Este próximo sábado, día 9 de febreiro, ás 20 hrs, Paloma Suanzes dará un concerto na Casa-Museo Manuel María.
O espectáculo musical que leva por título “Verbas de Auga” será un concerto íntimo dos que vén dando, nestes últimos anos.
Cantautora de longa traxectoria musical, ten un traballo editado, “Feitizo”, e colaborou en distintos discos como “Catro mulleres, catro estilos, catro voces”, xunto a María Manuela, Julie Guravich e Claudia Campos. Compartiu escenario, entre outras, con Uxía Senlle, María Manuela, Sonia Lebedynski, Mercedes Peón, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Guadi Galego e Ugia Pedreira, no espectáculo “Son Delas”. Xunto a Miguel Mosquera creou o dúo musical, “Alba Nocturna”.
Nos últimos anos, alén de pequenas actuacións, Paloma Suanzes centrouse na súa formación, adicándose a compor, escribir e formarse como directora de coro, cantante lírica e mestra de música. Na actualidade, prepara a gravación de novos temas que formarán parte dun novo proxecto musical persoal.
A entrada é libre até encher o aforo. Reservas en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel 698177621.
*Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María.