O FESTIVAL ATLÁNTICA CELEBRA DEZ ANOS CONSOLIDÁNDOSE COMO UN REFERENTE DOS ENCONTROS DE NARRACIÓN ORAL NACIONAIS E LUSÓFONOS
· Entre o 30 de xuño e o 9 de xullo, Atlántica levará os contos de 42 artistas a 24 concellos repartidos polas catro provincias galegas
· Será un total de 94 funcións de narradores de Colombia, Brasil, Arxentina, Portugal, Marrocos, Zamora, País Vasco, Valencia e Galicia
· Practicamente todos os espectáculos serán ao aire libre, moitos deles en espazos de gran valor patrimonial e natural
O Festival Atlántica vén de anunciar este mércores o programa completo da súa décima edición, que se vai celebrar entre o 30 de xuño e o 9 de xullo. A presentación tivo lugar nunha rolda de prensa na que participaron Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural do Santiago de Compostela; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Ademais, tamén acudiron ao acto numerosos representantes de concellos, asociacións e colectivos colaboradores do festival.
Felloza manifestou a súa ledicia polo décimo aniversario do festival e salientou que “en estes anos non se acomodou e segue a apostar pola innovación e a hibridación de formatos e a fusión con outras disciplinas” pero sen esquecer un dos seus principais obxectivos “facer falar o noso territorio, o noso patrimonio material, nun diálogo co patrimonio inmaterial das historias”.
Pola súa banda, Xurxo Couto aproveitou a súa quenda para “poñer o valor o traballo da organización do festival co asociacionismo local” e o seu esforzo “pola dignificación profesional so sector que se dedica á narración oral”. No que respecta a Mercedes Rosón, subliñou a “calidade maiúscula” do programa de Atlántica e a profusión de actividades que acollerá Santiago, “sede primixenia” do encontro.
Na súa intervención Anxo Lorenzo reafirmou o compromiso do Goberno galego con este festival, “un dos máis importantes da Península Ibérica e referente da lusofonía neste eido”, pola súa “contribución ao intercambio entre os pobos e á descentralización da oferta cultural, cun calendario de actuacións nunha vintena de concellos de todo o territorio galego”, indicou.
Intenso programa
Máis corenta artistas actuarán nas 94 funcións previstas nos 24 concellos repartidos nas catro provincias galegas. O Festival Atlántica, que celebra dez anos ininterrompidos de actividade malia a pandemia, vaise desenvolver de novo no verán, con boa parte dos espectáculos ao aire libre e en espazos de gran valor patrimonial.
Ao longo destes días xuntaranse en Atlántica artistas internacionais como Carolina Rueda (Colombia), Vitoria Siedlecki (Arxentina), Claudia Fonseca (Brasil), Sofia Maul (Portugal), Vítor Fernandes (Portugal) ou Estefânia Surreira (Portugal), pero non faltarán voces nacionais como as de Virginia Imaz (País Vasco), Félix Albo (Valencia) ou José Luis Guiérrez ‘Guti’ (Zamora). O programa complétase cunha nutrida nómina de contadores galegos en consonancia co arraigamento que a tradición oral ten no país: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín, Paula Carballeira, Santi Prego, Avelino González, Lois Pérez ou María da Pontragha, son algúns dos participantes da décima edición.
Atlántica repite este ano a fórmula estival que tan boa acollida tivo o pasado ano así que os contos do festival volverán escoitarse en lugares emblemáticos do patrimonio galego, moitos deles declarados Ben de Interese Cultural. Entre os escenarios de Atlántica figurarán, entre outros, a Torre do Allo en Zas, o Castelo de Castrodouro en Alfoz, o Centro de Interpretación de Cadoval, en Mugardos, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, o Castro de Castrolandín, en Cuntis, ou o hórreo de Carnota, o máis longo de Galicia. Pero Atlántica non esquece os lugares tradicionais de traballo e tan vinculados aos contos como as eiras de Traxeito e de Beixo en Dodro ou os lavadoiros premiados de Penisqueira e Artes en Ribeira.
