Os Vilares deu ao poeta, criado nas terras de trapeiros e canteiros, zoqueiros, de labregos e tamén de ferreiros. Non é casualidade que a “capital” da parróquia se chame As Reixas que como definiu o profesor Gonzalo Navaza para o libro de Pas Veres, As Reixas, puidera ser derivado de reixas de ferro ou ben, o máis probable, da labor de voltear a terra cun arado, en plural.
En calquera caso, os ferreiros son parte fundamental na historia e non o son menos na historia do noso rural. Os oficios complementan as necesidades dos labregos fabricando toda unha diversidade de apeiros que facilitaron en tempos moi duros a vida dos nosos antergos. Oficios que deixaron pegada no noso patrimonio arqueolóxico e etnográfico e dos seus autores e artes temos coñecemento por persoas como Raúl Río, que é desa xente que silenciosamente, vai recollendo, co seu ouvido de grande escoitador, coas suas cámaras e coas súas letras a memória do que aconteceu.
Así llo recoñeceron premiandoo coa Navalliña de Manuel María os da irmandade do poeta, do que foi grande amigo persoal e así a própria parróquia da que é orgulloso indíxena, Os Vilares, nomeandoo Trapeiro de Honra no ano en curso.
Raúl ten alma de cronista, testemuña ao pé do presente con vocación de historia e tamén coidador daquelas cousas pequenas que é quen de valorar e convertir en importantes tal e como o seu benquerido Díaz Castro plasmou mesas herbas pequerrechiñas sen as que o mundo non sería nada.
Desta volta deixa aquí para quen lle poida interesar e para os que veñan detrás, outro anaco desas pequenas herbas de ferro mildeadas por xentes humildes pero coa firmeza do metal e un corazón grande como o universo enteiro.
Este traballo de Raúl sairá en forma de artigo, máis curto en outros medios, máis aquí temos a sorte de contar co traballo íntegro, o que agradecemos e do que nos sentimos honrados.
A forxa de Raúl, non fai ferros, rescata ferreiros do óxido dos tempos nesa homenaxe da memoria e do respeito ao noso pasado, que é a maneira de fornecer o futuro. Os Ferreiros dos Vilares, da Chaira e do mundo enteiro son, somos os que petando no ferro do presente debemos forxar un mundo mellor…
O noso respeito a Raúl Río, ferreiro.
Velaí o enlace a dito documento.