Está aberto o prazo de inscrición no terceiro dos paseos pola Coruña literaria desta primavera. Será o sábado 12 de maio, a partir das 12:00, Un paseo con Álvaro Cebreiro guiado por Siro López.

Cebreiro foi un espléndido debuxante que empezou á sombra de Castelao, pero non tardou en crear un estilo persoal como humorista gráfico e caricaturista. Un profesional interesado na arte europea do seu tempo que fixo interesantísimas achegas á ilustración galega. Percorreremos a cidade para pasear polos lugares relacionados con el e chegaremos á Praza do Humor, espazo propio para falar do papel que xogaron os humoristas nos movementos sociais progresistas.

Paseos pola Coruña literaria é unha iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) coorganizada e co apoio do Concello da Coruña. Son visitas guiadas pola Coruña da man das escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.

Cada un dos paseos está limitado a 55 prazas para maiores de 16 anos, e é necesaria a inscrición previa, gratuíta, que se pode facer de xeito presencial na Conserxaría do Centro Ágora (Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña), no teléfono 981 189 888 (a partir das 9:00) ou enviando un correo electrónico a  lingua@coruna.es, onde deberán constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.

*Información achegada dende a AELG