do Patrimonio presentou por rexistro unha solicitude que considera primordial na salvagarda da saúde do noso patrimonio. Que se poñan á disposición pública, na rede, as fichas de catalogación referidas as áreas perimetrais de cada parque

As entidades adheridas a REDE do PATRIMONIO EXPOÑEN:

1.     Que é de todos/as sabido que neste momento están en tramitación (en fases diferentes) preto de 200 proxectos eólicos no territorio galego.

2.     Que as obras previstas van traer consigo unha grandísima repercusión sobre o patrimonio natural e cultural do país.

3.     Que nunca antes se puxeron en marcha dun xeito simultáneo tantas obras de promoción privada e desta magnitude.

4.     Que é previsible a irreversibilidade de moitas das accións que se acometan.

5.     Que as dimensións tan extraordinarias destes proxectos demandan tamén un esforzo extraordinario na protección do noso patrimonio.

6.     Que é dificilmente entendible o silencio da Dirección Xeral de Patrimonio ante todas estas obras e ás posibles agresións que poden supoñer sobre o patrimonio. 

7.     Que tal e como recentemente se acaba de demostrar co informe do ICOMOS sobre a Candidatura da Ribeira Sacra para Patrimonio Mundial, que obrigou á súa retirada, a instalación de parques eólicos pode impedir futuros desenvolvementos en amplas zonas do territorio ao ficar alterada a súa paisaxe e patrimonio.  Citamos: 

ICOMOS notes with some concern the visual impact of wind turbines on the proposed Outstanding Universal Value of the nominated property. One large wind farm is located in the buffer zone between two of the nominated property’s components, and three others, while more distant, are also visible.

2021. Evaluations of nominations of cultural and Mixed Properties. Icomos report for the World Heritage Committee. 

44 extended session. Fuzhou (China)/ online meeting 16-31 July 2021. 

WHC-21/44. COM/INF. 8B1

E é por iso que, en nome das asociacións e colectivos asinantes, SOLICITAMOS:

1.     Que se poñan á disposición pública, na rede, as fichas de catalogación referidas as áreas perimetrais de cada parque en tramitación facilitando á veciñanza a elaboración das alegacións.

2.     A creación dunha Comisión de asesoramento técnico con carácter multidisciplinar e independente que estude un por un cada proxecto eólico xa nas fases primeiras de tramitación e que advirta das posibles afectacións sobre o Patrimonio cultural.

3.     Que esta comisión elabore de oficio informes para cada un dos proxectos.

4.     Que a Comisión advirta aos órganos asesores competentes sobre Patrimonio (Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes do Rosario, Universidades) daqueles bens do Patrimonio que se atopen ameazados ou en perigo polos proxectos eólicos en tramitación e que, estes órganos, á súa vez tamén se pronuncien ao respecto.

5.     Que con carácter preventivo se paralice calquera posible obra sobre a que recaia sospeita de posible destrucción irreversíbel do Patrimonio ata que os tribunais se pronuncien, no caso de estar en litixio, e sempre que as partes demandantes lle comuniquen formalmente á Consellería de Cultura a presentación destas demandas.

6.     Que os Servizos Xurídicos da Consellería de Cultura estuden personarse naqueles procedementos xudiciais nos que se dirima a posible destrución de Patrimonio antes, durante ou despois das obras de execución dos proxectos eólicos.
— 
Rede do Patrimonio Cultural

Facebook RPC
Twitter