Os espectáculos tamén terán lugar en zonas naturais como praias, carballeiras ou fragas autóctonas poboadas de petróglifos. Entre as novidades desta edición figura unha sesión de contos de Avelino González durante a subida ao monte Pindo, situado na Costa da Morte e considerado o Olimpo da mitoloxía celta. Tamén haberá contos con Anxo Moure nas casas das árbores en Chantada.
Festa rachada de contos e máis
Atlántica vai inaugurar oficialmente a súa décima edición cun encontro de dous grandes da narración oral galega, Paula Carballeira e Quico Cadaval, no parque de Bonaval de Santiago. Esta fórmula de duetos vaise repetir noutras xornadas do festival, combinando artistas de diferentes procedencias que compartirán co público as súas historias e xeitos de contar.
Haberá funcións ao longo do día e pensadas para todo tipo de público. Así, por exemplo, o parque de Bonaval será a sede do ‘Espazo bebés’ e tamén está previsto un ‘Espazo familias’ que rotará por diversos puntos de Santiago e que chegará ás outras sedes.
Ademais, este ano amplíase o número de funcións con interpretación en lingua de signos e haberá tamén contos narrados en lingua de signos nun dos espectáculos máis singulares desta edición: ‘Contando polos dedos’, con Quico Cadaval e Chusa Pérez de Vallejo nos xardíns da Fundación Pública Galega Camilo José Cela en Padrón. Alén diso, por primeira vez, vai actuar no festival un contador non vidente. Trátase de Francisco de Romualdo que, acompañado da zanfona, está a recuperar os cantares de cego de antano.
Tamén regresan os itinerarios narrados que sempre esgotan as prazas ofertadas. Este ano o público poderá revivir con Carme Varela as historias da súa obra ‘As desterradas’ e descubrir coa arqueóloga Rebeca Santos os segredos que agochan as pedras de Santiago. Ademais, haberá unha visita exclusiva á exposición ‘Santiago no tempo’ na compañía do seu comisario, Manuel Gago.
A música volverá ás rúas de Santiago, nun convite aberto ao público que queira unirse á festa. Así, este ano vaise retomar a colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago nunha ‘Romaría’ moi especial na que participa Celso Fernández Sanmartín (30 de xuño, Praza de Praterías), pero tamén regresará a ‘Gaitazumba’ de Luis Prego e a música e os contos de das catro estacións de Vivaldi grazas a ConcertArt (2 e 9 de xuño, respectivamente, na Praza de Cervantes).E en harmonía co carácter festivo desta edición, a música de Pakolas, Pablo Díaz e Brais das Hortas tamén estará presente noutras sedes.
Un mar de contos
Ao longo destes dez anos de vida o Festival Atlántica foise consolidando como un dos eventos de narración oral máis senlleiros do panorama nacional e un referente dentro da lusofonía. Concibido coa vocación de ser un encontro de voces e historias con perfil atlantista, cada ano reúne en Galicia contadores de diferentes países unidos polo océano Atlántico, aínda que paulatinamente fóronse engadindo convidados doutras rexións. Este ano, por exemplo, participa o valenciano Félix Albo en representación do Mediterráneo.
Unha das características do festival é o seu espírito de deslocalización en todos os sentidos. Así, no ano 2017 inaugurou o formato multisede que sacou as actuacións de Santiago de Compostela e empezounas a repartir por todas as provincias galegas. Seguindo esta filosofía, nesta edición haberá actuacións nas localidades de Ferrol, Teo, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Padrón, Paderne e Zas, ademais de Santiago de Compostela.
Este afán de deslocalización é tamén o que impulsa á organización do festival a programar en espazos diversos. As historias de Atlántica contáronse en bares, auditorios, parques, centros escolares, hospitais, barcos, castros, pazos, rúas, cemiterios e mesmo peregrinando no Camiño de Santiago. Outro dos trazos distintivos é a súa diversidade de propostas: contos en lingua de signos, sesións con cans, paseando pola cidade ou historias murmuradas ao oído, entre outras.
Atlántica Miúda
Previamente á inauguración oficial do 30 de xuño, o festival Atlántica tamén vai desenvolver un intenso programa concibido para o público infantil e que estará presente en centros de ensino e bibliotecas de Santiago, Vigo e Ames. Este ano tampouco faltará a colaboración coa Aula de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).
Dossier-Atlantica-2022