Paco Nogueiras estará este sábado, 26 de xaneiro, ás 18 horas, na Casa-Museo Manuel María, co seu espectáculo musical Radio Bulebule. O medio radiofónico inspira este espectáculo que se recolle nun libro-CD composto de doce cancións en que a modo de programación dunha peculiar emisora non faltan a sintonía de entrada, axenda cultural, faladoiro, magazine de variedades -tendencias, ciencia, natureza…-, música, noticias, deporte, previsión metereolóxica…

Esta radio itinerante, ambulante e cantante convídanola a vivir en directo Paco Nogueiras a través dun espectáculo participativo, con colorido e expresividade e cunha chea de composicións e melodías que destacan polos ritmos modernos, pegadizos e bailábeis.

As entradas (2 euros o billete) deste espectáculo dirixido para as crianzas e familias (acaído para nenas e nenos entre os 5 e os 11 anos) poden reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.

*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María.